DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participantes nas diferentes actividades do proxecto ‘Cos Avós’, do plan Corresponsables

A actividade física une preto dun milleiro de nenos e nenas, adolescentes e maiores

No marco deste programa, este venres arrancan as funcións da obra teatral ‘Desafógate’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Teatro
  • Deportes
DUVI Pontevedra 09/03/2023

Diferentes grupos de estudantes de dez centros de ensino de Pontevedra, Vigo e Sanxenxo comparten nestes días vivencias e actividade física con máis de 140 persoas maiores, ao abeiro do proxecto interxeracional Cos Avós. Desenvolvido polo grupo de investigación HealthyFit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, trátase dunha iniciativa enmarcada nas actividades do plan Corresponsables, froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e as tres universidades galegas. Ao longo de dúas semanas, estudantado de primaria e secundaria destes tres municipios comparte sesións de exercicio físico ou xogos deportivos cos 97 participantes no programa de actividade física para a terceira idade do Concello de Sanxenxo e con preto de 25 usuarios e usuarias, tanto do centro sociosanitario pontevedrés Saraiva Sénior, como da residencia viguesa El Rocío, da Fundación San Rosendo.

O obxectivo de Cos Avós, como explica o responsable do grupo HealhyFit, José María Cancela, é promover a convivencia entre escolares e persoas maiores a través da práctica de diferentes actividades que “fomenten a estimulación cognitiva e o desenvolvemento da capacidade funcional e física” das e os maiores, á vez que promoven “a cooperación e colaboración”. Co desenvolvemento de diferentes actividades en cada xornada nas tres sedes do proxecto, este proxecto arrancou o luns 27 de febreiro e pecharase este venres 10 e sumou ata a data a participación de 767 estudantes de primaria e secundaria e de 141 maiores. Para iso, o proxecto contou coa participación en Pontevedra dos CEIP Álvarez Limeses, A Xunqueira I, A Xunqueira II e Froebel, mentres que en Vigo sumáronse os colexios Balaídos Don Bosco e Pintor Laxeiro; e en Sanxenxo os CEIP Portonovo e Plurilingüe A Florida e o IES Sanxenxo.

Cada día, un grupo diferente de entre 20 e 40 estudantes comparte coas persoas maiores participantes unha xornada de actividades estruturadas en catro áreas temáticas, o desenvolvemento de exercicio físico-cognitivo, a realización de rutas cardiosaudables, unha conversa en torno ás “historias de vida deportiva” das e os participantes e os xogos deportivos colectivos de colaboración. “A valoración da actividade é altamente positiva”, recoñece a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, tras presenciar xunto o coordinador do proxecto a sesión de xogos colaborativos que un grupo de estudantes do CEIP A Xunqueira II compartiu coas persoas usuarias do Centro Saraiva Sénior. “O ambiente que observamos era de alegría e tanto escolares como persoas maiores estaban vivindo unha experiencia divertida e entrañable”, recoñece a vicereitora, que destaca a “actitude colaborativa” da rapazada. “As nenas e os nenos convertéronse en instrutores e ensinaban con verdadeiro entusiasmo a rematar o exercicio con éxito”, sinala Reboreda, que incide no positivo desta proposta como un “punto de encontro equilibrado e diferente” entre diferentes xeracións.

Teatro para formar ás familias na prevención do afogamento

Outro dos proxectos promovidos ao abeiro do plan Corresponsables por investigadores e investigadoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte é Desafógate. Unha aventura acuática, unha iniciativa do grupo Remoss que implicou a creación dunha obra de teatro, pioneira en España, dirixida a ensinar a nenos e nenas de entre 4 e 8 anos e ás súas familias a coñecer os riscos das contornas acuáticas, previr afogamentos e aprender a realizar as manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP). Escrita e interpretada pola actriz e contadora Raquel Queizás, a obra que terá como protagonista á monicreque Lis estrease este venres, ás 17.00 horas, na Casa das Campás, para logo protagonizar outras dez funcións nos concellos de Vigo, Marín, Soutomaior, Ourense, Ponteareas, Meis, Forcarei e Moaña. Abertas a un máximo de 50 persoas, estas representacións desenvolveranse entre o 12 e o 20 de marzo e requiren de inscrición previa. Veranse completadas á súa vez por un taller de RCP e as familias participantes recibirán ademais como agasallo un conto ilustrado, desenvolvido tamén no marco deste proxecto, e que continúa a historia presentada na obra.