DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través de dez sesións que se desenvolverán do 24 de febreiro ao 5 de maio

Unha acción formativa Jean Monnet afondará no Pacto Verde Europeo

Está aberta á inscrición da comunidade universitaria e de persoas alleas a ela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Ourense 25/01/2023

Do 24 de febreiro ao 5 de maio, a Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá a celebración da acción formativa Jean Monnet O Pacto Verde Europeo. Análise e perspectivas. O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer e fomentar o debate sobre a política e o dereito ambiental da Unión Europea no marco deste documento, que guiará a acción ambiental no ámbito europeo nos próximos anos. Ao longo de dez sesións, profesorado de distintas universidades españolas, especialistas nas respectivas materias tratadas, analizarán os seus principais contidos.

A iniciativa, que celebra a súa segunda edición, está coordinada por Laura Movilla, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e investigadora do grupo MEDEA-Iuris. Forma parte das accións do Módulo Jean Monnet The European Green Deal. Analysis and insights (GREENDEAL+A+I), coordinado pola propia Laura Movilla. Concretamente, o curso agora lanzado, do que se celebrarán en total tres edicións en anos consecutivos (2022, 2023 e 2024), constitúe a actividade formativa principal ofrecida por este módulo, aínda que tamén ao seu abeiro se porán en marcha outras actividades complementarias e dirixidas a público máis específico. As iniciativas desenvolvidas neste Módulo Jean Monnet comparten o mesmo obxectivo de dar a coñecer e fomentar o debate sobre a política e o dereito ambiental da Unión Europea e as súas principais estratexias temáticas.

O Pacto Verde Europeo adoptado en 2019, explican desde a organización da actividade,  representa “unha nova e ambiciosa estratexia de crecemento que pretende transformar a UE nunha sociedade xusta e próspera, cunha economía moderna, eficiente no uso dos recursos e competitiva, na que non existan emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050 e na que o crecemento económico estea disociado do uso dos recursos”. Tamén pretende, engaden, protexer, conservar e mellorar o capital natural da UE e protexer a saúde e o benestar da cidadanía dos riscos e impactos relacionados co medio ambiente. “Esta transición debe ser, ademais, xusta e inclusiva”, afirma Laura Movilla, que lembra como esta estratexia está en evolución e non resulta allea ao impacto da pandemia da covid-19 ou ao conflito en Ucraína.

Modalidade presencial e en liña

En total serán dez as sesións que se desenvolverán desde o 24 de febreiro ata o 5 de maio nesta acción formativa Jean Monnet. Comezarán con sendas introducións á axenda global de medio ambiente e a sustentabilidade e á política e o dereito ambiental da Unión Europea. A programación seguirá abordando cuestións como o Pacto Verde Europeo, a política de augas da UE e a paisaxe; a protección e conservación da biodiversidade, a agricultura e o sistema alimentario e as enerxías limpas e mobilidade, construción e renovación sostibles. Tamén haberá tempo  para achegarse a este pacto en relación coa política marítima integrada da UE; ao reto dunha UE climaticamente neutra en 2050 e a loita contra a contaminación e fomento da economía circular. As e os inscritos tamén terán a oportunidade de abordar desde diferentes disciplinas a este documento e o papel da UE como líder ambiental global.

As conferencias correrán a cargo de especialistas de diferentes disciplinas (principalmente de diversas áreas do dereito pero tamén da economía, a historia e a ecoloxía), procedentes das universidades de Vigo (Laura Movilla, Roberto O. Bustillo, Annina Burgin, Belén Sánchez, Luís Domínguez, Emilio Fernández e Alberto Vaquero); Murcia (Teresa M. Navarro); Valladolid (Sara García); e Barcelona  (Mar Campins).

Aínda que aberta ao público interesado, a formación está especialmente dirixida a alumnado da Universidade de Vigo, sendo de especial interese para o alumnado das titulacións de Dereito, Relacións Internacionais e Ciencias Ambientais e profesionais  do ámbito xurídico e ambiental. Como novidade nesta segunda edición, mantense a modalidade presencial (obrigatoria para o alumnado do campus de Ourense) na Facultade de Dereito pero ponse en marcha tamén a modalidade en liña a través do Campus Remoto da UVigo, posibilidade aberta ao público xeral. O prazo de inscrición, que é de balde, está aberta ata o 22 de febreiro, estando o número de prazas limitado a 45 para cada modalidade (que se cubrirán por orde de inscrición).