DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será antes de que remate o ano, segundo informou o reitor no Consello de Goberno

Acelérase o proceso de remuda xeracional do profesorado coa convocatoria inminente de 131 prazas

Tamén se aprobaron dúas convocatorias para contratar 23 investigadores predoutorais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 29/10/2024

Inmersa de cheo no proceso de remuda xeracional do seu cadro de persoal docente, a Universidade de Vigo convocará antes de fin de ano 131 prazas de profesorado, unha oferta que inclúe 30 prazas de catedrático/a, 30 de profesorado titular,  32 de profesorado permanente laboral e, de asinarse a tempo o convenio do Programa María Goyri co ministerio , 39 de axudante doutor. Así o informou este martes o reitor, Manuel Reigosa, ao Consello de Goberno, unha sesión na que tamén se deu conta da aprobación dos denominados Contratos-Programa cos departamentos que permitirán a convocatoria de preto de 200 prazas docentes desde 2025 a 2027.

Foi unha longa sesión que se prolongou ata o mediodía na que tamén se aprobou a convocatoria das Axudas para a contratación de persoal investigador predoutoral en formación asociado aos Proyectos de Generación de conocimiento 2023 (FPI 2024); a convocatoria das Axudas para a contratación de persoal investigador predoutoral en formación da Universidade de Vigo, 2025; os requisitos e a selección de prazas no marco do Programa María Goyri; as unidades docentes seleccionadas para a saída de prazas de Profesorado Axudante Doutor nos Contrato-Programa; as modificacións na normativa, procedemento e efectos da avaliación da actividade docente na Universidade de Vigo ou os cambios na normativa de Concursos de Profesorado.

Reigosa, “moi satisfeito” 

O reitor amosouse “moi satisfeito” polas medidas aprobadas nesta sesión porque, desde o seu punto de vista, marcarán as liñas de futuro dunha institución que, “goberne quen goberne”, estarán  definidas pola “corresponsabilidade, o reequilibrio e o rexuvecemento do cadro de persoal”. No seu informe ao Consello de Goberno amosou tamén a súa satisfacción por poder “ir quitando prazas” que axuden a que a Universidade avance no necesario proceso de remuda do cadro de persoal docente. 

Nesta liña, explicou que se agarda poder asinar o convenio co ministerio para as prazas do Programa María Goyri antes do vindeiro 13 de novembro. “Dentro dos acordos aos que chegamos cos 37 departamentos implicados, este ano sairán 39 prazas do total de 64 que temos concedidas, das cales o 60% son financiadas polo Estado e o 40% pola Xunta de Galicia”, apuntou o reitor, quen tamén explicou que o prazo para ilas convocando se poderá estender ata 2028. A maiores desta cuestión, fixo tamén referencia ao que denominou “medida estrela” deste Consello, en referencia á aprobación dos contratos-programa cos departamentos.

Con respecto ao persoal de administración e servizos, PTXAS, o reitor salientou que a Universidade de Vigo está pedindo unha ampliación da masa salarial que permita acometer a carreira profesional deste colectivo. Neste senso, indicou que neste momento presentáronse alegacións á masa salarial autorizada e, “en función da resposta da Xunta de Galicia”, comezaranse a establecer prazos para a implantación progresiva da carreira profesional. 

Por outra banda, tamén informou da celebración en Vigo dunha xuntanza cos responsables de Sigma -o sistema de xestión académica que está a empregarse na UVigo-, na que se lles trasladou o desacougo da institución sobre como se están a levar adiante algunhas das cuestións que trae consigo a aplicación deste sistema, chegando ao acordo de “modificar totalmente a interlocución coa empresa que, a partires de agora, terá cinco persoas destinadas a facer este traballo, dúas delas aquí en Vigo".

Pese a non ter recibido financiamento, “aínda que si o selo de excelencia da Unión Europea”,  Reigosa informou aos membros do Consello de Goberno que se segue a traballar coa alianza ATHENA, polo que agradeceu a todo o persoal da UVigo implicado neste proxecto “seguir mantendo esta chama viva”. A este respecto, indicou que na seguinte etapa desta iniciativa se loitará por pór en marcha algún título a nivel europeo, algo que tamén se tentará ao abeiro da denominada Universidade Sen Fronteiras, proxecto no que se unen as universidades galegas coas do norte de Portugal.

Cara unha Universidade "máis nova e equilibrada"

Na súa sesión ordinaria deste martes o Consello de Goberno deu luz verde aos requisitos e á selección de prazas no marco do Programa María Goyri, así como ás unidades docentes seleccionadas para a saída das prazas de profesorado axudante doutor no contrato-programa, así como o número de prazas para cada unha delas. Manuel Reigosa tomou a palabra antes de dar paso á vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica para lembrar que as 100 prazas de axudante doutor que o seu equipo de goberno sacou no primeiro mandato e as 120 do segundo permitiron “por vez primeira que a curva a idade medio do PDI na UVigo, que chegou a ser a sétima institución máis avellentada de España, comezase a baixar”, facendo posible nunha remuda xeracional, que se verá reforzada co Programa María Goyri, que proverá á UVigo doutras 64 prazas, facilitando así mesmo outro dos retos do equipo de goberno: o reequilibrio entre ámbitos. O reitor tamén incidiu na importancia de dotar aos departamentos de ferramentas, para o que se formularon os contratos-programa, que sumados ao Programa María Goyri, permiten “falar dunha remuda global”, cara unha universidade “máis nova e equilibrada”.

Adela Sánchez Moreiras lembrou en relación co Programa María Goyri que os criterios están fixados polo Ministerio, que determina que as prazas teñen que saír unicamente en áreas nas que haxa perda de capacidade docente pola presenza de axudantes doutores a máis de 180 horas e asociados a máis de 120 horas, o máximo fixado para cando remate o período de transitoriedade da LOSU. “Unha vez que se asine o convenio, a UVigo estará en disposición de sacar as 39 prazas nas áreas seleccionadas, principalmente nos ámbitos xurídico-social e tecnolóxico”, destacou a vicerreitora, que en relación coas unidades docentes seleccionadas para a saída das prazas de profesorado axudante doutor no contrato-programa, así como do número de prazas para cada unha delas, detallou que son 33 para antes do verán de 2025, 32 para antes do verán do 2026 e unha previsión para o vindeiro equipo de goberno de 30 prazas máis para 2027. “Así, do número total de 196 prazas incluídas, 77 irían para o ámbito xurídico-social, 66 para o tecnolóxico, 40 para o humanístico e 13 para o científico”, detallou Adela Sánchez Moreiras. Sánchez Moreiras, que agradeceu o traballo desenvolvido polos departamentos neste proceso, que considera “dá estabilidade a moitas áreas que non a teñen e compensa desequilibrios entre ámbitos”.

No debate destes dous puntos a representantes da CIG, Marta Pazos, manifestou a súa postura contraria aos requisitos do María Goyri, cuxa aplicación “podería ser moi aberta ou moi pechada e podería ser un ERE encuberto”, mentres que no caso dos contratos-programa lamentou que os criterios no se aprobasen previamente na mesa de negociación. O reitor cualificou de “paradoxal e chamativo” que se fale dun ERE encuberto “na maior saída de prazas consolidables”, ao tempo de defendeu a actuación do equipo de goberno, posto que “cada vez temos máis PDI e máis persoal”. Despois que a vicerreitora de Profesorado confirmase que son 38 os departamentos que solicitaron beneficiarse das 39 prazas do Programa María Goyri e aclarase a preguntas de varios membros do Consello os criterios a aplicar no caso das prazas discrecionais, o reitor pechou o debate dos dous puntos que se aprobaron por asentimento, agradecendo ao seu equipo, desde Manolo Ramos, “que puxo a semente”, pasando por Alfonso Lago, Patricia Valcárcel, Martín López Nores e Adela Sánchez Moreiras, o traballo desenvolvido en relación cos contratos-programa

Noutro punto da orde do día, acordouse modificar na normativa de quinquenios o cómputo nas persoas contratadas a tempo parcial. “Ata o de agora, aplicábaselle a todas as que estaban a tempo parcial o coeficiente de corrección do 50%, pero a partir de agora vai ser pro rata temporis, é dicir serán computadas como o 100% para as que están a tempo completo, o 75% para as que están a tempo parcial con 180 h, o 62,5% para as que están a tempo parcial con 150 h, o 50% para as que están a tempo parcial con 120 h, etc…”, detalla Sánchez Moreiras. En canto á normativa de profesorado, aprobáronse por asentimento modificacións referidas á presencialidade dos membros da comisión que son alleos á UVigo. Da obrigada presencialidade de todos os membros en todas as fases da oposición, na nova normativa introdúcese que a constitución da comisión, a decisión do baremo e a presentación da documentación por parte das e dos candidatos farase a través do Campus Remoto e o acto de defensa será presencial para os candidatos e tamén para os membros da comisión que sexan da UVigo e virtual para os demais. 

Ademais de aprobarse a normativa para a transformación de profesorado contratado doutor a permanente laboral, que será automática para todas e todos aqueles contratados doutores que o soliciten en calquera momento do ano, o Consello tamén aprobou cambios na normativa das listas de agarda para profesorado substituto, xa que as novas listas que se soliciten dende a aprobación da normativa van ser permanentes e non caducables, os candidatos e candidatas terán que presentar unicamente os 10 méritos que consideren máis relevantes para esa lista de agarda e argumentar a súa relevancia. Ademais, todos os anos entre o 1 e o 15 de novembro abriranse as listas para actualizalas e recolocar aos candidatos e candidatas segundo a puntuación. “Deste xeito teremos listas máis dinámicas, máis numerosas e máis actualizadas”, dixo a vicerreitora, que ante as dúbidas formuladas pola directora da EE de Telecomunicación, Rebeca Díaz, sobre as listas de agarda no caso da docencia en inglés, indicou que neste caso se solicite unha lista na que ter coñecemento do idioma sexa un requisito. 

Dúas convocatorias para contratar 23 investigadores predoutorais

O Consello de Goberno tamén aprobou a convocatoria de Axudas para a contratación de persoal investigador predoutoral en formación asociado aos Proyectos de Generación de conocimiento 2023 e a convocatoria das Axudas para a contratación de persoal investigador predoutoral en formación da UVigo para 2025.

No primeiro caso, o obxectivo é seleccionar por concorrencia competitiva a persoas que estean a realizar a súa tese de doutoramento na UVigo para que poidan converterse en novo persoal investigador en formación mediante a formalización dun contrato predoutoral asociado a un dos proxectos de investigación que obtiveron financiamento na convocatoria para o ano 2023 de axudas a Proyectos de Generación de Conocimiento. Como explica a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación. Belén Rubio, esta é unha convocatoria que antes lanzaba o ministerio, “pero desde o ano pasado trasladaron este encargo ás universidades”. En total convocaranse 13 axudas para a contratación de persoal investigador en formación de nova adxudicación dunha duración de 4 anos. A dotación total máxima para cada contrato, que inclúe os custos sociais e a matrícula no doutoramento, é de 125.200 euros.

No que se refire á convocatoria das Axudas para a contratación de persoal investigador predoutoral en formación permitirá financiar a formación de persoas tituladas integradas en grupos de investigación que estean a realizar a tese de doutoramento na UVigo para que poidan converterse en novo persoal investigador en formación mediante a formalización dun contrato predoutoral en calquera área de coñecemento científico. Convocaranse 10 prazas predoutorais de nova adxudicación dunha duración de tres anos. A dotación total máxima para cada axuda que inclúe o salario da persoa contratada, os custos sociais e a indemnización correspondente de fin de contrato así como o prezo da matrícula no correspondente programa de doutoramento, é de 80.000€. Segundo a vicerreitora, as bases apenas teñen modificacións respectos doutros anos, “a única salientable é que ao igual que nas convocatorias FPU, FPI e doutoramento industrial, non esiximos estar matriculados no doutoramento”, xa que “pensamos que isto pode axudar á captación naquelas áreas nas que non hai moito número de teses por ano”. A prazas, engade a vicerreitora, “ao igual que nos anos anteriores repartiranse por ámbitos de coñecemento, para minorar esas diferenzas entre ámbitos. 

Regulamento para a docencia en lingua estranxeira, ReDLE

Un dos temas destacados da sesión foi o novo Regulamento para a docencia en lingua estranxeira, ReDLE, aprobado por unanimidade e que entrará en vigor o vindeiro curso. Desta iniciativa xurde da necesidade de apostar pola internacionalización da institución, xa que como destacaba a vicerreitora Maribel del Pozo, “entre as metas do Plan Estratéxico da UVigo están a inclusión en universidades europeas, o fomento da mobilidade, a atracción de estudantado internacional e a adquisición dun maior dominio de linguas diferentes ao galego e ao castelán do alumnado, PDI e PTXAS”. Para acadar estas metas, destacaba a vicerreitora, “a docencia universitaria en linguas estranxeiras, principalmente en inglés, resulta fundamental”. O regulamento aprobado hoxe vén a substituír o xa existente co obxectivo de facelo máis áxil, pasando dunha convocatoria anual a un regulamento que permitirá que os centros da UVigo poidan artellar a súa estratexia de docencia en lingua estranxeira pero mantendo as tres modalidades que xa viñan aplicando, como detallaba a vicerreitora: “a modalidade A, para os títulos que teñan polo menos o 80% dos créditos en lingua estranxeira; a modalidade B, para os que ofrecen un cuadrimestre completo; e a C, con menos de 30 créditos, cuxo obxectivo é animar aos centros a que comecen a ofrecer materias en inglés”.

Unha das principais novidades que presenta este novo regulamento, como resaltou Del Pozo, está relacionada co acreditación da competencia lingüística do profesorado, que pasa do B2, que se esixía ata agora, ao C1 “que consideramos o mínimo para impartir docencia de calidade” ou, como alternativa, o HELA, o exame que realiza o Centro de Linguas da UVigo.

Asimilación do profesorado substituto a tempo parcial co profesorado universitario asociado 

No punto 18 da orde do día tamén se abordou a asimilación, aos efectos de incompatibilidades, da figura do profesor universitario substituto a tempo parcial coa do profesor universitario asociado. Como explicou a vicerreitora Adela Sánchez, o Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades remitiu ás universidades unha proposta para “solucionar a complexa situación derivada da non compatibilidade do empregado público respecto da posibilidade de desempeñar a figura do profesorado substituto, a tempo parcial”. Neste documento proponse unha “vía de solución sólida xuridicamente” a partir da resposta oficial da Oficina de Conflicto de Intereses del Ministerio de Transformación Digital y de la Función Pública a un requirimento da Secretaría General de Universidades. A proposta, que recibiu o visto bo do Consello de Goberno, consiste na “asimilación, aos únicos efectos do réxime de incompatibilidades, da figura do profesorado universitario substituto a tempo parcial coa do profesorado universitario asociado -figuras recollidas, respectivamente, na Ley Orgánica de Universidades de 2003 nos artigos 80 e 79”. 

Plan de acción “ambicioso” para o selo HRS4R e regulamento do iLingua

A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, que interveu en remoto, tamén se encargou de presentar a actualización do Plan do Selo HRS4R 2023-2026, que foi aprobado por asentimento. Lembrou que en 2023 a UVigo obtivo a renovación do selo, pero a comisión avaliadora indicou algunhas pautas de mellora que agora “incluímos coa vista posta na nova carta europea que se está deseñando e comezará a primeiros do 2025 pero tamén para satisfacer a demanda e necesidades do persoal investigador en todas as súas etapas (R1 a R4)”. Deste xeito, engade Belén Rubio, “o plan contempla 21 accións, moitas delas xa están no noso Plan Estratéxico como a igualdade de xénero, a ciencia aberta, a estratexia de contratación e a sustentabilidade, pero tamén queremos facer fincapé en aspectos que atinxen directamente ao persoal investigador, como a carreira investigadora e a avaliación da mesma (plan CoARA), a atracción de talento, a mentoría, a colaboración transdisciplinar e a visibilidade internacional, e as boas prácticas na investigación, entre outras”. Segundo a investigación “é un plan moi ambicioso e algunhas das accións continúan no futuro, non rematan co plan, senón que é unha estratexia e visión a futuro de onde queremos que chegue a nosa Universidade”.

Á vicerreitora Belén Rubio tamén lle correspondeu presentar o regulamento de réxime interno do Instituto de investigación Lingua, o primeiro centro deste tipo no ámbito das humanidades que pon en marcha da UVigo. Con sede na Facultade de Filoloxía e Tradución, a creación do iLingua foi a aprobada en xullo polo Consello de Goberno, órgano que hoxe ratificou o seu regulamento, no que se recollen aspectos relacionados coa natureza, réxime xurídico, obxectivos e funcións, persoal integrante e colaborador, órganos de goberno e representación, etc.

Outros temas

Na sesión deste martes do Consello de Goberno abordáronse, entre outros temas, os criterios de elaboración da programación docente anual (PDA) para o curso 2025/2026 que, como explicou o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, apenas sufrirán cambios respecto do curso anterior, salvo pequenas modificacións solicitadas polos centros. Tamén se aprobou a modificación do Regulamento de premios extraordinarios de Grao Universitario para estes galardóns se reflictan no suplemento europeo ao título, así como os os parámetros de ponderación de materias troncais de modalidade e materias de opción da proba de avaliación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do Sistema Universitario de Galicia para o curso 2026/2027.

Na quenda de intervencións, a secretaria da Xunta de Persoal, Mª José Ríos, reclamou que se abra unha negociación entre a Xerencia e a representación dos traballadores sobre a redución da apertura nocturna das bibliotecas que, segundo o reitor, responde ao baixo uso das instalación por parte do alumnado durante esas horas.