DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con esta medida increméntase “a seguridade e axilidade e elimínase burocracia”

A e-administración gaña impulso coa posta en marcha da sinatura dixital de actas

Estes documentos poderán asinarse desde calquera dispositivo, incluído o móbil

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Institucional
D. Besadío DUVI 19/09/2019

“É unha medida espectacular en canto a seguridade, axilidade e eliminación de burocracia”. Así define o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez Tabarés, a posta en marcha este curso dun novo procedemento de sinatura dixital de actas das ensinanzas de grao e máster, unha medida que, segundo explica, trae consigo dúas grandes vantaxes: dunha banda, a axilización da administración e, da outra, a simplificación de procedementos, xa que ao haber menos sinaturas conseguirase que as actas sexan asinadas máis rapidamente “evitando así posibles retrasos”, subliña o vicerreitor.

Este procedemento poderá realizarse desde calquera ordenador ou teléfono móbil, sen necesidade de ter instalado ningún certificado de sinatura electrónica nos ordenadores ou dispositivos móbiles do profesorado, xa que se fará accedendo directamente á Secretaría Virtual da Universidade desde calquera dispositivo. “Non é necesario ter instalada a sinatura electrónica e, ademais, con este sistema eliminamos posibles baleiros de seguridade ao contar cunha dobre canle de comprobación: dunha banda, a Secretaría Virtual e, da outra, o envío dun SMS ao móbil do docente responsable da materia”, engade Míguez Tabarés.

A idea é incrementar os trámites que poidan realizarse vía electrónica

A implantación da sinatura electrónica chegou á Universidade de Vigo no ano 2009. En principio comezou cun ou varios centros pilotos e despois foise estendendo ao resto de escolas e facultades. Dende entón, e debido a que os navegadores deixaron de soportar a tecnoloxía coa que naquel momento se asinaban as actas, hai tres anos implantouse como solución o portasinaturas de Enxendra, pero agora detectouse que pode chegar a xerar un problema de seguridade.

O novo procedemento chega tras aprobarse no Consello de Goberno do pasado mes de abril o denominado Regulamento da Sede Electrónica da  Universidade de Vigo, no que xa se establece a posibilidade de utilizar o selo electrónico nos trámites administrativos que se realicen de forma automatizada e no que tamén se indica a intención da institución académica viguesa de ir estendendo progresivamente o número de procedementos, trámites e actuacións que poidan solicitarse e tramitarse por procedementos electrónicos.

De cara a difundir as peculiaridades do novo sistema, desde a Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado fíxose xa pública unha instrución na que se explica, entre outras cuestións, que unha vez pechada a acta, soamente serán as ou os docentes coordinadores da materia os que poderán confirmar que a acta é correcta, confirmación que se realizará mediante a verificación dun código enviado por SMS ao seu teléfono móbil. Unha vez confirmada a acta, será asinada dixitalmente de forma automatizada cun certificado de selo electrónico da UVigo.

Máis da metade das actas xa se asinan dixitalmente

O curso pasado asináronse na Universidade algo máis de 9000 actas, o 57% de xeito dixital, o que supuxo un incremento dun 5% con respecto ao curso anterior (2017-2018).  Se atendemos á análise por campus, Vigo é onde máis se emprega o sistema de sinatura dixital (62,75%), seguido de Pontevedra (49,76%) e Ourense (48,79%).