DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto de graduación dos graos e mestrados da EEME no Teatro Afundación

78 novos profesionais do eido mineiro e da enerxía culminan os seus estudos

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 10/07/2018

Para algúns será un punto e aparte e para outros un punto e seguido, pero para todos eles e elas o acto de graduación foi unha festa, o fin dunha etapa ben como estudantes de grao ben como alumnos de mestrado. En total, 78 novos egresados e egresadas da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía recibiron os seus diplomas e bandas no derradeiro acto de graduación do campus de Vigo neste curso 2017-2018. 

En total graduándose 48 estudantes da quinta promoción do grao en Enxeñaría da Enerxía, 15 da quinta promoción do grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, 13 da terceira promoción do mestrado en Enxeñaría de Minas e dous do mestrado en Xeoinformática. No activo estiveron presentes a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o delegado Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves; a directora da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía: Elena Alonso; o decano-presidente do Colegio de Ingenieros de Minas del Noroeste, Juan José Fernández e o decano-presidente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia, Atanasio López.

O acto arrancou coa lección maxistral de Ramón Silva, xefe de Control Técnico e Operacións na Unidade de Operacións de Recursos Naturais de Naturgy, que deu paso ás palabras de recoñecemento e felicitación das autoridades así como dos padriños da quinta promoción dos graos, os profesores Daniel Villanueva e José Santiago Pozo, e da madriña da terceira promoción dos mestrados, a profesora Marta Cabeza. A directora do centro, Elena Alonso, que asumiu esta responsabilidade a pasada semana, remarcou no transcurso do acto “o labor dos equipos directivos precedentes” e apuntou os retos e liñas de futuro para a escola, que pasan principalmente pola captación de estudantes e a visibilización da actividade profesional dos egresados. “Temos a responsabilidade de seguir formando técnicos do noso tempo”, explicaba, e para iso amosou o seu compromiso por intensificar o traballo en dúas liñas: “a primeira, relativa á colaboración con empresas e a segunda, referida á internacionalización, potenciando a mobilidade de estudantado e profesorado e a impartición de docencia en inglés en todas as titulacións do centro”.