DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As solicitudes poden entregarse por vía telemática ou, con cita previa, no propio centro

Aberto prazo de inscrición na Escola Infantil do campus

Unha porcentaxe das prazas resérvanse á comunidade universitaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 18/05/2020

Ata o vindeiro venres 29 de maio permanece aberto o prazo de preinscrición para o vindeiro curso na Escola Infantil do campus, que contará con catro aulas e 53 prazas, das que unha porcentaxe resérvase para os fillos e fillas de integrantes da comunidade universitaria. As solicitudes poden presentarse tanto por vía telemática, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, como de xeito presencial no propio centro, debendo concertar aqueles e aquelas que opten por esta opción unha cita previa a través do teléfono 986802070, por motivos de control de aforo. No caso do profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado da Universidade, salienta a directora da Escola Infantil, Ángeles Rodríguez “sería preferible que nos chamasen, para ter en conta que se trata de prazas da cota, aínda que logo opten por facer a solicitude por vía telemática”. 

Despois de varias semanas pechada por mor da supensión da actividade docente xerada pola crise da COVID-19, e trala apertura o pasado venres do prazo de inscrición nas escolas infantís públicas autonómicas, o centro permanece aberto desde este luns e ata o vindeiro venres en horario de 10.00 a 14.00 horas. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, nas que pais e nais deberán indicar o seu horario de preferencia dentro dunha franxa que abrangue das 7.30 ás 18.00 horas, procederase a publicación de listas provisionais e definitivas de alumnado admitido, segundo recolle a resolución publicada pola Xunta.

Catro aulas, 53 prazas

Nestas semanas levarase tamén a cabo o proceso de renovación de prazas para os nenos e nenas xa matriculados no presente curso nunha escola que oferta para o vindeiro curso un total 53 prazas, ás que se suman outras tres reservadas para situacións de emerxencia social. O centro contará a partires de setembro cun aula de 0-1, na que se ofertan sete prazas, dúas aulas de 1-2, con 25 prazas en conxunto, e unha de 2-3, con 19 prazas. Por outra banda, como explican desde o centro, no caso de non cubrirse todas as prazas reservadas para as e os integrantes da comunidade universitaria, as posibles vacantes sumaríanse en setembro ás da cota xeral, aberta a todas as persoas empadroadas en Pontevedra, que serán asignadas segundo os baremos fixados pola administración autonómica.