DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase entre o 17 e o 19 de setembro

A 7ª edición do Pont-Up Store presentará 46 startups galegas innovadoras e creativas

Foron seleccionadas entre 149 candidaturas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI 23/07/2020

Tras un difícil proceso selección no que se valoraron as 149 candidaturas de novas empresas galegas e estatais, o comité organizador da Pont-Up Store fixo pública este xoves a lista definitiva de participantes. Nesta 7ª edición do encontro, liderado polo Campus CREA, vanse presentar os emprendementos dun total de 46 empresas que destacan pola innovación e a creatividade das súas propostas. O director do evento, o profesor do Departamento de Organización de Empresas e Marketing Pedro Figueroa, valora moi positivamente estes resultados de inscrición, cos que, a pesares da recesión económica provocada pola pandemia e de contar con dez días menos de prazo, conseguiuse igualar practicamente o número de empresas que optaban a participar no evento de referencia do novo emprendemento no noroeste peninsular.

Deste xeito, Pontevedra converterse, entre o 17 e o 19 de setembro no referente do novo emprendemento cun programa que se desenvolverá en formato híbrido, combinando actividades en liña con presentacións ao vivo desde a carpa que se situará n Praza de España e outras localizacións da cidade. En total van participar nesta sétimaª edición 36 empresas con stand, dez empresas que desenvolverán actividades demostrativas na carpa, e outra oito no talent business Pont-Up Exprés.

Pont-Up Store conta co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante os últimos seis anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra durante tres días na capital galega das mellores iniciativas empresariais.

Satisfacción pola cantidade de propostas presentadas

Desde a organización, amosan “gran satisfacción” por estes resultados cuantitativos, así como polos datos que se desprenden ao analizar a procedencia das propostas  participantes. As novas empresas implantadas no rural continúan medrando e consolidando unha tendencia de emprendemento; a provincia de Pontevedra volve confirmarse como a área con máis pulo emprendedor; aínda que, con respecto a edicións anteriores, increméntanse as solicitudes procedentes do resto de Galicia e tamén os emprendementos radicados fóra de Galicia, o que confirma unha vez máis ao Pont-Up Store como o encontro de referencia do novo emprendemento no noroeste peninsular.

En canto aos sectores destas empresas emerxentes, o encontro volve rexistrar unha participación multisectorial con moita diversidade nas tipoloxías participantes e gran presenza de emprendementos innovadores e creativos. A gastronomía é a actividade arredor da que xiran A Factoría do Lume con elaboración artesá de salsas e produtos picantes; Bilurico Ready to Drink Tea con tés e infusións ecolóxicas en botella; Minsterio Brewing, unha pequena marca de cervexa independente; Trigo Limpio, que cultiva, amasa e coce fariña de trigo galego elaborada con técnicas tradicionais; Tappear Drinks & Tapas, un app con información de interese sobre bares; e Chack Moll Taquería Mexicana.

Arredor da moda, os complementos, a xoiería e as tendencias haberá un numeroso grupo de empresas que destacan polo seu enfoque social: Conloquetengo, Contraform, A Ovella Negra, Aifalaches.Gal, Bink&Plue, Fio de Martié, Nael Swimwear, Nai Deseños, O Faneco, Offconnection, Mii And Loli e Panda Bohème.

No que se refire ao eido artístico, seleccionáronse as empresas Amalgama Xestión Artística, Xeitosa Producións, Ar De Arte, Baia Fernández De La Torre, Membrilla, Hollymara, Creativas Galegas e La Parabólica. Coa sustentabilidade como eixo central presentarán as súas propostas Corazón de Carballo Granxa Escola, Ertha Surfboards e Euca Green. No ámbito dos servizos para eventos participarán Pixelecer Audiovisual, Rayonubesol Photo e Helte Design.

Coa actividade centrada no rural galego, participará Smartwood, unha ferramenta orientada á mellora da produtividade e o rendemento das explotacións agrícolas e forestais e, coa vista posta na innovación a partir da tecnoloxía e o abastecemento enerxético e o marketing estarán Weet Energy & Telecom, a plataforma de dixitalización Xermy e a consultoría de innovación I+ADN con interesantes patentes en fase de comercialización.

Algunhas das empresas que participan con postos desenvolverán tamén actividades demostrativas. É o caso de Creativas Galegas, que presentará a súa marca a partir da creación dun ‘cadáver exquisito’ traballando en directo con artistas de diferentes sectores durante os días do encontro. Bilurico Ready to Drink Tea ofrecerá unha cata dos seus tés e infusións embotelladas; Xeitosa Produccións programará miniconcertos en formato showcase das artistas que representan, e tamén impartirán un curso de produción dun evento musical e  Etha Surfboard ensamblará en directo unha táboa de surf de madeira a partir dun kit de auto-construción. Entre as que teñen só presenza con actividade están Queixo e Aparte, que fará un pequeno obradoiro-degustación sobre o mundo do queixo; Fento Moda Sustentable Galega, cunha charla que será retransmitida en streaming sobre os impactos medioambientais e sociais do téxtil; Koompany gravará un podcast en directo sobre o marketing dixital e impartirá un obradoiro sobre a internacionalización dixital para emprendedores; Migueroa Ocio Educativo ten preparado un obradoiro de creación de instrumentos musicais a partir de refugallos e La Parabólica, con Julia de la Cal á fronte, ofrecerá unha demostración de cestería contemporánea.

Pont-Up Exprés

O Pont-Up Exprés optará polo formato talent business que, nesta edición, dará a oportunidade a oito startups galegas de explicar en cinco minutos o seu emprendemento a representantes de importantes empresas e entidades galegas. Entre elas, Margarita Hermo, directora da Asociación Galega de Empresa Familiar e responsable de Relacións Institucionais da corporación empresarial conserveira Jealsa; Emilio Bruquetas, director xeral do grupo enerxético galego Reganosa Holdco; Ángel González Calvo, presidente executivo da compañía internacional especializada en iluminación, sinalización e mobiliario urbano, SETGA que, xunto con Virginia Pozo, fundadora, CEO e directora creativa da firma de moda internacional Coosy, representarán a internacionalización de empresas con base e orixe en Pontevedra. Ao igual que o ano pasado, as presentacións serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica por parte das persoas escoitantes. As empresas que presentarán os seus emprendementos a este comité de expertos son The Good Shop, Anainas Skin Peace, Vivegreens, Ertha Surfboards, Smartwood, Versos de A Ruda, O Galpón Lab e A Factoría Do Lume.