DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As solicitudes poden presentar ata o 15 de abril

Ábrese o prazo para solicitar unha das 41 prazas da escola infantil do campus

Os membros da comunidade universitaria teñen preferencia na adxudicación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Institucional
DUVI Ourense 27/03/2019

Os pais e nais que estean buscando praza nunha escola infantil para os seus nenos ou nenas xa teñen aberto o prazo para solicitar unha das súas 41 prazas que para o curso 2019/2020 oferta a Escola Infantil Concepción Saiz Otero do campus de Ourense. Á convocatoria poden presentarse membros da comunidade universitaria, que terán preferencia na concesión e condicións vantaxosas, pero tamén residentes e traballadores da cidade que non teñan vinculación coa Universidade de Vigo. As solicitudes, tanto de renovación como de adxudicación de nova praza, poderán presentarse ata o día 15 de abril de 2019.

As 41 prazas convocadas son tanto de renovación como de nova adxudicación. Distribúense segundo a idade do alumnado, ofertándose oito prazas para nenos e nenas de ata un ano; 13 para o tramo de un a dous anos e 20 prazas para os de dous a tres anos. O número de prazas é o que establece a normativa da Xunta de Galicia en función da superficie das aulas, polo que as vacantes que se poidan producir en calquera dos grupos de idade non dará lugar ao incremento correlativo do número de prazas noutro. Son requisitos imprescindibles para ser beneficiario ou beneficiaria dunha praza neste centro que o menor estea nado no momento da presentación da solicitude, que teña unha idade mínima de tres meses no momento de ingreso e que non teña cumpridos os tres anos de idade a 31 de decembro de 2019.

A Escola Infantil ourensá está previsto que comece a súa actividade o vindeiro curso o 2 de setembro. O centro funcionará durante once meses, de setembro a xullo, ambos incluídos. O horario lectivo será de luns a venres, podendo escoller escolaridade completa, que é de 10.00 a 13.00 h e de 15.30 a 18.00 h; xornada de mañá, de 08.00 a 15.00 h; media xornada de mañá, de 09.00 a 13.00 h, ou media xornada de tarde, de 15.00 a 20.00 h. Ofrécese tamén a posibilidade de solicitar unha hora a maiores de acollida e/ou permanencia. Os prezos oscilan segundo os servizos contratados e segundo o colectivo beneficiado. De xeito orientativo, os membros da comunidade universitaria pagarán de matrícula (inscrición, material e seguro) 100 euros; 134 euros de escolaridade completa ou xornada de mañá e 95 euros de comedor. No resto de casos, a matrícula é de 125 euros; a escolaridade completa ou de mañá é de 170 euros e o comedor de 119 euros.

Orde de concesión

Segundo establece a convocatoria, os usuarios da Escola Infantil durante o curso académico 2018/19 poderán solicitar a renovación da praza sempre e cando continúen cumprindo as condicións da convocatoria. Na renovación garantirase a praza a aqueles que non soliciten ningún cambio na súa xornada escolar e os que soliciten un cambio verán sometida a súa solicitude a unha nova baremación. Unha vez renovadas as prazas, poderán optar á adxudicación dunha praza por primeira vez os pais ou nais que sexan membros da comunidade universitaria da Universidade de Vigo: traballadores en servizo activo, en excedencia para coidado de fillos e fillas ou de familiares ou en servizos especiais (profesorado e persoal de administración e servizos, persoal de investigación, persoal contratado con cargo a proxectos e convenios e alumnado de titulacións oficiais con fillos ata os 3 anos).

En caso de quedar vacantes, poderán ser ocupadas por outros familiares dos membros da comunidade universitaria: netos, netas, sobriños e sobriñas das traballadoras e traballadores en activo ou xubilados da Universidade de Vigo. En caso de quedar aínda prazas, poderán beneficiarse do servizo as persoas residentes ou que traballan na cidade de Ourense e que teñen menores ao seu cargo. Coas persoas que na adxudicación inicial non obtiveran unha praza constituiranse tres listas de agarda, unha para cada colectivo de idade.