DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun requisito necesario para solicitar a admisión nesta titulación

Ábrese a inscrición nas probas de acceso ao Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte 

A solicitudes poden presentarse desde este martes e ata o 6 de abril

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 02/03/2026

Dirixidas, como recolle a convocatoria, a garantir que os futuros alumnos e alumnas do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte presenten “unhas condicións físicas axeitadas e seguras para o aproveitamento” da titulación, este martes ábrese a inscrición na probas de aptitude para o acceso a este grao da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Trátase dun requisito previo para aqueles e aquelas que queiran solicitar o acceso a esta titulación e que non exime da realización dos trámites de admisión aos estudos universitarios de grao establecidos pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).

Orientadas a que o estudantado “acredite a súa madurez en relación cos obxectivos do grao e as súas capacidades en relación co exercicio da profesión do deporte”, trátase dunhas probas específicas de aptitudes e habilidades, nas que as persoas aspirantes deben acadar as marcas requiridas no seu regulamento para obter a cualificación de aptas. Abranguen, nomeadamente, as probas de adaptación ao medio acuático, forza explosiva dos membros inferiores, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, habilidade ximnástica, forza explosiva en membros superiores e resistencia aeróbica. Para superalas, será necesario acadar as marcas requiridas en seis destas sete probas, incluíndo sempre a de adaptación ao medio acuático, que ten carácter obrigatorio.

Co fin de garantir “que as persoas que teñan algún tipo de discapacidade poidan realizar as probas nas debidas condicións de igualdade”, estas poderán ser “modificadas especificamente” para cada unha das persoas que soliciten dita adaptación, que deberán “achegar un informe médico detallado sobre a discapacidade”. 

Validez nos dous seguintes cursos

Unha das novidades neste 2026, como explica o decano, Óscar García, é que as persoas cualificadas como aptas manterán esta cualificación nas dúas convocatorias seguintes, de tal xeito que esta seguirá vixente nos cursos 2027/2028 e 2028/2029.

Alén disto, están exentas de realizar estas probas as persoas acreditadas como deportistas de alto nivel ou de alto rendemento polo Consejo Superior de Deportes (CSD) ou polo organismo autonómico competente, así como aquelas que as superasen no ano anterior. Recoñeceranse ademais as probas físicas de acceso superadas en calquera outra universidade española durante o ano natural, sempre e cando fosen realizadas antes da apertura dos prazos establecidos pola CIUG para a admisión as titulacións con límite de prazas.

Dúas datas de celebración

O prazo de presentación de solicitudes permanece aberto desde este martes 3 de marzo ata o luns 6 de abril. Xunto ao modelo de solicitude e á documentación requirida, as e os solicitantes deberán achegar tamén o resgardo do pagamento dos dereitos de exame e un certificado médico con data recente no que conste que “non existe ningún tipo de contraindicación que impida a realización de probas físicas de máximo esforzo en data recente”. 

Pechado o prazo de presentación de solicitudes, o 22 de abril publicarase a listaxe provisional de admitidos e admitidas, tras as que se abrirá un período de reclamacións, previo á publicación da relación definitiva o 6 de maio. 

Os inscritos e inscritas disporán de dúas datas para superar estas probas, o 14 de maio e o 10 de xuño. En ambos casos, levaranse a cabo nas instalacións da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, coa excepción da proba de adaptación ao medio acuático, que neste 2026 desenvolverase no Complexo Deportivo Municipal de Campolongo, coa colaboración do Concello e da empresa concesionaria BeOne. Nestas instalacións terá lugar tamén a recepción ás e aos participantes, que, superada a primeira proba, deberán desprazarse ao campus para a realización das seis restantes.