A través de Campus Remoto e de correo, contestará ás cuestións do PDI, PTXAS e alumnado
‘O 9 ás 9’, o reitor responde en directo unha vez ao mes ás preguntas da comunidade universitaria
Cunha duración dunha hora
Todos os días 9 de cada mes, ás 9.00 horas, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, dedicará unha hora a responder ás preguntas que calquera membro da comunidade universitaria lle queira formular. A través de Campus Remoto, Reigosa contestará en directo en O 9 ás 9 ás cuestións que o PDI, o PTXAS e o alumnado lle trasladen, ben, escribíndoas no chat, ben, realizándoas empregando a cámara e o microfóno habilitados para as intervencións. Doutra banda, as persoas que desexen formular algunha pregunta ao reitor poderán facerlla chegar a través dun correo electrónico habilitado para este fin.
“Calquera que chama á porta da Reitoría sabe que o reitor o recibe, pero aínda me quedaba achegarme máis aos problemas da comunidade universitaria e ademais porque un ten a sensación de que todo o que se fai e todo o que se di chega, pero non chega. Así que neste ano 2025, porque logo xa entraremos en período preelectoral, tócame achegarme aos distintos colectivos “, sinala Manuel Reigosa en relación con esta canle de comunicación.
Como participar: en directo a través de Campus Remoto e por correo
As persoas que queiran formularlle algunha cuestión en directo ao reitor, sobre calquer asunto do ámbito universitario, ou simplemente seguir as intervencións unicamente terán que conectarse a Campus Remoto e entrar na sala denominada O 9 ás 9, a través do acceso establecido para o estudantado. Unha vez conectadas, as persoas que desexen interactuar co reitor, poderán escribir as súas cuestións no chat ou empregar a cámara e o micrófono para trasladarlle as preguntas sobre cuestións universitarias que consideren oportunas.
A outra alternativa a través da que a comunidade universitaria pode transmitir as súas preguntas ao reitor é utilizando o correo electrónico 99@uvigo.gal, especificamente establecido para este fin.
