DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa representación da obra 'Incendios', de Wajdi Mouawad

A actuación da Aula de Teatro do campus de Vigo baixou o pano da 25 edición da Miteu

Dedicada en exclusiva ao teatro galego, demostrouse a “boa saúde” das aulas universitarias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 04/05/2023

Tras máis dun mes de representacións a Aula de Teatro do campus de Vigo foi a encargada de baixar o pano da XXV edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu. Fixérono baixo a dirección de Casilda Alfaro e Sonia Rúa, coa representación da obra Incendios, de Wajdi Mouawad, na que se fala de tres incendios vitais: o de Nawal (nai), que pon ao espectador diante dunha vida agochada de procuras fallidas e de activismo; o de Jeanne (filla), capaz de descadrar a vida cómoda nun polígono vital e familiar de suposta seguridade, e o de Simón, cunha vida que tamén arrastra múltiples inseguridades.

Cun elenco composto por máis dunha ducia de actores e actrices, maioritariamente estudantes da propia Universidade de Vigo, incluído o Programa de Maiores, a posta en escena desta obra supón a culminación do traballo levado a cabo ao longo do segundo cuadrimestre no obradoiro de posta en escena dun obra teatral. Estrearon a pasada semana en Compostela, con gran aceptación dos espectadores, e onte mércores puideron facelo ‘na casa’, nun Teatro Vidal Bolaño ao que o público local acudiu cheo de expectativas por ver aos anfitrións. Hoxe xoves volverano facer, neste caso no Teatro Principal de Ourense ás 21.00 horas.

Desde o equipo organizador da Miteu, Alfonso Caride, técnico superior de actividades culturais da Universidade de Vigo, destacou que esta 25 edición da Miteu, dedicada en exclusiva ao teatro universitario galego, demostrou “a boa saúde das aulas de teatro das universidades galegas”. Así mesmo, tamén destacou a boa sintonía co público vigués, que non dubidou en achegarse ao campus para coñecer as diferentes propostas que foron chegando dende cada un dos campus galegos, así como da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, ESAD, que foi a encargada de abrir a mostra o pasado 29 de marzo.