DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte acolle as IV Xornadas 'Desfacendo a raia'

Achegar a literatura á infancia para que xurdan “persoas libres”

A mediación lectora centra este ano a actividade promovida por Gálix

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/02/2020

A mediación lectora, o proceso polo que diferentes axentes, como as e os docentes ou as e os responsables das bibliotecas, achegan os libros á infancia e á mocidade, tendo en conta tanto as súas preferencias como necesidades, centra este luns as IV Xornadas Desfacendo a raia, que a Asociación do Libro Infantil e Xuvenil de Galicia (Gálix) promove coa colaboración da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte neste centro do campus pontevedrés. Faino, entre outros, co obxectivo de achegar ao estudantado unha serie de ferramentas que, como futuras e futuros docentes, lles poidan ser de utilidade nese labor de intermediarios e intermediarias entre a literatura e os nenos e nenas. “Queremos que o profesorado sexa a principal base para facer chegar a literatura infantil é xuvenil á rapazada, pero non como algo para traballar na escola, senón como un xeito de ser máis libres. Unha persoa lectora é unha persoa moito máis libre”, defendeu o presidente de Gálix, Xosé Antón Perozo, na apertura dunhas xornadas que abordaron o papel que, en materia de mediación lectora, desenvolven as bibliotecas escolares, o persoal docente e as familias.

Inseridas nas actividades que a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (Oepli) promove co financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte en diferentes puntos de España e enmarcadas á súa vez nas actividades da Comisión PEA-Unesco de Ciencias da Educación e do Deporte, as xornadas foron inauguradas por Perozo e o decano da facultade, Vicente Romo, que lembrou que para o centro constitúe “unha honra” ser sede desta actividade por terceiro ano consecutivo. Nesta ocasión, co propósito de centrar a súa análise nun concepto que, como engadiu Leonor Mazaira, vogal da xunta directiva de Gálix, “ás veces préstase á confusión”. A mediación lectora, engadíu, é un proceso no que “evidentemente hai que seleccionar lectura de calidade”, pero que pasa tamén por “saber para quen e para que as seleccionamos” e coñecer “non só a capacidade lectora daquelas persoas para as que se selecciona, senón tamén estar atento ás súas preferencias e mesmo adiantarse ás súas necesidades, moito máis no caso do lectorado infantil e xuvenil”. 

A biblioteca escolar como primeiro acceso á cultura

As xornadas abríronse cunha conferencia da asesora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación María Pousa, que reivindicou estes espazos como un “recurso imprescindible” en materia de mediación lectora. “As bibliotecas escolares hoxe en día están converténdose en motores de innovación nos centros”, salientou a asesora e docente, que fora previamente coordinadora da biblioteca da Escola Infantil Barrionovo de Arteixo, cuxo labor foi distinguido “con numerosos premios e recoñecementos”, como lembrou Mazaira na súa presentación. “A biblioteca escolar é o primeiro e en moitos casos o único acceso dos rapaces á cultura”, engadiu a vogal de bibliotecas de Gálix na apertura dunha conferencia na que Pousa abordou os diferentes programas que se levan a cabo desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares, que reúne no seu plan de mellora 711 centros de toda Galicia.

“Todos chegamos á lectura a través dun mediador, que foron os nosos pais, os nosos metres, os nosos avós...”, lembrou Pousa, para a que a figura do mediador ou mediadora, aquel que “achega unha lectura de calidade aos rapaces, é imprescindible” no momento actual. “Na sociedade na que estamos, é máis importante que nunca formar lectores críticos”, subliñou a conferenciante, que, partindo esta idea, detívose no papel que xogan as bibliotecas escolares neste eido. “O que promovemos é que se fagan seleccións rigorosas e de calidade. Sabemos que non todos os rapaces teñen acceso a libros na súa casa e é importante que se lles ofrezan”, salientou Pousa. A conferencia puxo de relevo neste punto “a potencia” que teñen en Galicia as bibliotecas escolares, que contan con investimentos e con profesionais “que se forman continuamente”, e onde se promove un labor de mediación lectora que abrangue non só aos libros, senón que busca tamén guiar aos rapaces e rapazas á hora de ler en internet, amosándolles como “buscar información e saber tratala”, explicou. 

Un obradoiro sobre poesía pecha a xornada

Tras esta conferencia, as xornadas continuaron cunha mesa redonda dirixida a abordar o papel doutros mediadores fundamentais, como son o persoal docente a as familias, a través das intervencións da mestra, crítica e tradutora de libro infantil Chus Nuñez e de Beatriz Fernández, representante de Espazo Lectura, unha asociación impulsada en Gondomar por unha serie de familias co propósito tamén de achegar a literatura á infancia.

Xa pola tarde, ás 19.00 horas, as Xornadas Desfacendo a raia trasládanse á sede da Vicerreitoría do campus, onde terá lugar o obradoiro, aberto ao público, Versos de aplicación instantánea (as aulas como lugares poéticos), que imparte o docente e escritor Carlos Negro.