Juan Cantizzani imparte un curso sobre ‘Estudos Aurais’ na Facultade de Belas Artes
Abrir ben as orellas para comprender o ruído como medio de expresión
Este artista prepara unha intervención sonora no CITA, que se poderá escoitar na fin de semana
Camiñar sen rumbo e en silencio polas rúas de Pontevedra, centrando a atención na infinidade de sons que nos rodean, é unha das tarefas que Juan Cantizzani propón ao longo desta semana a un grupo de estudantes de doutoramento en Belas Artes. Como parte do programa do Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea Vertixe Vigo, a facultade acolle nestes días o obradoiro Arte Aural (Sound Studies), un curso no que este músico e artista trata de amosar ao alumnado que os sons constitúen “un medio de expresión, unha experiencia creativa que ás veces está un pouco esquecida”.
“ O ruído tamén é un elemento que define, coma calquera outro, a propia sociedade, aínda que normalmente non lle prestamos atención á riqueza da nosa contorna acústica, onde hai infinidade de sons moi interesantes que un pode empregar de forma creativa”, salienta este licenciado en Belas Artes pola Royal Academy or Art da Haia (Holanda), que promove neste taller un “exercicio de escoita activa”. Un exercicio que, como resalta, “pode parecer fácil, pero que é realmente difícil, xa que normalmente un non se dá de conta da infinidade de sons que pasan ao teu redor, porque vas falando ou pensando no problema que tes que solucionar na casa, non focalizando a túa atención” nunha riqueza sonora “coa que sempre te sorprendes e que é consecuencia da acción humana ou das propias condicións do espazo e da arquitectura”.
Como os sons definen o mundo
Xunto a estes exercicios de escoita activa, Cantizzani tamén leva nesta semana aos participantes neste curso a indagar nas rúas da cidade “naqueles elementos polos que pode estar viaxando o son, que non só se traslada polo aire senón tamén a través dos líquidos e dos materiais ríxidos” ou a ver como os sons poden transformar un espazo. Ao mesmo tempo, esta actividade formativa complementa a súa vertente práctica cun achegamento teórico aos chamados “estudos aurais”, un campo de investigación recente que, partindo da escoita, afonda en ámbitos como a antropoloxía, a historia, a arqueoloxía, a economía ou a psicoloxía. “A idea básica destes estudos aurais é que o son é algo que inevitablemente vai configurando a nosa persoa, do mesmo xeito que o fai a visión ou a escritura”, explica Cantizzani, que incide en que, ata a finais da década de 1980, o estudo dos sons limitábase “as súas propiedades físicas e á musicoloxía”. O desenvolvemento deste campo interdisciplinar permitiu que agora se lle outorgue tamén “unha dimensión social e cultural”, a raíz da que xurde “unha nova lectura de disciplinas que se entenderon sempre sen ter en conta o son”. Neste senso, Cantizzani incide en que interpretando os ruídos ao longo da historia pódese entender a evolución das diferentes sociedades, “que sempre estivo ligada a sons determinados, xa sexa polas ferramentas que empregaban ou polos ritos que practicaban”. De aí que, ao seu xuízo, coa escoita póidanse tamén “entender os procesos tecnolóxicos ou económicos”.Sete opcións para achegarse á arte sonora
Ademais de para impartir este obradoiro, Cantizzani estes días a preparar no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) a intervención sonora que o público poderá coñecer nas sete sesións gratuítas que se ofrecerán entre o sábado 15 e o domingo 16. Froito da colaboración entre a facultade, o Concello, o colectivo Vertixe Ensemble Sonora, este espazo converterase na fin de semana no escenario dunha “experiencia acústica”, dunha mostra de arte sonora que este cordobés prepara partindo das ideas de percepción, vibración e son. Spatial Perception Study #12 é o título da performance auditiva que Cantizzani prepara empregando diferentes gravacións de campo, coas que logo constrúe unha narración que adapta as características de cada emprazamento, promovendo “un xogo co propio espazo e con como este transforma o son”.“Ás veces mesmo inclúo gravacións feitas no propio espazo, pero normalmente uso elementos que vou captando na miña vida diaria”, explica este artista, que está a deseñar unha intervención artística específica para o CITA. “De feito, hai uns deshumidificadores que non se poden apagar, así que vounos empregar como parte da peza”, salienta Cantizzani, que convidará a aquelas persoas que se acheguen ata o CITA a un exercicio de escoita activa, no que non haberá ningún soporte visual, senón que a arte entrará directamente polas orellas. Con aforo limitado e entrada gratuíta, esta intervención sonora poderá escoitarse o sábado ás 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas, mentres que para o domingo foron programadas tres sesións, ás 11.00, 12.00 e 13.00 horas.
