As candidaturas poden presentarse ata o 15 de setembro
Aberta unha nova convocatoria do Premio atlanTTic á mellor tese no eido das tecnoloxías de telecomunicación
Para traballos defendidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025
O centro de investigación atlanTTic lanza unha nova convocatoria do seu Premio á mellor tese no eido das tecnoloxías de telecomunicación, un certame que busca recoñecer o traballo feito por aquelas persoas investigadoras cuxa tese doutoral represente un avance significativo no eido das tecnoloxías da telecomunicación baseado na innovación, a creatividade, a orixinalidade e o rigor científico.
En colaboración coa sección española do Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE), atlanTTic quere poñer en valor o labor científico, fomentando o avance do coñecemento nesta área e estimulando a actividade da comunidade investigadora. O premio, convocado en réxime de concorrencia competitiva, está aberto a persoas de calquera nacionalidade que defendesen a súa tese doutoral no eido das tecnoloxías de telecomunicación (comunicacións, servizos dixitais e/ou ciberseguridade) nunha universidade española entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025.
Entre os requisitos tamén se recolle o ter unha máxima cualificación (excelente cum laude) e ter publicado dous artigos JCR Q1/Q2 ou dispor dunha patente en explotación por un resultado da investigación realizada no contexto da tese doutoral.
Prazo aberto ata o 15 de setembro
O prazo de presentación das solicitudes finaliza o 15 de setembro e o premio ten un orzamento de 2500. As persoas interesadas en concorrer a esta convocatoria deberán presentar, ademais dos certificados correspondentes, unha breve explicación da relación do traballo realizado coas tecnoloxías de telecomunicación, facendo especial fincapé nos aspectos orixinais e innovadores e nos resultados obtidos. Tamén se deberá presentar un resumo, destacando a orixinalidade e innovación no ámbito técnico, e os cinco méritos máis significativos obtidos polo traballo realizado, indicando claramente a súa contribución (por exemplo publicacións de impacto, tanto en revistas como en congresos internacionais de gran relevancia, sempre na disciplina das Tecnoloxías de Telecomunicación, patentes, aplicacións comerciais, resultados de transferencia) e outros méritos (por exemplo, estadías no estranxeiro, premios recibidos, financiamento recibido).
Valoración da comisión
A comisión de avaliación valorará os traballos ata un máximo de 100 puntos. Deles, 60 corresponderán á calidade intrínseca da tese (10 polo resumo técnico; 35 pola súa orixinalidade e relevancia e outros 15 que dependerán da relevancia dos resultados para a industria ou a sociedade, a posibilidade de transferencia tecnolóxica ou o impacto no mercado). Os outros 40 puntos dependerán do perfil do autor ou autora: 25 polas súas publicacións de impacto e congresos relacionadas coa tese; 5 polas contribucións con resultado de transferencia e 10 por estadías en centros de prestixio ou implicación en redes de investigación relevantes ou participación en proxectos relevantes, nacionais ou internacionais, durante a realización da tese. O premio poderá considerarse deserto se ningunha solicitude supera o limiar de 65 puntos.
O gañador da pasada edición foi José Manuel Poyanco Acevedo pola tese Innovative 3D-Printed Designs for Millimeter-Wave Lenses and Meta-Lens Antennas presentada na Universidad Carlos III de Madrid.
