DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na quinta edición do proxecto ‘Te lo cuentan las matemáticas’, finaciado pola Fecyt

800 escolares de Vigo e Pontevedra comprenden conceptos matemáticos “á través do descubrimento”

Pertencentes a once colexios vigueses e tres pontevedreses

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 29/11/2024

Utilizar unha ferramenta de programación para cifrar e descifrar mensaxes, calcular a ruta máis curta entre dúas cidades, empregar a estatística para tomar decisións nun partido de baloncesto ou colaborar nunha investigación policial descifrando códigos. Estas son algunhas das propostas a través das que o proxecto Te lo cuentan las matemáticas busca amosar a utilidade social e tecnolóxica desta ciencia a 800 estudantes de primaria de 14 colexios de Vigo e Pontevedra. Coordinado pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marta Pérez, nestas semanas botaba a andar a quinta edición deste proxecto de divulgación, que conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e do Concello Social da Universidade de Vigo. Facíao cunha serie de talleres impartidos por máis de 80 estudantes da facultade, aos que se sumarán unha serie de encontros con investigadores e investigadoras, co obxectivo de complementar a formación do alumnado de primaria a través dunha serie de actividades orientadas a que, “a través do descubrimento e da manipulación, comprendan conceptos matemáticos”, como salienta a coordinadora deste proxecto.

“Máis que nos procedementos, o proxecto fai énfase na comprensión”, en que nenos e nenas “comprendan conceptualmente o que están facendo e para iso axudámonos en experiencias concretas”, sinala Pérez, coordinadora do grupo de innovación docente MaReMa (Materiais e Recursos para as Matemáticas). Con esa idea, desenvólvense nos diferentes centros unha serie de talleres de carácter manipulativo e tecnolóxico, dirixidos a xerar unha “aprendizaxe significativa”, que contribúa a “mellorar a súa capacidade de razoamento matemático”. Así, a quinta edición de Te lo cuentan las matemáticas arrancou cun taller manipulativo centrado na criptografía en quinto curso e outro baseado nos códigos en sexto, aos que este venres se lles deu continuidade con dous talleres tecnolóxicos, centrados nestes mesmos conceptos. “Neles tiñan que utilizar a ferramenta Scratch para cifrar e descifrar mensaxes e para coñecer como se crean códigos como o que se utiliza para o NIF”, apunta Pérez. 

14 colexios e 84 estudantes universitarios

Estes talleres son impartidos de xeito simultáneo por 84 estudantes do Grao en Educación Primaria nos catorce centros participantes; os colexios pontevedreses San Martiño, Xunqueira II e Froebel; os CEIP vigueses Paraixal, Vicente Risco, Eduardo Pondal, García Barbón, Santa Mariña, Balaídos, Alfonso Rodríguez Castelao, Virxe do Rocío e Chans de Bembrive, e os CPR Andersen Augalonga e Colexio Alba, tamén de Vigo. Tras os desenvolvidos nestes días, os talleres dos dous seguintes trimestres levarán o estudantado a coñecer o papel das matemáticas na astronomía, no movemento, nos mapas e nos datos.

Promovido polo grupo MaReMa e coa participación de investigadores e investigadoras do CITMaga, o equipo do proxecto está integrado polos investigadores da UVigo José Manuel Casas, Raquel Meaños e Marta Pérez, os investigadores e docentes de secundaria Jesús Álvarez e Beatriz Álvarez e os profesores de primaria María Fernández Carrera e Benito Gil. 

Dar visibilidade á matemáticas de referencia

Os bloques programados para cada trimestre complétanse cos Encontros inspiradores, dirixidos a achegar ás e aos escolares a traxectoria de investigadoras e investigadores novos no ámbito das matemáticas e a que coñezan as achegas realizadas ao longo da historia por científicas de referencia neste campo. Estas actividades, que se levan a cabo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, combinando o seguimento presencial e virtual do estudantado, buscan contribuír a “espertar vocacións matemáticas entre os nenos e nenas de primaria”, así como rachar cos estereotipos asociados aos matemáticos e matemáticas. O primeiro destes encontros terá lugar o vindeiro mércores e permitirá coñecer tanto as traxectorias dos investigadores Xabier García e Pilar Páez como as de Ada Lovelace, Agnes Meyer Discroll e Dorothy Vaughan. Relacionados sempre con cada un dos tres bloques de contidos programados para cada curso, os seguintes encontros porán o foco nas achegas de Hipatia de Alexandría, Emmy Noether, Maryan Mirzakhani e Florecente Nightingale.

Formación para escolares, universitarios e docentes

Ao longo das súas cinco edicións, máis de 3500 escolares participaron nas diferentes actividades do proxecto, que, lonxe da aplicación de regras de forma mecánica, poñen o foco nas aplicacións das matemáticas na vida cotiá. Ao mesmo tempo, esta iniciativa contribúe tamén á formación do estudantado da facultade, “que se están formando nunha metodoloxía novidosa” e busca tamén ter un “impacto positivo”, como sinala Pérez, sobre o profesorado en activo, proporcionándolles ferramentas para a ensinanza das matemáticas. Nese obxectivo insírense tanto os recursos e materiais compilados na web de Te lo cuentan las matemáticas, como os cursos para profesorado que Pérez imparte nos CFR de Vigo e Pontevedra, orientados tanto a profesorado de primaria como de secundaria, co obxectivo “no só de formalos non nosos talleres, senón na metodoloxía, para que creen os seus propios”. Así mesmo, co propósito de divulgar uns talleres “que son moi adecuados para o público familiar”, o grupo MaReMa participou tamén nos últimos meses en diferentes iniciativas de divulgación científica, como a G-Night ou Pontenciencia.