DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido xunto coa Deputación, foi impartido por Mercedes Renda, da asociación Apaioga

Acoso e abusos sexuais centran a última sesión do módulo de sensibilización en igualdade de Enfermaría

Articulado en tres sesións, tiña por obxecto abordar as causas e consecuencias da desigualdade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/11/2018

Igualdade, sexo, xénero, discriminación ou violencia de xénero son, segundo Mercedes Renda, presidenta da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades (Apaioga), “conceptos sobre os que se fala moito, pero nos que non se profunda”, o que dá lugar á “que existan moitas ideas equivocadas”. Achegar ao alumnado da Escola Universitaria de Enfermaría unha “formación e información” introdutoria que contribúa á súa sensibilización en materia de igualdade é o obxectivo principal do seminario que Renda impartiu nestas semanas neste centro adscrito á Universidade de Vigo. Promovido xunto co Servizo de Igualdade da Deputación, este Módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades, que este martes se pechou poñendo o foco na violencia machista, no acoso e nos abusos sexuais, ten como obxectivo, sinala Renda, sensibilizar ao alumnado “sobre a importancia que temos, a nivel individual, como homes e mulleres, pero tamén no exercicio de cada profesión”, á hora de buscar unha “ruptura cos estereotipos e prexuízos de xénero”.

Articulado en tres sesións, o curso que por segundo ano se leva a cabo neste centro, busca promover entre o alumnado unha reflexión sobre “se temos prexuízos ou estamos sensibilizados”, como sinala Dora Romero, responsable da materia de Psicoloxía na que se enmarca esta iniciativa. “Non se trata de dar moitas respostas, senón de formularnos moitas preguntas”, engade Renda, dun curso que nese senso tratou de afondar nunha serie de conceptos que permitan ao alumnado dotarse de ferramentas “para analizar a realidade que nos rodea”. Así, a primeira xornada, que tivo lugar o 7 de novembro, a presidenta de Apaioga buscou afondar no sistema sexo-xénero e no patriarcado, “nesa estrutura que nos divide en función do sexo e constrúe dos xéneros”, para, á semana seguinte, pór sobre a mesa unha serie de exemplos sobre como aínda “quedan tantas barreiras por romper”, abordando diferentes roles e estereotipos que “comezan na infancia” e que permiten amosar como “esa sociedade que se di igualitaria se esforza tanto desde que nacemos en separarnos entre nenos e nenas”. Para iso, Renda puxo sobre a mesas aspectos como a propia eleccións dos estudos universitarios, xa que “partindo desa liberdade de elección, os estereotipos do que se agarda de nós” continúan influíndo en que existan titulacións “claramente masculinizadas e feminizadas”, como sería o propio caso de Enfermaría. “Isto non é casual e ten consecuencias, está demostrado que as profesións feminizadas están peor remuneradas e teñen condicións máis precarias”, lembrou a representante de Apaioga. 

Un problema colectivo que non se fai visible

Xa este martes, o módulo chegou ao seu remate poñendo o foco nas “peores consecuencias” desta situación de desigualdade, a violencia contra as mulleres. Nesta xornada, Renda contrapuxo o concepto legal, que sitúa a violencia machista no ámbito da parella ou ex-parella, a diferentes tipos de violencias que “non se dan unicamente no marco da parella”. Nese senso, a responsable deste seminario centrou esta sesión en problemáticas como o acoso, as agresións sexuais e o ciberacoso, “que son as formas de violencia máis habituais nun determinado sector de idade”, violencias que, lembrou, “padecen o 95% das mulleres novas”. Trátase, como sinalou, dun problema “tan habitual, que está tan normalizado que nin sequera se denuncia, nin sequera se fala diso, soamente dos casos máis graves”, motivo polo que o propósito fundamental desta sesión era precisamente pór o foco en que o acoso ou os abusos “non son un problema particular, senón un problema colectivo” e achegar ao alumnado unha serie de conceptos que contribúan “a aprender a vela como unha agresión”.  

Curso de ecografía

A Escola Universitaria de Enfermaría tamén acolle, nas xornadas de martes e mércores, a terceira edición dun curso de ecografía impartido polo profesor do centro José Rosales e que combina un achegamento a conceptos teóricos básicos sobre a ecografía e a súa importancia na clínica diaria, cunha parte práctica na que o alumnado ten a oportunidade de adestrarse no manexo básico do ecógrafo e aprender a utilizar esta técnica en diferentes procedementos de enfermaría.