DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis dun cento de estudantes conectáronse este mércores á Xornada Emprego Público

A Administración Xeral do Estado busca nos campus ás novas xeracións de empregados públicos rachando con estereotipos caducados

Coa participación do secretario xeral de Función Pública do Ministerio de Política Territorial

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Institucional
D. Besadío DUVI 11/11/2020

Máis dun cento de estudantes de diferentes escolas e facultades asistiron este mércores a través do Campus Remoto da UVigo a unha Xornada de Captación de Talento organizada polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública en colaboración coa Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo. Dirixida ao alumnado, sobre todo aquel que está a piques de titularse, as persoas participantes tiveron neste encontro a posibilidade de achegarse de primeira man ao conxunto de oportunidades de traballo que ofrece a función pública e que van moito máis aló do clásico estereotipo que identifica aos profesionais deste sector con persoas que están nunha oficina facendo un traballo monótono. 

“Nada máis lonxe da realidade que esas ideas preconcibidas, as empregadas e empregados públicos están en todos os ámbitos da sociedade, desde o persoal que asiste aos inmigrantes que chegan a España en pateira a través do estreito de Xibraltar ata as investigadoras e investigadores que pasan meses na Antártida a bordo dun buque oceanográfico”, tal e como  recalcou na presentación das xornadas Javier Rueda, secretario xeral de Función Pública do Ministerio de Política Territorial e Función Pública. Xunto a el, participou na apertura do encontro a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, quen destacou a importancia de coñecer todas as alternativas e as posibilidades que teñen ao seu dispor as alumnas e alumnos ao rematar os estudos, referíndose ao emprego público como “un traballo de calidade, estable, con posibilidade de promoción e cun importante valor engadido: a vontade de servizo público”.

Nos vindeiros anos produciranse “xubilacións masivas”

Pola súa banda o secretario xeral de Función Pública transmitiulles a idea de que ao igual que envellece a sociedade española tamén o fai o sector público, situándose na actualidade a idade media dos seus traballadores en 52 anos. Neste senso, adiantou que nos próximos anos vanse producir “xubilacións masivas” e, neste contexto, a Administración corre un certo perigo de non ser capaz de seguir prestando uns servizos públicos de calidade nos diferentes departamentos da Administración Xeral do Estado. “Cando falamos de opositar falamos evidentemente de sacrificio e estudo pero quero que vos quede claro que competides fundamentalmente con vós mesmos porque o que estuda entra”, salientou Rueda, quen puxo sobre a mesa un dos problemas que considera máis preocupante e que se refire ao descoñecemento que hai na sociedade en xeral sobre que é e quen traballa na administración pública.

Desde o seu punto de vista hai unha parte importante da sociedade que non é capaz de identificar que é o sector público. “Recoñécese ao sector da docencia, da sanidade, da policía, da garda civil… pero hai moitas outras imaxes que se ven a diario nas que non se é consciente de que quen está aí é un empregado ou empregada pública”. Puxo como exemplo a chegada dunha pateira de inmigrantes de madrugada a España, “un momento no que todos nos quedamos coa imaxe da persoa que leva o chaleco da Cruz Vermella, pero con esa persoa hai tamén empregados públicos”. 

Un sector moi descoñecido e repleto de estereotipos

Xunto ao descoñecemento xeral sobre a variedade de temáticas que inclúe o traballo na Administración pública, Rueda fixo fincapé na necesidade de loitar contra os estereotipos que identifican aos traballadores do Estado cun “colectivo gris, o colectivo do volva vostede mañá, daqueles que teñen un emprego estable e xa teñen a súa vida resolta, desde a miña experiencia persoal nada máis lonxe da realidade”, recalcou o funcionario, quen fixo fincapé na vocación de servizo público destes traballadores, cunha capacidade innovadora “que nada ten que envexar ao sector privado” e no que “te levantas cada día para que as cousas e o país funcionen un pouco mellor”.

O programa da xornada incluíu a oportunidade de dar a coñecer de primeira man como é o desenvolvemento destas carreiras profesionais, como son os procesos, as diferentes alternativas… desde o punto de vista persoal de quen xa pasou por este proceso. Neste senso contouse coa participación de Sonia Postigo, da Dirección Xeral da Función Pública; Concepción Campos, da Escala de Funcionarios da Administración Local con habilitación de carácter nacional, e de Xosé Areses, da Secretaría Xeral da Función Pública, que centrou a súa intervención no Corpo Superior de Administradores Civís do Estado. Da moderación do coloquio coas persoas asistentes encargouse a profesora Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo.