DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsada polo SUG e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

Aberta a convocatoria para converterse en correspondentes universitarios

Para a difusión das diferentes iniciativas que a Xunta de Galicia ofrece aos mozos e mozas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 12/11/2020

Unha ponte entre a mocidade e as institucións. Con este obxectivo nace o programa de correspondentes universitarios, posto en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado (DXXPV) da Consellería de Política Social, en colaboración coas universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña. A finalidade é favorece a difusión dos diferentes programas, accións e iniciativas que a Xunta de Galicia ofrece aos mozos e mozas galegas, así como outra información de interese, entre o alumnado das tres universidades. Deste xeito, son os propios estudantes, como correspondentes universitarios, os encargados de transmitir esa información, o que favorece así a súa participación activa tanto na elaboración como na difusión da información entre iguais.

No curso pasado convertéronse en correspondentes 72 estudantes das tres universidades galegas, 19 deles na Universidade de Vigo. O alumnado que queira unirse a esta iniciativa durante este curso pode xa enviar a súa solicitude e a información está dispoñible na web de Voluntariado.

Que fan as e os correspondentes?

Os únicos requisitos para ser correspondente universitario é estar matriculado na Universidade durante todo o curso 2020/2021 e ter, como máximo 30 anos no momento da solicitude. Entre as súas funcións está difundir entre o alumnado a información sobre os distintos programas, oportunidades e iniciativas para a xuventude que promova a Xunta de Galicia e aqueles outros de interese que os mozos e mozas poidan coñecer a través dos medios ao seu alcance como redes sociais, medios de comunicación, páxinas web, etc. Ao longo do curso tamén se ocuparán de xestionar regularmente un taboleiro ou sistema de divulgación da información no centro que lle asigne a Universidade e, como novidade este ano, de colaborar cos centros na difusión de información relacionada coa situación sociosanitaria derivada da covid-19. Paralelamente tamén asistirán ás reunións de coordinación que se convoquen, así como aos cursos de formación organizados pola DXXPV ou as universidades, destinados ás e aos correspondentes universitarios/as.

Para afrontar estas tarefas, recibirán de balde formación en materia de información xuvenil e poderán obter o Carné Xove, o carné internacional de estudante (ISIC) e o carné de alberguista durante o ano escolar no que estean inscritos no programa. Ademais, recoñeceráselles o tempo dedicado como persoas voluntarias, así como a experiencia e competencias adquiridas, a través do certificado de educación non formal en materia de xuventude. A maiores, a Universidade de Vigo outorgaralles un certificado que será expedido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e a Universidade procederá ao recoñecemento dos créditos. Finalmente, as e os correspondentes universitarios tamén poderán participar, cando a situación de crise sanitaria o permita, de xeito gratuíto e durante unha fin de semana, nun encontro autonómico de correspondentes, incluíndo o aloxamento, a mantenza e a programación de actividades.