Baixo o nome “Cultukata’08”
As actividades culturais centran a programación de "SantaKata08", a festa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
Un concurso de fotografía, ciclos de cine e conferencias son algunha das iniciativas propostas polos
Como antesala á festividade de Santa Catarina de Siena, patroa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, os alumnos do centro están preparando unha morea de iniciativas culturais, baixo o nome Cultukata’08, que terán lugar ata o vindeiro 23 de abril, xusto antes da gran celebración, o día 24. Esta axenda cultural está enmarcada dentro do programa de actividades de SantaKata’08 que se presenta este martes da man do vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández e do decano da facultade, Alberto Pena Rodríguez.
Un concurso de fotografía, ciclos de cine, proxeccións de longametraxes, conferencias e encontros con profesionais da comunicación son algunhas das ideas que os estudantes do campus propoñen para “preparar e facer partícipe a toda a comunidade universitaria da nosa festa”, segundo comentou a estudante coordinadora de Cultukata’08, Cristina Costa.
Para dar comezo a esta semana cultural, inmediatamente despois da súa presentación no salón de graos do centro, terá lugar a proxección da longametraxe Pradolongo, na que se contará coa presenza do seu director Ignacio Vilar e os protagonistas Rubén Ríos, Tamara Canosa e Roberto Porto. Continuando coa temática cinematográfica, na xornada do xoves, 17 de abril, Alfred Hitchcock será o protagonista ao longo da mañá cunha conferencia da man do profesor da Universidade, José Luís Castro Paz, acompañada dunha película do mestre do suspense. Ata o luns 21 continuarán as sesións de grandes proxeccións do celuloide dentro dos ciclos de cine de festivais europeos, asiáticos e cunha pequena homenaxe a Rafael Azcona.
Case no remate desta semana cultural, o martes 22 de abril terá lugar unha charla- coloquio no salón de graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación sobre a situación da Banda Deseñada en Galicia á que acudirán Kiko da Silva, Pepe Carreiro e Fran Jaraba.
Xa para clausurar a edición de CultuKata’ 08, o mércores día 23 a actriz e presentadora Teté Delgado compartirá cos asistentes a súa experiencia profesional no audiovisual galego e analizará a situación do cinema e da televisión en Galicia. Ademais ese mesmo día o director de fotografía, David Hernández, impartirá unha conferencia sobre o mundo da curta e a importancia do seu labor nunha produción deste tipo.
“Pontevedra en Click”
Ademais dos ciclos de cine e as conferencias, ao longo de toda a semana o comité de organización de Cultukata´08, formado por alumnos das tres titulacións da facultade, deixaron un oco para os apaixonados no eido da fotografía. Co concurso Pontevedra en Click todos aqueles que o desexen poden participar cunha imaxe baixo a temática de Pontevedra que, tal e como explicou a encargada do certame, Cristina Costa, “a idea é que os concursantes amosen a súa particular visión de calquera aspecto da cidade”. Pola súa banda, o concello apoia esta iniciativa colaborando co patrocinio do premio gañador, probablemente unha cámara dixital, que será entregado o día da festa de SantaKata’08. O prazo de presentación dos traballos remata o próximo venres, 18 de abril, e pódense consultar as bases na web http://www.lacoctelera.com/santakata08.Para aqueles que non teñan coñecementos de fotografía tamén teñen unha boa oportunidade co cursiño Sácalle partido a túa cámara de fotos que impartirá o profesor Jorge Lens o vindeiro luns, 21 de abril. Os interesados en asistir a este taller deberán aboar a cantidade de 3 euros a modo de inscrición. Ademais, ao longo de toda a semana poderase visitar unha exposición de fotografía publicitaria elaborada por alumnos de cuarto curso de Publicidade e Relacións Públicas na entrada do centro.