Xunto a persoal investigador da Universidad San Francisco de Quito
Adolfo Cordero participa na elaboración do primeiro libro sobre os invertebrados acuáticos das Galápagos
Compila información de 138 especies
O catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero, investigador principal do grupo EcoEvo, é un dos autores de Galápagos: invertebrados acuáticos, o primeiro libro dedicado aos diferentes tipos de invertebrados que poden atoparse nas lagoas, pozas, ríos e zonas húmidas dun arquipélago caracterizado polo seu illamento xeográfico. Resultado dun conxunto de mostraxes realizadas ao longo de catro anos xunto a investigadores e investigadoras da Universidad San Francisco de Quito (USFQ), trátase dunha guía de carácter divulgativo, que compila información de 138 especies de insectos e outros invertebrados, co propósito de “facilitar o seu estudo, conservación e apreciación”, sinalan os seus autores e autoras.
Con textos en castelán e inglés, este libro é resultado dun conxunto de mostraxes realizadas polas investigadoras e investigadores da USFQ Karla S. Barragán -autora principal-, Daniela Rosero, Daniel Escobar, Pamela Moreno, José Daza e Andrea C. Encalada, xunto co responsable do grupo EcoEvo e Sebastián Andrade, da Ceiba Foundation for Tropical Conservation.
“A mefagauna de Galápagos é ben coñecida, pero as illas teñen tamén moitas especies de grupos menores”, salienta Cordero respecto dun conxunto de macroinvertebrados que habitan nos ecosistemas de auga doce ou salobre das Galápagos. Ata a publicación desta guía, “apenas había información sobre estes grupos a nivel científico e nada de divulgación”, recoñece o investigador da UVigo, un dos responsables da revisión científica do libro e autor de todas as fotografías de invertebrados nos seus hábitats. “A miña participación máis relevante está na parte de odonatos e hemípteros”, dúas ordes que centraron diferentes estudos do grupo EcoEvo nas Galápagos, “pero tamén na miña faceta de fotógrafo da natureza”, apunta Cordero.
Investigación e divulgación
Como lembra Cordero, o estudo das poboacións da Ischnura hastata, unha especie de libélula da que o grupo EcoEvo descubrira previamente nas Azores o único caso coñecido nestes insectos de partenoxénese –reprodución sen necesidade dos machos-, foi o propósito central dos seus primeiros estudos nas Galápagos. Alí, engade, “atopamos que a fauna de odonatos estaba pouco estudada”, o que levou a iniciar unha liña de colaboración co laboratorio que coordina Andrea Encalada, ao abeiro de diferentes proxectos financiados pola Agencia Española de Investigación. Nesta colaboración insírese tamén a “investigación que empezamos hai anos sobre as masas de auga non mariña, moitas bastante salgadas”, na que se insiren unha serie de mostraxes nas illas Floreana, Isabela, San Cristóbal e Santa Cruz, dirixidas a caracterizar a maior cantidade da diversidade de invertebrados nos “escasos ecosistemas acuáticos” destas illas de paisaxe volcánica.
“Atopamos insectos e invertebrados con adaptacións e ecoloxías extraordinarias”, sinala o equipo responsable dunha guía que “revela que a riqueza das illas non está só na terra firme ou no océano aberto, senón tamén nos seus corpos de auga máis discretos”. Nese senso, este libro busca tamén pór o foco na importancia dos ecosistemas acuáticos na biodiversidade do arquipélago, dado que “rara vez” se teñen en consideración “nas estratexias de conservación”, salientan.
Información de preto de 140 especies
A guía presenta información da bioloxía das diferentes familias e ordes de invertebrados, xunto con fotografías, descricións morfolóxicas, información taxonómica ou mapas da súa distribución no arquipélago. Centrada en xéneros e especies “facilmente visibles”, o que exclúe microinvertebrados ou microcrustáceos, no libro abórdanse 138 especies, das que 46 nativas do arquipélago e outras 39 só poden atoparse nas Galápagos. No caso de insectos e decápodos, a publicación recolle entradas individuais por familias, coa excepción das libélulas, que son “probablemente o grupo mellor estudado”, contando cada unha das oito especies presentes nestas illas cun apartado específico. Entre elas, atópase a especie endémica Rhionaeschna galapagoensis, “bastante común na illa de San Cristóbal, onde hai algúns regatos permanentes, pero rara noutras illas”, apunta Cordero.
“Do resto dos grupos sabemos pouco sobre a bioloxía e algunhas especies aínda están por estudar en detalle”, recoñece o investigador da UVigo, quen realizaba a comezos deste ano un estudo sobre os hemípteros. Desta orde forman parte insectos que viven sobre a superficie da auga ou que habitan nas beiras das zonas húmidas e está representada nas Galápagos por sete familias e 18 especies. Trátase dun dos grupos con maior número de especies nun arquipélago no que destaca a ausencia de grupos acuáticos comúns en ecosistemas continentais, como Ephemeroptera, Trichoptera ou Plecoptera. No arquipélago, a orde máis representada e a dos Diptera, da que forman parte as moscas ou mosquitos e dos que esta guía reúne información de once familias e preto de 90 especies asociadas a corpos de auga doce ou salobre.
No caso dos coleópteros, presenta información das seis familias e preto de 15 especies de escaravellos asociados a ecosistemas acuáticos, mentres que no caso da orde Decapoda describe tres familias de crustáceos ligadas á auga doce ou salobre. Por outra banda, a falta de información actualizada é unha das cuestións salientadas respecto dos anfípodos, unha orde de crustáceos da que se coñecen na Galápagos preto de 50 especies, o 38% endémicas. O mesmo acontece cos isópodos e cos ostrácodos, así como coa clase Gastropoda, “á que pertencen diversas ordes de caracois, terrestres e mariños”.
