DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os grupos de investigación poden solicitalos ata o 15 de xaneiro

Aberta a convocatoria para a utilización de espazos de investigación no CITI

Disporán de oito laboratorios e tres salas con rede de voz e datos

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Marta Casanova DUVI 13/12/2007

O 15 de xaneiro é a data límite fixada para a presentación das solicitudes de espazos de investigación no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, que se prevé inicie a súa actividade no primeiro trimestre do ano 2008. A convocatoria, feita pública pola Vicerreitoría do campus de Ourense, fixa como requisitos mínimos o de pertencer á Universidade de Vigo ou a un centro público de investigación que teña asinado un convenio marco de colaboración coa Universidade, ou ben o de dispoñer dun proxecto de investigación vixente.
Lorenzo Pastrana, director do CITI explica que “abrimos a convocatoria porque a obra está a piques de rematar. Nos próximos meses instalarase o mobiliario e cara a primavera esperamos que os primeiros grupos poidan comezar a traballar. Para iso temos que facer un proceso de selección no que o criterio será a excelencia, que estean os mellores. Facémolo xa agora porque algúns grupos teñen particularidades e necesidades específicas para os que temos que axeitar os laboratorios” comenta.
Coa finalidade de centralizar a actividade investigadora e innovadora do campus de Ourense, e vertebrar a relación da Universidade de Vigo coas empresas, fomentando a transferencia, o CITI nace como unha aposta de I+D que pretende dotar ao campus das infraestruturas necesarias á hora de posicionarse como centro científico de referencia e atraer recursos externos. En palabras do seu director “o CITI ten moitísima importancia para a Universidade e en concreto para o campus. Nace coa vocación clara de ser un centro emblemático de I+D+i da provincia de Ourense no que as investigacións máis punteiras e máis aplicadas á empresa atopen un lugar físico de calidade e con garantías no que desenvolverse e por outro lado de achegarnos ás empresas. Está situado no Parque Tecnolóxico e non por casualidade senón pola proximidade co mundo empresarial”.

Requerimentos

O uso dos espazos de investigación (oito laboratorios modulares de entre 200e 100 metros cadrados, e tres salas con rede de voz e datos), debe ser solicitado á Vicerreitoría do campus de Ourense polo responsable do grupo de investigación, aínda que tamén se admitirán pedimentos mixtos respaldados por máis dun grupo. Xunto aos requisitos mínimos, os criterios de concesión contemplan criterios internos, para a usuarios da Universidade de Vigo, e externos. Os indicadores internos refírense á catalogación do grupo de investigación e a súa produción científica recente, mentres que os externos céntranse nos recursos do grupo, o período financiado e o valor engadido que se se desprende do uso dun espazo interrelacionado directamente coa empresa, especialmente no ámbito do Parque Tecnolóxico de Galicia.
Respecto do papel que xoga a Universidade no proxecto, o director do CITI destaca que “ten dous misións. Por un lado transmitir coñecementos e por outro xerar o coñecemento que transmite. Especialmente dende a cumio de Lisboa é tarefa das universidades intentar reverter o paradoxo europeo. Gastamos moito en investigación pero pouco dese coñecemento ten a súa tradución en forma de melloras na produtividade das empresas.A Universidade de Vigo está moi involucrada coa investigación e co tecido empresarial” conclúe.
A concesión de espazos será aprobada por unha comisión integrada polos vicerreitores do campus de Ourense e os directores do CACTI e do propio CITI.

Dotacións

O CITI ten tres tipos de espazos: os susceptibles de ser cedidos aos grupos de investigación que así o demanden, os de acceso común a todos os usuarios e os restrinxidos a persoal. Os primeiros son catro laboratorios modulares de 200 metros cadrados que poden ser de uso exclusivo ou compartido por varios grupos de investigación. A estes se suman outros catro laboratorios modulares de 100 metros cadrados e tres salas da mesma superficie con rede de voz e datos. Pola súa banda as zonas comúns a todos os usuarios están integradas por unha pranta piloto dotada con equipamento científico para traballos de biotecnoloxía, almacéns xerais e salas de refrixeración e conxelación, unha sala para servizos de investigación do campus de Ourense e un animalario. A superficie do CITI complétase coas zonas de servizo accesibles só ao persoal do centro, como espazos administrativos e instalacións taller.