DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 13 de xullo para o ciclo intensivo e ata o 27 para o integrado

Aberto o prazo de preinscrición para o Programa de Maiores

As aulas sénior contan con arredor de 600 estudantes cada curso

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
DUVI 09/07/2018

Que nunca é tarde para aprender e formarse é unha das máximas do envellecemento activo e neste obxectivo traballa a Universidade de Vigo co Programa de Maiores, unha iniciativa formativa para os maiores de 55 anos que queiran implicarse na vida universitaria a través de actividades académicas paralelas ás ensinanzas regradas. Estas aulas sénior botaron a andar en 2002 e, dende ese momento, a súa aceptación entre as persoas sénior foi crecendo ata consolidarse na actualidade con preto de 600 estudantes cada ano. 

De cara ao vindeiro curso xa está aberto o prazo de preinscrición (que debe realizarse en liña) nun programa que se artella nun ciclo intensivo de tres anos, especialmente deseñado para o estudantado maior, e un integrado, de dous anos, que se desenvolve compartindo docencia do resto do alumnado universitario. Para o ciclo intensivo o prazo de preinscrición está aberto do 2 ao 13 de xullo. A confirmación da matrícula deberase realizar do 7 ao 17 de setembro para as persoas que se matriculen en continuación e do 19 ao 26 para os que o fagan por primeira vez. No referido ao ciclo integrado, a preinscrición abrirase do 16 ao 27 de xullo e a matrícula debe realizarse do 1 ao 27 de agosto.

O programa impártese nos tres campus da Universidade de Vigo e está aberto a maiores de 55 anos que queiran adquirir coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural, que teñan tempo para as diversas actividades complementarias e desexos de achegar a súa experiencia e participar na vida académica. Ofértanse 50 prazas en cada un dos tres campus e, no caso de que non se cubran todas, poderán acceder a elas as e os interesados de entre 50 e 55 anos. 

Ciclo intensivo: aulas específicas para o alumnado sénior

O ciclo intensivo ten unha duración de tres cursos académicos e está deseñado para a mellora da calidade de vida, polo que achega un espazo adecuado para intercambiar coñecementos e experiencias tanto científicas como culturais entre estudantes sénior, ao tempo que axuda a levar un estilo de vida activo e saudable. Paralelamente á docencia organízanse actividades de carácter sociocultural, como viaxes, visitas, conferencias ou exposicións. O estudantado poderase matricular dun mínimo de nove créditos ECTS por curso académico e dun máximo de 18, agás no caso de que queden por superar menos de nove créditos para rematar o ciclo.

Ciclo integrado: compartindo docencia coa alumnado de grao

O ciclo integrado, de dous cursos de duración, permite cursar materias de titulacións oficiais da Universidade de Vigo, co resto do alumnado matriculado, o que beneficia as relacións interxeracionais. Neste caso, as matriculadas ou matriculados deben ter 50 ou máis anos de idade e, ademais, teñen que que ter rematado o ciclo intensivo ou ben contar con outra titulación oficial universitaria. A diferenza principal co ciclo intensivo é que o alumnado se mestura nas aulas cos estudantes de titulacións oficiais en igualdade de circunstancias, excepto que non teñen a obriga de presentarse as avaliacións ordinarias do grao. Así mesmo, nestes estudos cabe a posibilidade de elixir entre un catálogo de materias divididas nos seguintes ámbitos: humanidades, ciencias, enxeñarías ou ciencias xurídico-sociais.