DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o vindeiro 15 de xullo poden solicitar unha praza no Programa de Maiores para o 2024/2025

Aberta a preinscrición para o estudantado sénior que aposte pola formación ao longo da vida

O PUM contou durante este curso con 500 alumnos e alumnas maiores de 55 anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 09/07/2024

Nunca é tarde para comezar a estudar, nin para ampliar a formación nin para reciclar os coñecementos. Esta é a filosofía coa que naceu no ano 2002 o Programa Universitario de Maiores, unha aposta da Universidade de Vigo por potencial a formación ao longo da vida pensada para calquera persoa de máis de 55 anos. Máis de dúas décadas despois, este programa segue sendo un éxito, con preto de 500 persoas inscritas neste curso que remata.

Para os que queiran comezar ou continuar cos seus estudos no vindeiro curso, o prazo de presincrición está aberto ata o 15 deste mes de xullo, tanto para ciclo intensivo como para o integrado no tres campus. De feito, como indican dende o Centro de Posgrao e Formación Permanente, en Vigo xa se cubriron todas as prazas ofertadas no ciclo intensivo, mentres que en Ourense e Pontevedra quedan praza dispoñibles nos dous

493 estudantes este curso

O programa estrutúrase en dous ciclos, o intensivo e o integrado, e está aberto a persoas que, por diferentes razóns, non puideron acceder á universidade no seu momento ou aquelas que, xa titulados ou tituladas, queiran ampliar ou actualizar os seus coñecementos. Polo tanto non é preciso contar con ningunha titulación previa. O único requisito é ser maior de 55 anos ou, no caso de quedar prazas, libres maiores de 50.

Sexa cal sexa o caso, o obxectivo do PUM é facilitarlles ás persoas adultas o seu desenvolvemento persoal, cultural e académico pero tamén incentivar as relacións interxeracionais e que a experiencia do alumnado sénior se mesture cos coñecementos da xente nova, creando novas relacións sociais, axudándolles no proceso de adaptación aos cambios dos tempos actuais e mellorando a súa calidade de vida.  

Neste curso que remata o Programa Universitario de Maiores contou con 493 estudantes, 439 deles no ciclo intensivo e 54 no integrado. Por campus, Vigo é o máis numeroso, con 236 estudantes no intensivo e 23 no integrado. En Ourense cursaron o intensivo 104 e o integrado 17, mentres que en Pontevedra, 99 se inscribiron no intensivo e 14 no integrado. En total, ofertáronse no Ciclo Intensivo 32 materias no campus de Ourense, 42 no campus de Pontevedra e 55 no de Vigo. No Integrado ofertáronse prazas en 93 materias do campus de Ourense, 47 materias no de Pontevedra e 79 materias no de Vigo. 

Seis cursos e dous ciclos

O programa completo comprende seis cursos divididos en dous ciclos: o intensivo, cunha carga docente de 60 créditos ECTS repartidos en catro cursos e o integrado, que consta doutros 36 créditos que se imparten ao longo de dous anos. No primeiro, a docencia está centrada na divulgación, análise e reflexión sobre aspectos de diferentes temas científico-culturais; a contorna natural, social, cultural e científica; a evolución e achegas da humanidade e a sociedade e a cultura actual e futura. Estes contidos teñen como obxectivo iniciar posibles orientacións temáticas con vistas á continuación de estudos no ciclo integrado e tamén se inclúen actividades complementarias que proporcionan formación práctica sobre aspectos concretos a través de obradoiros e que facilitan as relacións interpersoais, interxeracionais e interculturais. 

No ciclo integrado o alumnado fórmase cóbado con cóbado co resto do estudantado dos graos, co que comparte aulas, docentes e contidos, mergullándose así nunha verdadeira experiencia interxeracional. A este segundo ciclo pódese acceder cursando o inicial ou ben contando con estudos universitarios previos.