DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha mostra que pode verse no espazo da antiga cafetaría da facultade

‘O Abrigo’ reúne as fotografías dunha vintena de estudantes de Belas Artes

Verase sucedida por unha exposición de cadernos e bocexos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 15/03/2023

Despois de que as convocatorias abertas para a adxudicación deste servizo quedasen desertas, o espazo que ocupaba a cafetaría da Facultade de Belas Artes converteuse neste curso na sede de O Abrigo, un proxecto expositivo coordinado polo colectivo Refugallo no que van sucedéndose unha serie de mostras colectivas de traballos do alumnado, articuladas en torno a un eixe temático ou disciplina. Tras acoller nos últimos meses unha exposición de gravados e outra de retratos, nestes días poden contemplarse neste espazo os traballos fotográficos de 17 alumnos e alumnas, que dan como resultado unha mostra “con gran heteroxeneidade”, como destacan desde Refugallo.

De feito, alén da diversidade temática, a exposición permite observar tanto traballos de fotografía dixital como analóxica, ao igual que intervencións sobre as imaxes a través do debuxo ou instalacións que teñen na foto o seu punto de partida. Como explican desde Refugallo, esta mostra é o resultado dunha “convocatoria aberta”, na que o único que se define é a temática, de tal xeito que reúne as obras de todo o estudantado que se presentou. De feito, trátase da mostra “na que tivemos a maior participación ata o momento”, recoñece este colectivo de alumnos e alumnas, impulsado por Blanca Castro, Candela Eirea, Daniel Calvar, Paloma Domínguez e Xoana Abraira coa idea de contribuír á dinamización da facultade.

Na exposición que pode visitarse ata este venres reúnense as creacións fotográficas de Mónica Lago, Arantza Portables, Santi Almeida, Míriam Núñez, Alba Pino, Mónica Lago, Héctor Pousa, Carlota Lois, Laura Trabazo, Ana de Juana, Nico Pi, Sara Ricoy, Taro, Candela Domínguez, Carla Vizcaya, Carmen Sanmartín e Cora Novoa. 

Cadernos e bocexos centrarán a seguinte mostra

De xeito paralelo, Refugallo impulsou nas últimas semanas a convocatoria da seguinte exposición, que estará centrada no sketchbook, nos cadernos de bocexos cos que traballan as e os artistas. “Queremos ofrecer O Abrigo como un espazo no que alumnado poida mostrar as súas experimentacións”, salientan os coordinadores desta iniciativa. Deste xeito, trátase dunha exposición aberta á pesentación de libretas, como a que o alumnado poida “intervir unha parte da parede pegando bocexos, inspiracións de todo o que se lle ocorra...”, así como a fotos, obras que lles servisen como inspiración e outro tipo de materiais. A convocatoria para participar nesta iniciativa permanece aberta ata este xoves e está previsto que esta nova exposición abra as súas portas o vindeiro martes 21 de marzo.

Trátase igualmente dunha “convocatoria aberta”, que dará como resultado unha exposición que, dentro das limitacións de espazo, poida acoller todas as obras presentadas, como aconteceu tamén coas anteriores mostras. A estas iniciativas súmanse á súa vez outra serie de actividades, como a organización de talleres, que tamén teñen lugar nesta sala. Nese senso, ante a imposibilidade de pór en marcha no presente curso o servizo de cafetaría, desde o Decanato acometeuse un acondicionamento deste espazo coa idea de destinalo temporalmente a unha iniciativa áberta ás propostas do alumnado, que contribúa a que o estudantado poida desenvolver unha programación continuada de exposicións.