DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así se reivindica nunhas xornadas codirixidas polas profesoras Ana Mª Pita e Carmen Ruíz

Na administración tributaria, na asesoría fiscal…. As mulleres tamén son ‘visibles' no Dereito financeiro

Con máis de medio cento de asistentes, desenvolveranse este venres a través do Campus Remoto

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI 06/10/2022

Difundir a achega das mulleres ás diversas profesións relacionadas co Dereito tributario, desde a administración tributaria ata a asesoría fiscal, pasando pola docencia universitaria e a investigación. Este é o obxectivo das xornadas A inclusión da muller no dereito tributario. Talentos visibles que se levarán a cabo mañá venres pola tarde a través do Campus Remoto, na sala correspondente ao salón de graos virtual da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.

Dirixidas polas profesoras Ana Mª Pita e Carmen Ruíz, a actividade busca pór de manifesto as competencias das mulleres nun ámbito que, a día de hoxe, segue sendo maioritariamente masculino. O programa arrancará ás 15.30 horas coa intervención da directora da Unidade de Igualdade Águeda Gómez e a catedrática Ana Mª Pita e, a partires de aí, terá lugar a intervención de catro especialistas a través de cuxas intervencións se tratará de dar visibilidade á presenza das mulleres neste tipo de ámbitos profesionais, incluíndo a Axencia Española da Administración Tributaria, “onde, aínda que é certo que cada vez existen máis mulleres funcionarias ou persoal laboral que traballa ocupando postos relevantes, a mostra aínda non resulta suficientemente representativa”, salientan desde a dirección das xornadas.

Elas son maioría nas facultades de Dereito, pero poucas elixen o ámbito tributario

Entre os asistentes están sobre todo alumnado do Grao en Dereito, o dobre grao ADE-Dereito e o Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, pero tamén numeroso persoal docente e investigador doutras universidades españolas, así como persoas que se dedican ao exercicio da avogacía.  “Aínda que na maioría das facultades de Dereito existe unha presenza maioritaria de mulleres, a realidade é que unha vez finalizados os estudos de grao e posgrao, a maioría dirixen a súa actividade profesional a outros ámbitos do Dereito (civil, laboral, penal, matrimonial, mercantil...) cunha menor participación respecto do Dereito tributario”, explican desde a organización, desde onde tamén fan fincapé en que “a apreciación da materia obxecto do Dereito Financeiro e Tributario como abstracta, complexa e na que é necesario ter algún coñecemento contable, cremos que impide que as graduadas se desenvolvan profesionalmente neste ámbito do Dereito”.

Con estas son xa tres as xornadas organizadas pola Área de Dereito financeiro e tributario que se veñen desenvolvendo ao longo dos últimos anos relacionadas coa fiscalidade e a muller, tanto realizando actividades docentes que promovan a perspectiva de xénero, como organizando actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e a transmisión de valores igualitarios.

Catro mulleres que dan exemplo

Entre as participantes nas xornadas contarase coa intervención de Stella Raventós-Calvo, representante de AEDAF, a Asociación Española de Asesores Fiscais; Olga Bobadilla, delegada da Axencia Estatal da Administración Tributaria en Vigo; Marta Villar, representante da WIN-IFA, Women of IFA –International Fiscal Association- Network, e a catedrática da UVigo Ana Mª Pita, que centrará a súa intervención no papel da muller en investigación e docencia.