DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poderá comezarse a empregar a partir deste luns 17 de xaneiro

Abono mUVer, todas as vantaxes deportivas nunha soa subscrición

Proporciona acceso ás instalacións da Universidade e ás actividades dirixidas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI 14/01/2022

Tras as festas de Nadal e co regreso á actividade lectiva e laboral, é tamén o momento de retomar a actividade física e deportiva. Un xeito práctico e sinxelo de facelo é a través do Abono mUVer, unha proposta da Área de Benestar, Saúde e Deporte que dá acceso ás instalacións da Universidade e tamén ás actividades dirixidas que se organizan nos tres campus.

O abono pode ser cuadrimestral, anual ou só para os meses de verán e está aberto tanto á comunidade universitaria e familia UVigo como a outras persoas e colectivos vencellados á institución, así como a persoas externas. Deste xeito, os prezos varían segundo o colectivo ao que se pertenza e a duración do abono, dende os 15€ do período estival para os membros da comunidade universitaria ata os 180€ que custa o abono anual para as persoas alleas á institución académica.

O prazo de inscrición para o segundo cuadrimestre xa está aberto e os abonos poderán comezarse a empregar a partir deste luns 17 de xaneiro. A subscrición dá acceso ás instalacións deportivas da Universidade de Vigo nos tres campus durante todo o seu horario de apertura: salas cardio-fitness, tenis de mesa, pistas de atletismo (Vigo e Ourense), pistas de tenis (Vigo e Ourense), muro de escalada (Vigo) e aluguer de bicicletas BTT (Vigo). Ademais, tamén se pode participar de balde nas actividades dirixidas de fitness incluídas no abono e ter un seguimento técnico dos programas de adestramento. A maiores, as e os abonados mUVer que formen parte da comunidade universitaria benefícianse dun 20 % de desconto nas escolas deportivas e nas actividades puntuais no medio natural, como son os programas Augaventura e Delecer.

Para garantir a saúde e seguridade de todas as persoas participantes, as actividades desenvólvense con todas as medidas hixiénicas e sanitarias previstas polos protocolos anti-covid e sempre previa presentación do certificado covid.

Actividades complementarias incluídas no Abono mUVer

Entre os beneficios do Abono mUVer está a inscrición de balde nunha serie de actividades dirixidas impartidas por persoal especializado que se desenvolven nos tres campus ao longo do curso. No caso de Pontevedra haberá sesións de pilates os luns e mércores de 18.00 h a 18.45 h e de 19.00 h a 19.45 h e de HIIT, un adestramento a intervalos de alta intensidade, os luns e mércores de 20.00 h a 20.45 h e de 21.00 h a 21.45 h. 

No campus de Ourense as actividades comprenden Body Pump, un adestramento baseado no levantamento de pesas, que se imparte os luns e mércores de 20.00 h a 20.50 h, así como clases de zumba, os mesmos días pero de 19.00 h a 19.50 h, bailes latinos tamén luns e mércores de 21.00 h a 22.00 h e voleibol os luns de 22.00 h a 23.00 h.

Finalmente, no campus de Vigo as actividades dirixidas comprenden adestramento funcional, que se imparte martes, xoves e venres de 15.00 h a 15.50 h; CORE luns e mércores de 15.00 h a 15.50 h; ioga os martes e xoves de 13.15 h a 14.30 h e de 16.15 h a 17.30 h; tenis de mesa os martes e xoves de 18.00 h a 20.00 h; bádminton os martes de 18.00 h a 21.00 h e xoves de 18.00 h a 22.00 h. 

Para asistir a estas actividades, ademais de contar co Abono mUVer é preciso inscribirse en cada unha das sesións de xeito independente, o que permite que cada persoa poida probar as distintas modalidades deportivas e elixir os grupos que mellor se vaian adaptando aos seus horarios.