O catedrático da EE Forestal é un dos autores dun traballo que reuniu especialistas de 17 países
Adolfo Cordero participa na elaboración dun plan de acción internacional para a conservación das libélulas
No documento, poñen de relevo o seu papel como “indicadores da calidade dos ecosistemas”
Ameazas como a perda dos seus hábitats, a transformación da paisaxe, a contaminación, a propagación de especies invasoras ou a alteración hidrolóxica contribúen a que, na actualidade, o 16% das máis de 6400 especies de libélulas descritas en todo o mundo se atopen ameazadas. Partindo do papel que xogan estes odonatos na protección dos ecosistemas, un grupo de 28 entomólogos e entomólogas de 17 países definiron un plan de acción para a conservación destes insectos. O catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero é un dos autores deste traballo publicado na revista científica Insect Conservation and Diversity, que presenta como “un chamamento a protexer as libélulas”. Partindo de que estas constitúen “unha compoñente importante da biodiversidade”, os autores deste artigo propoñen accións como aumentar a monitorización das poboacións, mellorar as actividades de conservación da paisaxe utilizando libélulas ou incluílas na avaliación estándar de riscos ecotoxicolóxicos, así como promover accións de educación ambiental.
Promovido polo profesor Michael J. Samways, da Universidade de Stellenbosch (Suráfrica), Cordero, investigador principal do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación), é o único entomólogo español participante neste traballo. O seu obxectivo, sinala, é “facilitar a comunicación de ideas clave á sociedade, tentando que a linguaxe sexa de fácil comprensión e que os problemas clave se identifiquen, así como posibles solucións”. Con esa idea, o estudo aborda en primeiro termo os riscos ambientais que enfrontan estas especies, para logo incidir nos progresos logrados en materia de conservación e presentar finalmente un plan de acción para a preservación das libélulas e dos seus ecosistemas, a partir de “investigacións e proxectos exitosos en diversas partes do mundo”.
“Sentinelas dun mundo cambiante”
“As libélulas son sentinelas accesibles e establecidas dun mundo cambiante”, sinala o grupo de entomólogos responsable deste traballo, que incide no valor destes insectos na avaliación “tanto do deterioro das condicións ambientais como da recuperación dos ecosistemas”. Nese senso, Cordero lembra que se trata de organismos “con vida anfibia, que precisan de boas condicións tanto nos ecosistemas acuáticos, como larvas, como nos ecosistemas terrestres, como adultos”, o que fainos “especialmente importantes como indicadores” da calidade de ambos. De feito, un estudo previo realizado por Cordero e a integrante do grupo EcoEvo Anais Rivas puña de relevo o “papel dos odonatos como exportadores de materia dende os ecosistemas de auga doce” aos terrestres, a medida que os exemplares adultos se afastan da auga.
Mais, ademais de como “indicadores”, as libélulas poden contribuír tamén á “selección de áreas para a conservación”, posto que aquelas zonas “que teñen unha riqueza especialmente alta de odonatos poden ser tamén especialmente relevantes como reservas para moitos outros grupos de organismos”, sinala o investigador da UVigo.
Da conservación á educación
Tras afondar nas principais ameazas que afectan a estes insectos, este grupo de investigadores definiu unha serie de accións de conservación de carácter global, pero aplicables nunha escala local, partindo da necesidade de “incluír máis amplamente as libélulas nas actvidades e políticas xerais de conservación da biodiversidade”. En primeiro termo, subliñan a necesidade de “continuar e ampliar a avaliación e a monitorización” das súas poboacións e distribución, incidindo na necesidade de “información de referencia sólida para coñecer e abordar as respostas ás ameazas e o estado de risco”. Neste eido, destacan o papel que poden xogar tanto a ciencia cidadá como as ferramentas tecnolóxicas e o valor que ten o desenvolvemento de bases de datos que contribúan a un seguimento a escala global.
Partindo do seu papel como indicadores da calidade dos ecosistemas, este grupo de especialistas propón tamén empregar as libélulas para “mellorar as actividades de conservación da paisaxe”, a través de accións que vinculen ecosistemas terrestres e que favorezan a conectividade entre hábitats. Do mesmo xeito, avogan tamén por “garantir a integración” dos odonatos “noutras iniciativas de conservación”, dado o “enorme potencial” destas especies para medir os resultados de programas de restauración dos hábitats, prácticas sustentables do uso do solo ou proxectos de enerxía limpa.
Este grupo de especialistas propón así mesmo utilizar os odonatos “para avaliar os impactos específicos dos contaminantes como un compoñente dos protocolos da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento (OCDE)”, dado que estes insectos non se inclúen “na actual avaliación de riscos estandarizada” para as probas ecotoxicolóxicas de substancias químicas. Finalmente, defenden pór en valor o seu “valor fundamental tanto para auga como para as terras adxacentes” a través da educación ambiental, con accións que contribúan a achegar á cidadanía a súa importancia en materia de conservación.
