Santiago Lago e Domingo Docampo afondaron neste tema nunha conferencia
Un achegamento aos retos da dixitalización da economía despois da pandemia
Estivo organizada pola delegación galega do Instituto Español de Analistas Financieros
Este mércores pola tarde a delegación galega do Instituto Español de Analistas Financieros organizou de xeito virtual a través da plataforma Zoom a conferencia Retos da economía galega na transformación dixital: que nos vai deparar a era pos-covid-19?. Entre os participantes estiveron Santiago Lago, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, e Domingo Docampo, tamén catedrático da mesma institución académica na Área de Telecomunicacións. A cita contou ademais coa intervención de César García, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Santiago de Compostela, e estivo moderada polos profesores tamén da USC Loreto Fernández e Luis Otero. Os participantes abordaron o impacto da crise desencadeada pola pandemia do coronavirus no proceso de transformación dixital en Galicia e os retos pendentes da economía dixital nesta comunidade autónoma, temas que teñen centrado diferentes traballos do Foro Económico de Galicia, dirixido por Santiago Lago e do que Domingo Docampo tamén forma parte.