DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O músico Juan Cantizzani impartirá a vindeira semana en BBAA o obradoiro ‘Estudos Aurais’

Un achegamento a aquela arte que non se ve, escóitase

Esta iniciativa, integrada no festival Vertixe Vigo, complétase cunha intervención sonora no CITA

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 04/11/2014

Vibracións, sons, músicas e silencios poden ser unha ferramenta útil no mundo da arte contemporánea, onde non todos os elementos dunha obra teñen que encadrarse, nin moito menos, no concepto das artes plásticas. Existen tamén obras que non se ven, pero que si se escoitan e se integran dentro da chamada “arte sonora”, campo no que centra o seu traballo o músico e artista Juan Cantizzani, que a vindeira semana achegará este mundo a un grupo de alumnos e alumnas de Belas Artes no obradoiro Arte Aural (Sound Studies), que impartirá na facultade entre o 11 e o 14 de novembro. Esta iniciativa enmárcase na colaboración que Belas Artes mantén co Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea Vertixe Vigo, que promove o colectivo Vertixe Sonora Ensemble, e completarase coa intervención sonora que Cantizzani preparará ao longo da semana no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) para presentala ao público os días 15 e 16.

“Trátase dun obradoiro dirixido fundamentalmente ao alumnado de máster e doutoramento que estea interesado na música e, sobre todo, nas relacións que existen entre o mundo das artes plásticas e da arte contemporánea coa arte sonora”, sinala o profesor Ignacio Barcia, coordinador dunha iniciativa que tratará de introducir ao estudantado nun “campo un pouco híbrido no que poden colaborar músicos e artistas plásticos”, aquel no que se combinan a creación visual e a auditiva.

Este achegamento realizarase grazas a un obradoiro que Cantizzani articulará a través das nocións de percepción, espazo e vibración, tendo en conta que a nosa contorna produce de xeito constante unha serie de sons que levan a este artista a considerar “o espazo como un sistema vibratorio”. Para achegar ao alumnado a esta idea este cordobés residente en Holanda, licenciado en Belas Artes pola Royal Academy of Art da Haia, combinará neste seminario a formación teórica e práctica coa idea de proporcionar ao alumnado a idea “do que pode ser, no seu sentido máis amplo, un artista sonoro”, apunta Barcia. Como explica o coordinador desta iniciativa, este curso “introdutorio e moi específico” iniciarase coa análise de autores e referencias concretas, para logo acoller tamén unhas sesión de “traballo en común para ver que intereses hai no grupo” antes de proceder cuns exercicios prácticos “de iniciación” no que os alumnos e alumnas poderán desenvolver os seus propios procesos creativos no campo da arte sonora.

Sons para un espazo concreto

Como complemento a este obradoiro e no marco do festival Vertixe Vigo, Cantizzani traballará ao longo da semana nunha intervención sonora no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA), que se abrirá ao público o sábado 15 e o domingo 16. Segundo destaca Barcia, este músico e artista traballa desde hai anos “en intervencións sonoras que prepara ad hoc para un lugar específico, e neste caso pensamos que o CITA podía ser un lugar bastante apropiado e bastante significativo”. A través dunha instalación sonora adaptada ás características dun espazo “particular e non moi coñecido”, Cantizzani preparará a Performance Spatial Perception Study #12, unha obra que, grazas á colaboración do Concello, a cidadanía de Pontevedra poderá coñecer, concretamente escoitar, nos sete pases con entrada gratuíta que se ofrecerán durante a fin de semana. No caso do sábado, terán lugar ás 17.00, 18.00, 19.00 e 20 horas, mentres que o domingo desenvolveranse ás 11.00, 12.00 e 13.00 horas.