DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu este venres unha homenaxe ao profesor xa xubilado

Un acto e un libro para recoñecer a traxectoria de Manuel Deaño

A publicación recolle achegas de 34 profesores de 10 universidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 10/12/2021

O campus de Ourense acolleu este venres un acto de recoñecemento do profesor xa xubilado da Facultade de Educación e Traballo Social Manuel Deaño. Compañeiras e compañeiros do seu Departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación, do centro e da institución académica reuníronse para render homenaxe á súa traxectoria co gallo da publicación do libro de homenaxe a Manuel Deaño Afilar la mente como herramienta del pensar. Intervención para la mejora del aprendizaje de los procesos cognitivos.

Un longo camiño percorrido

No acto, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, gabou a traxectoria de Manuel Deaño destacando como este profesor, que formou parte da institución académica desde a súa segregación, comparte o “espírito pioneiro das persoas que fundaron esta Universidade”, agradecendo o seu compromiso con ela e o “bo traballo” desenvolvido ao longo da súa traxectoria como profesor e investigador. Igualmente, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, agradeceu ao homenaxeado “a escola que creou nesta casa” e que permitiu, “co apoio tamén do resto de áreas de coñecemento”, converter a esta facultade “nun centro importante dentro das universidades estatais” en formación de profesorado en xeral e concretamente no eido da educación especial.

Foron varios os docentes que na homenaxe interviñeron para falar da figura e traxectoria de Manuel Deaño e do seu legado. Así, Fernando Tellado, en nome do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación da UVigo, subliñou como o frutífero traballo do profesor á fronte deste departamento permitiu que hoxe en día sexa “un departamento consolidado”. Pola súa banda, José Luis Barreiro destacou como o homenaxeado foi “un exemplo de membro activo da comunidade universitaria” que “dedicou horas e horas a construír esta Universidade”. Xunto a eles, Alfonso Barca, que falou en nome dos autores da obra colectiva de homenaxe, salientou que Manuel Deaño foi “un excelente profesor e investigador”, sempre preocupado polo alumnado, cun “longo camiño percorrido” que o fai merecedor do recoñecemento celebrado este venres na Facultade de Educación e Traballo Social.

Afondando nos procesos cognitivos

Como coordinador da publicación Afilar la mente como herramienta del pensar, editada polo Servizo de Publicación da Universidade de Vigo, o catedrático Agustín Dosil destacou na súa intervención que esta homenaxe é un “necesario e xusto recoñecemento a unha persoa que dedicou practicamente toda a súa vida á Universidade, á sociedade e ás persoas máis vulnerables, máis necesitadas”. O libro, apuntou, recolle en 20 capítulos e máis de 400 páxinas as achegas de 34 profesores de dez universidades, tanto estatais como foráneas. A temática elixida para estas contribucións foi a temática sobre a que Manuel Deaño traballou moitos anos, “os procesos cognitivos, de que maneira podemos mellorar a intelixencia das persoas”. Así, nas achegas das e dos especialistas recollidas na publicación abórdase un amplo abano de temas, desde o que se sabe na actualidade da intelixencia ou dos programas para mellorala ata como a neurociencia pode contribuír á aprendizaxe ou o crecemento integral das persoas.

Pola súa banda, Manuel Deaño comezou agradecendo esta homenaxe aos compañeiros e compañeiras de departamento, pois “son moitas as experiencias vividas que levo na miña mente e no meu corazón” froito do trato con cada un deles e delas, e ás e aos autores do libro, polo tempo dedicado e pola calidade das súas achegas. Así, destacou como a publicación presentada permite comprender a evolución durante os últimos 55 anos da psicoloxía educativa española e o que se fixo ao longo destas décadas no campo da intervención.