DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza

Actividades lúdicas para promover o uso do galego nas universidades

A campaña comezou na Facultade de Ciencias Socias e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 19/11/2007
A campaña En galego tes todo por dicir, E logo!, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, xa está nas universidades para achegarse aos estudantes con propostas lúdicas, e coa intención de fomentar o coñecemento da lingua galega entre este colectivo. Xogar coas palabras é o obxectivo desta proposta que comezou na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e que recorrerá todas as universidades galegas.
“Dar visibilidade á lingua en espazos onde normalmente non o ten, iso é o que queremos conseguir, e para elo xa estivemos en centros comerciais das catro provincias galegas e agora estaremos presentes nos sete campus universitarios de Galicia”, explicou Raúl Piñeiro, da empresa Reverso, S.L. que organiza estas actividades.

Participación de alumnos e docentes

Na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, instalouse unha pequena carpa onde se realizou un xogo de palabras ao longo da mañá e no que participaron os alumnos e algúns docentes. Os participantes foron agasallados cun kit de supervivencia para estudantes composto de artigos promocionais da campaña E logo!, entre eles unha chapa e un bolígrafo. “A experiencia foi moi positiva tanto en castelán falantes, galego falantes ou en estranxeiros”, comentou Siria Diéguez, unha das organizadoras da actividade.
Esta iniciativa enmárcase dentro dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que establece a necesidade de estimular na sociedade, en xeral, e nas xeracións máis novas, actitudes favorables que se traduzan nun uso xeneralizado do galego, así como fomentar todo tipo de creatividade de base en lingua galega como forma lúdica de galeguización.