DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 27 deste mes de xuño

Aberto o prazo para solicitar as axudas de investigación da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo

Cada proxecto presentado, que debe ser dos campus de Pontevedra ou Vigo pode obter ata 6000 euros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI 21/06/2022

Creada hai tres anos, a Cátedra Feminismos 4.0 que impulsan a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo ten como obxectivo incrementar a presenza de mulleres nas áreas coñecidas como STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) e evitar que se reproduza a desigualdade de xénero no ámbito dixital. Entre as moitas propostas e actividades que se desenvolven ao seu abeiro, a investigación ten un peso destacado, impulsando proxectos que aborden aspectos relacionados coa perspectiva de xénero na contorna dixital. Para facelo posible, a cátedra conta cunha convocatoria de axudas de investigación que acaba de abrir o prazo de presentación de solicitudes para grupos de investigación dos campus de Pontevedra e Vigo.

A finalidade destas axudas é promover e potenciar a investigación no eido da cultura e da sociedade dixital en estudos feministas e estudos de xénero e tamén reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á I+D no sistema universitario galego. Por este motivo, para a resolución destas axudas valorarase o peso relativo que as mulleres teñen nas propostas presentadas, “de xeito que se potencia o seu número e a calidade do seu traballo”, como se recolle nas bases.

En total, esta convocatoria ten unha dotación orzamentaria de 30.000 euros e cada un dos proxectos pode obter unha achega dun máximo de 6000 euros. O prazo de presentación das solicitudes, que se deben enviar á Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, permanecerá aberto ata o 27 deste mes de xuño, é dicir, 10 días hábiles a contar dende a data de publicación da resolución reitoral, o pasado día 10.

Temáticas dos proxectos

Os proxectos que se presenten poderán versar sobre a investigación de forma xenérica sobre temas e perspectivas epistemolóxicas e metodolóxicas feministas sobre a cultura e a sociedade dixital en torno aos contidos abordados nas titulacións impartidas nos campus de Pontevedra ou Vigo e debe concretarse en temas como deseño de apps ou videoxogos con perspectiva de xénero ou feminista; cibersororidade; analítica dixital e implicacións éticas da Intelixencia Artificial; o androcentrismo dos algoritmos e a perspectiva de xénero na web; os imaxinarios de xénero e o universo simbólico da rede; internet con perspectiva de xénero; o xénero nas redes sociais; o ciberactivismo feminista; as violencias de xénero nas redes; a arqueoloxía dixital; a agronomía dixital; arte e deseño dixital; o hacker ético e feminista; as geekgils; a historia das científicas e programadoras, as mulleres nas STEM ou a análise de datos sociais nas redes.

Poderán participar nesta convocatoria os grupos de investigación que conten cun docente ou investigador doutor ou doutora a tempo completo como investigador principal, con vinculación laboral á Universidade de Vigo durante o período de execución do proxecto de investigación, sendo o seu destino os campus de Vigo ou Pontevedra, así como o persoal investigador doutor con adscrición a un grupo de investigación da UVigo e que acrediten vinculación laboral coa Universidade de Vigo durante o período de execución do proxecto de investigación, sendo o seu destino algún dos campus universitarios da UVigo situados na provincia de Pontevedra.

As solicitudes deben incluír unha memoria do proxecto así como o currículo de todos e todas as integrantes do grupo que participen no proxecto.

Os criterios de avaliación 

Para a selección das propostas presentadas, a comisión de avaliación valorará cun máximo de dous puntos o Cv da ou do investigador principal e do seu equipo con perspectiva de xénero; ata tres puntos se a proposta representa unha achega innovadora para a provincia de Pontevedra; outros tres polo feito de que supoña unha achega de investigación en sociedade dixital con perspectiva e xénero e/ou feminista; con outro punto a adecuación da planificación proposta ao orzamento solicitado e con outro punto a maior presenza numérica de mulleres ou paridade de xénero no equipo.

A comisión avaliadora estará composta pola vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, como presidenta, e como vogais Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra; Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo e Ana Isabel Amoedo, traballadora Social adscrita ó Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra. A comisión poderá convocar con voz pero sen voto a outras persoas expertas que considere conveniente para a adecuada avaliación das solicitudes.

Estas axudas serán compatibles con calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.