DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O CIM celebrou esta fin de semana unha feira no centro comercial A Laxe

Actividades divulgativas e lúdicas para coñecer a investigación mariña e o futuro dos océanos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Institucional
M. Del Río DUVI 24/10/2022

Experimentos, xogos, manualidades, debuxos, retos… Calquera destas alternativas serve para achegarse á ciencia mariña e ao coñecemento sobre os océanos. Así o comprobaron este sábado as persoas que se achegaron ao centro comercial A Laxe á feira científica organizada polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo no marco do programa Divulgando Ciencia Singular. 

Ante a imposibilidade de realizar esta actividade na rúa, como estaba previsto, polo mal tempo, os postos trasladáronse ao primeiro andar do centro comercial. Neles, as e os investigadores responsables das diferentes liñas de investigación que se desenvolven no CIM encargáronse de explicar tanto a adultos como a nenos e nenas o traballo que se leva a cabo nos laboratorios, os avances científicos que acadan e os retos que aínda quedan por diante no que se refire ao coñecemento do medio mariño e o futuro de mares e océanos.

Con este tipo de iniciativas trátase, por unha banda, de dar a coñecer a ciencia mariña e o traballos do persoal investigador do CIM e, por outra, de xerar vocacións científicas nas nenas e nenos que participan coas súas familias nestas actividades. Así, as persoas que se achegaron a esta feira científica puideron coñecer diferentes liñas de traballo relacionadas coa biodiversidade, o cambio climático, a pesca, a paleontoloxía ou a xenética.

Embárcate co CIM

As xornadas de portas abertas do CIM continuarán o vindeiro 5 de novembro cunha segunda actividade, Embárcate co CIM, un paseo divulgativo pola ría no que as persoas participantes, previa inscrición, poderán subirse a un barco-aula para navegar entre o peirao da Laxe e a illa de Toralla. Durante o traxecto desenvolveranse unha serie de actividades de observación, obtención de mostras de sedimento e organismos mariños e explicacións por parte de diversas persoas investigadoras do CIM. Xa na illa levarase a cabo unha visita guiada á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, principal infraestrutura científica do Centro de Investigación Mariña. Alí, e da man do persoal técnico, coñecerán os laboratorios de investigación, as salas de cultivos auxiliares, as instalacións de mesocosmos e a sala de bombas, e presenciarán diferentes experimentos da man de persoal científico do CIM. Para esta actividade están previstas tres quendas (09.00-12.00, 12.15-15.15 e 16.00-19.00 horas) con 40 prazas dispoñibles en cada unha. As persoas interesadas deberán acceder á web do CIM para inscribirse. O trámite é automático a través dun formulario web e por rigorosa orde de entrada ata esgotar as prazas.