DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Xunta ofrece 15 contratos a investigadores e investigadoras das tres universidades

Abre o prazo para optar á nova convocatoria de doutoramentos industriais en empresas e centros tecnolóxicos

Os detalles foron presentados este venres por responsables de Gain no edificio Redeiras

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Investigación
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 18/07/2025

A Xunta acaba de abrir o prazo para optar ás axudas para a contratación de 15 estudantes de doutoramento industrial en empresas e centros tecnolóxicos. Os detalles da nova convocatoria foron presentados este venres no edificio Redeiras por María José Mariño Fontenla, directora da Área de Talento e Transferencia da Gain e poden consultarse no Diario Oficial de Galicia. 

Esta é a quinta edición do programa Doutoramentos Industriais, dotado con máis de 2,6M€ para apoiar a contratación de 15 investigadores das tres universidades galegas en empresas e centros tecnolóxicos nos que desenvolverán a súa tese doutoral. Este ano, como novidade, o orzamento increméntase case en 1M€ e a duración das axudas pasa de tres a catro anos, co obxectivo de reforzar a competitividade e o atractivo desta liña de apoio para a formación de persoal. 

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 18 de agosto. O obxectivo do programa é favorecer a investigación colaborativa, o que posibilita a transferencia de coñecemento. Ademais, tamén incide na incorporación de persoal doutor ás empresas unha vez que remate a duración destas axudas, impulsando así a retención e atracción de talento investigador. De feito, da primeira edición da convocatoria, máis da metade dos doutorandos continúan traballando na empresa, centro tecnolóxico ou Universidade. Outro aspecto que a Xunta salienta desta convocatoria é que fortalece a vinculación entras as empresas e as Universidades do SUG, promovendo a identificación de necesidades de innovación do tecido empresarial e o deseño de solucións por parte das Universidades.

Ao acto de presentación asistiron Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación; Antonio Collazo, director da Escola Internacional de Doutoramento; Ángeles López, directora técnica da Oficina de I+D; Daniel Villanueva, director do Vigo Tecnolóxico, así como Antonio Ferreiro Méndez, xefe de sección da Área de Talento e Transferencia de Gain. A vicerreitora subliñou a importancia destas axudas, non só no ámbito tecnolóxico, para superar os retos das empresas mediante investigación e desenvolvemento. Puxo en valor os 15 doutoramentos industriais acadados por estudantes da UVigo nas anteriores convocatorias e a súa importancia para “entender a Universidade con outro carácter”. Pola súa banda, Mariño destacou o incremento da parte da subvención destinada aos salarios e o aumento de ata catro anualidades. “Esta convocatoria contribúe a desenvolver unha carreira investigadora completa, e que a carreira investigadora se achegue a todo o tecido empresarial”. 

Requisitos 

Entre os requisitos para optar á convocatoria, os aspirantes deberán matricularse nun programa de doutoramento dunha universidade pública galega e ter unha persoa directora da tese vinculada ao programa. As axudas inclúen tanto os custos de contratación, gastos relacionados co proxecto no ámbito da empresa ou centro tecnolóxico e apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro como gastos relacionados co desenvolvemento do proxecto e o custo da matrícula. 
A Axencia Galega de Innovación asumirá o financiamento das empresas e centros tecnolóxicos, mentres que a Secretaría Xeral de Universidade fará o propio coas axudas correspondentes ás Universidades.

O contrato deberá formalizarse con persoal investigador predoutoral en formación e terá unha duración non inferior a 24 meses. A axuda deberá ser solicitada por unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía de acordo cunha Universidade. As empresas e centros de innovación e tecnoloxía deben designar a un responsable da tese na empresa. A data de finalización dos estudos cursados polas persoas candidatas aos contratos de doutoramento industrial deberá ser posterior ao 1 de xaneiro de 2021 e só se poderá presentar unha única solicitude por proxecto de investigación. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía.

15 investigadores da UVigo 

Desde a súa posta en marcha no 2021, os Doutoramentos Industriais permitiron contratar a 61 estudantes de doutoramento en sete centros tecnolóxicos e 45 empresas cun orzamento de 7,5M€. En canto ás universidades, 34 estudantes están asociados á Universidade de Santiago de Compostela, 15 á Universidade de Vigo e 12 á Universidade da Coruña. Dos 15 investigadores da Universidade olívica, catro correspóndense á primeira edición en 2021, un á de 2022, cinco á de en 2023 e outros cinco a 2024.