DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor asegura no Consello de Goberno que “paga a pena facer o esforzo para acadar unha solución”

Adiada a aprobación da modificación do Grao en Publicidade e Relacións Públicas na procura dun acordo sobre as materias de lingua no novo plan de estudos

Na derradeira sesión do curso aprobouse un recoñecemento docente por maternidade pioniero en Europa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 28/07/2022

A aprobación da modificación do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, terá que agardar, despois que o Consello de Goberno celebrado este xoves acordarse, a proposta do reitor, adiar a decisión na procura dun acordo, ante a negativa dos departamentos de Lingua española, de Filoloxía galega e latina e de Socioloxía, ciencia política e da administración e filosofía a aceptar a modificación proposta polo decanato da facultade que contempla a eliminación no novo plan de estudos das materias de lingua española e galega. As intervencións da decana do centro, Emma Torres, e das directoras e membros dos departamentos antes citados evidenciou unha falta de acordo, que o reitor, Manuel Reigosa, avogou por acadar mediante a celebración de máis reunións con ambas partes, de xeito que se poida trasladar a o vindeiro Consello de Goberno unha modificación consensuada.

Este foi un dos puntos da orde do día da sesión do órgano de goberno, que aprobou por asentimento, coa abstención da catedrática Coral del Río, o recoñecemento docente por maternidade, un dos compromisos electorais do novo equipo de goberno, que permitirá ás profesoras a tempo completo que finalicen o seu permiso por parto ou adopción, garda con fins de adopcións, ou acollemento dunha duración mínima dun ano, solicitar unha redución da súa dedicación docente de ata o 100% no primeiro curso académico e o 50% o segundo, desde a data de finalización do permiso. O procedemento de xubilación do PDI pertencente aos corpos docentes universitarios da UVigo; a normativa da matrícula condicionada de acceso a máster; a normativa de contratación do persoal investigador da UVigo ou a convocatoria de retención de talento investigador para este curso, foron algúns dos asuntos aprobados hoxe polos membros do Consello, nunha sesión que comezou co informe do reitor.

Na súa exposición, Manuel Reigosa confirmou que se segue a traballar coa Xunta na procura da harmonización das datas relativas á tramitación das titulacións nas tres universidades, co obxectivo de que sexan as mesmas, así como no novo mapa de titulacións de graos. O reitor tamén confirmou que se continúa a traballar por parte da UVigo na creación dos institutos universitarios de aeroespaciais e de agroecoloxía, este último en paralelo coa posta en servizo do Instituto Agrofood transfronteirizo, xunto ao Instituto Politécnico de Bragança. Reigosa tamén destacou no seu informe as xestións que se están a realizar coas direccións das escolas de Minas e Enerxía, Enxeñaría Forestal e Enxeñaría Agraria na procura de solucións para as titulacións que se imparten nestes centros e que rexistran baixa matrícula, así como para a creación dunha Facultade de Enfermaría, con presenza nos tres campus, que substitúa aos actuais centros adscritos.

Na procura dun consenso sobre o novo plan de estudos do Grao en Publicidade

A decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres, foi a primeira en tomar a palabra para defender a reforma do plan de estudos do Grao en Publicade e Relacións Públicas, aprobado na xunta de facultade do centro por maioría cualificada. “A modificación fíxose aliñada co que a UVigo necesita”, dixo Torres, que incidiu na importancia da empregabilidade do alumnado, de estar en consonancia coa demanda da contorna, así como de facer fronte á competitividade nun país onde se imparten 42 titulacións oficiais de publicidade e relacións públicas. A decana, que reiterou a defensa que do galego, dixo, se fai no centro para formar ao seu alumnado, asegurou que, “fixemos os cambios atendendo á realidade do mercado” e non formando perfís técnicos, senón directivos ou de creadores e creadoras de contidos, entre outros. Tras confirmar que a materia de lingua non está contemplada no novo plan estudos, a decana do centro manifestou o malestar de parte do profesorado “ao poñerse en dúbida a súa capacidade de impartir habilidades de comunicación”. Emma Torres rematou a súa intervención afirmando que “este é o título que necesita a Facultade e os estudantes”, oa tempo que sinalou que, cara á sociedade a Universidade debe transmitir unha mensaxe de modernidade. “Non se pode actualizar porque faltan 150 horas de lingua?”, dixo a decana do centro.

En nome do Departamento de Lingua Española, a súa directora, Inmaculada Báez, e a docente e investigadora, Inmaculada Anaya, expresaron o seu rexeitamento á eliminación da lingua do novo plan de estudos e da necesidade de que sexan os e as especialistas en filoloxía e lingüística os que se encarguen de impartir estas materias. “O logro dos obxectivos depende da comunicación e de dicir as cousas con corrección”, dixo Anaya, que tamén recoñeceu que o problema pode radicar en como se están a ensinar as linguas nas universidade en xeral, polo que propuxo intentar cambiar o enfoque das materias facéndoas máis prácticas. Pola súa banda, Inmaculada Báez, asegurou que “prescindir das linguas non é unha boa opción” e que neste caso se trata dunha supresión e non dunha actualización. O director do Departamento de Filoloxía galega e latina, Xosé Henrique Costas, logo de lembrar que o 80% da docencia do centro se imparte en castelán, avogou por que o alumnado teña coñecementos en ambas as dúas linguas. “É un despropósito”, asegurou Costas, para quen, ademais, eliminar unha lingua minorizada “é ir contra corrente e un paso atrás”. Na súa quenda de intervención Cristina Caruncho, directora do Departamento de Socioloxía, ciencia política e da administración e filosofía, manifestou a súa oposición á supresión das linguas por tres motivos: "polo que se di e se di mal", que sostivo na afirmación da existencia dunha proliferación de materias técnicas en detrimento da lingua, a socioloxía ou a ética; "polo que non se di e debera dicirse", que Caruncho explicou aludindo ás sucesivas reducións que co paso dos anos sufriron estas materias e a conseguinte amortización e expulsión de profesionais; e "porque vai en contra dos intereses do alumnado e da UVigo".

Despois que os representantes do PAS,Carlos Mollinedo e María José Ríos, tamén expresasen o seu rexeitamento á supresión das linguas do plan de estudos, o reitor, logo de gabar o procedemento levado a cabo pola dirección do centro, propuxo aos membros do Consello adiar a decisión ata á vindeira sesión do mes de setembro, ademais de solicitar á Secretaría Xeral de Universidades unha ampliación do prazo para poder remitirlle o documento ese mesmo mes. “Agardo que poidamos acadar unha solución”, dixo Reigosa, que confirmou que a tal fin se reunirá coas partes en conflito, xa que, dixo “paga a pena facer o esforzo”. 

Recoñecemento docente por maternidade pioneiro en Europa

Os membros do Consello aprobaron hoxe por asentimento, coa abstención da catedrática Coral del Río, o recoñecemento docente por maternidade, unha medida pioneira nas universidades de Europa e España, que permitirá que as profesoras a tempo completo que finalicen o seu permiso por parto ou adopción, garda con fins de adopcións, ou acollemento dunha duración mínima dun ano, “poidan solicitar unha redución da súa dedicación docente de ata o 100% no primeiro curso académico e o 50% o segundo desde a data de finalización do permiso”, explica o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago, que lembra que este foi un compromiso electoral do equipo de goberno encabezado por Manuel Reigosa cando se presentou á reelección.

Outras modificacións sobre a normativa de dedicación e recoñecementos docentes do profesorado aprobadas hoxe, contemplan que no caso do persoal investigador doutor contratado ao abeiro dos programas de excelencia nacionais ou internacionais, e que a UVigo reciba a correspondente axuda de estabilización pola creación de postos de traballo de carácter permanente, terá dereito a un recoñecemento de 30 horas por curso académico durante tres cursos. “Por outra banda, establécese unha diferenza entre as vicerreitorías con dedicación exclusiva, cun recoñecemento docente do 100% e as que non teñen dedicación exclusiva, que manteñen o mesmo recoñecemento, ao tempo que se substitúe o antigo comisionado por adxunto ao reitor”, explica Alfonso Lago.

Na sesión tamén se deu luz verde ao procedemento de xubilación do PDI dos corpos docentes da UVigo. Sobre este axuste do procedemento aos diferentes Reales Decretos aprobados, o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións destaca que “ata agora, entre os 60 e os 69 anos (xubilación voluntaria), só era posible ao final do curso académico, mentres a que a partir dos 70 (xubilación obrigatoria) podíase escoller, ou ben, na data de cumprimento, ou ben, ao finalizar o curso académico”. Con esta nova proposta dentro da xubilación voluntaria, ao ter cumpridos 60 anos e ter recoñecidos 30 anos de servizos efectivos, a data de efecto será a que indique a persoa interesada na súa solicitude, podendo optar por xubilarse na data de cumprimento da idade ou á finalización do curso académico. “Ao cumprir 65 anos de idade e sucesivos ata os 69 anos e ter 15 anos de servizos prestados, a data de efectos deberá ser a correspondente á fin do curso académico”, puntualiza Lago.

Outro dos puntos aprobados hoxe foi unha nova normativa que, de conformidade co artigo 18.4 do RD 822/2021, do 28 de setembro de 2021, polo que se establece a organización dos ensinos universitarios e do procedemento de aseguramento da súa calidade, permite acceder aos másters sen ter rematado o grao, sempre que se cumpran un conxunto de condicións, como son “garantir a prioridade na matrícula do estudantado que dispoña do título universitario oficial de grao; permitir a matrícula condicionada nas titulacións de mestrado nas que a súa comisión académica así o decida, indicando expresamente no momento en que se solicita o terceiro prazo de matrícula, que só teñan pendente a acreditación do nivel de idioma estranxeiro, segundo a normativa de acreditación do coñecemento dunha lingua estranxeira para obter o título de grao da Universidade de Vigo, ou réstelles por superar o TFG e, como máximo, outros nove créditos ECTS”, enumera Lago.
 
Así mesmo, tamén se aprobou a modificación da normativa de coordinación de máster, que incorpora a posibilidade de que poida coordinar un máster, en caso de ser necesario, os e as axudantes doutores  posto que o aumento da oferta de novas titulacións tanto de grao como de máster, fai que nalgunhas escolas/facultades resulte complexo atopar persoal para ocupar certos cargos de xestión.

Convocatorias de investigación

No ámbito da investigación, na sesión aprobouse convocatoria complementaria da UVigo de Ayudas para la recualificación del Sistema Universitario Español para 2021-2023, “unha convocatoria complementaria para esgotar os fondos que quedaron e saen só 8 prazas de Margarita Salas, dous por cada ámbito de coñecemento e 1 de María Zambrano no ámbito xurídico-social. Plantéxase neste ámbito porque foi na que entraron menos na convocatoria anterior”, explica Belén Rubio, vicerreitora de Investigación. Tamén se deu luz verde á modificación da Normativa de contratación do persoal investigador da UVigo, un cambio que “atinxe só ao artigo 21 da xornada semanal, no se que se plantexa que sexa inferior ao 50% en casos excepcionais, como é o caso de captación de talento para o laboratorio cuántico”, explica Rubio, que en relación coa convocatoria de retención de talento investigador para este ano, confirma que é exactamente igual á do ano pasado, co mesmo número de prazas. 

Finalmente, aprobouse a creación dunha empresa de base tecnolóxica, unha spin off, SPARC, acrónimo de III-V Semiconductor Foundry and Advanced Photonics Research Center, orientada ao desenvolvemento e fabricación de produtos fotónicos que conteñan chips de semicondutores III-V para terceiros. “E unha iniciativa de dous investigadores de atlanTTic, Francisco Díaz e Carlos Mosquera e a Universidade participará nun 1% no capital social, como é habitual noutras spin-off xeradas da UVigo”.