DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As solicitudes poden presentarse ata o 21 de maio

Aberta a convocatoria de axudas para as accións de divulgación dos Grupos de Innovación Docente

Etiquetas
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 15/04/2021

A Escola Aberta de Formación Permanente acaba de lanzar unha convocatoria de axudas para a divulgación das actividades dos Grupos de Innovación Docente, GID. Estas achegas, que serán dun máximo de 500€, están destinadas á xeración de materiais docentes, ás actividades de divulgación e a participación en congresos. O obxectivo da convocatoria é crear unha rede de axudas para mellorar e optimizar a innovación educativa na UVigo. Deste xeito, as persoas coordinadoras dos Grupos de Innovación Docente poden solicitar unha destas axudas ata o 21 de maio.

Actividades obxecto da axudas

Os Grupos de Innovación Docente poderán solicitar unha das axudas desta convocatoria para a xeración de materiais docentes, como manuais, unidades didácticas, libros, capítulos, artigos relacionados directamente coa docencia, traducións e software con finalidade docente. A convocatoria tamén comprende achegas para actividades de divulgación docente como xornadas, conferencias e cursos que poderán estar destinadas á comunidade universitaria ou á sociedade, así como para a participación en congresos. 

As solicitudes deben ser presentadas a través da Sede Electrónica da Universidade de Vigo.

Os Grupos de Innovación Docente

Os Grupo de Innovación Docente son equipos de traballo estables de profesorado universitario que teñen como finalidade desenvolver accións dirixidas á formación, á innovación e á renovación do modelo educativo co obxectivo de favorecer a aprendizaxe do alumnado. Estes grupos permiten reflexionar sobre a práctica docente e constitúen un marco idóneo para impulsar o traballo cooperativo entre docentes de diferentes centros e ámbitos disciplinares que comparten obxectivos comúns.

A creación destes equipos de traballo favorece a participación activa do profesorado en grupos estables que leven a cabo actividades de innovación, renovación de metodoloxías educativas e afondamento nas competencias docentes. Ademais, outórgase maior recoñecemento, proxección e difusión ás accións así coma ao profesorado implicado e contribúese a xerar unha cultura cooperativa, interdisciplinaria e de formación permanente para o desenvolvemento profesional do profesorado.