Segundo un estudo que analiza os artigos da Web of Science dos últimos 50 anos
Adolfo Cordero, terceiro investigador do mundo con maior número de publicacións científicas sobre libélulas
A UVigo sitúase como a sétima institución máis produtiva neste eido
Co obxectivo de coñecer as temáticas que centraron a investigación sobre libélulas e cabaliños do demo ao longo das últimas décadas, investigadores das universidades chinesas de Kaili e Guizhou e do Instituto de Ciencias Agrícolas de Qiandongnan realizaron unha revisión de máis de 5000 artigos publicados en revistas científicas recollidas na base de datos Science Citation Index Expanded (SCIE) da Web of Science desde a década de 1970. Esta análise buscaba tamén “visualizar e identificar os principais contribuíntes” á investigación sobre odonatos e sitúa á Universidade de Vigo como a sétima institución máis produtiva no estudo destes insectos, nun período que abrangue de 1973 a 2023. Ao mesmo tempo, o estudo sitúa o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero como o terceiro investigador do mundo con maior número de artigos científicos centrados no estudo das libélulas.
Publicado na revista científica Insects, este traballo foi realizado por Gang-Qiang Fan, do Instituto de Ciencias Agrícolas de Qiandongnan; Shao-Zhao Qin, da Universidade de Kaili; e Chao-Xing Hu, da Universidade de Guizhou, e parte da análise de 5042 artigos científicos publicados en inglés ao longo de 50 anos. A pesar de que os odonatos son dos “grupos de insectos máis amplamente estudados”, era precisa, sosteñen neste artigo, unha visión xeral dos aspectos que centraron en maior medida o traballo das investigadoras e investigadores de todo o mundo, co propósito de coñecer “o que aínda necesitamos aprender”. Por outra banda, ademais de identificar “novas tendencias en investigacións recentes”, este traballo permite tamén visualizar, a través de “técnicas de informática visual”, os principais investigadores e investigadores neste eido e a súa rede de colaboracións.
“Foi unha sorpresa”, recoñece Cordero, investigador principal do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación) respecto da súa inclusión entre os académicos e académicas máis produtivos dos últimos cincuenta anos. Posición que o profesor da EE Forestal ve como “o resultado de moitos anos de traballo incluíndo ás libélulas como un dos modelos de estudos das miñas investigacións”, ao tempo que lembra que isto foi posible porque “hai todo un equipo detrás”. Nese senso, Cordero lembra ás “persoas que ao longo destes trinta anos participaron nos meus proxectos e realizaron a súa formación predoutoral ou posdoutoral” no grupo e que contribuíron a situar a UVigo entre as institucións máis produtivas do mundo neste eido.
Principais institucións e investigadores
No referido ás “institucións de investigación máis produtivas”, este artigo sitúa en primeiro lugar ao Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS) de Francia, con 201 artigos, seguido polo tamén francés Museo Nacional de Historia Natural, con 195. A Universidade de Vigo, con 104 artigos, figura no sétimo posto desta listaxe, por detrás da Academia Chinesa de Ciencias, a Universidad Nacional Autónoma de México, a Universidade da Sorbona e o Centro de Biodiversidade Naturalis (Páises Baixos); sendo ademais a única universidade española entre as dez entidades con maior produción científica sobre libélulas.
Segundo este estudo, André Nel, da Universidade da Sorbona, foi o investigador con maior produción científica sobre odonatos dos últimos 50 anos, cun total de 164 artigos; seguido por Robby Stoks, da un Universidade Católica de Leuven (Bélxica), con 123. En terceiro lugar atópase Cordero, con 80 publicacións en revistas incluídas no SCIE. Entre os autores máis citados figuran tamén investigadores e investigadoras de universidades do Brasil, Suecia, México, Sudáfrica, Reino Unido e Malaisia, sendo o catedrático da UVigo o único representante dunha universidade española nesta listaxe.
Catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, Cordero Rivera é autor de máis de 200 artigos en publicacións científicas, 26 capítulos de libro e catro libros, ademais de ter dirixido trece teses de doutoramento. Entre seus principais intereses, recoñece, “sempre estivo a ecoloxía do comportamento e da conservación, particularmente, ao darme conta de como as zonas húmidas se foron degradando ao longo das últimas décadas”. Isto contribuíu, lembra, a que os temas que centraron en maior medida o seu labor fosen “por unha banda, estudos de ciencia básica e, por outra, a aplicación da investigación para a elaboración de plans de xestión de especies ameazadas”. Facendo balance tamén do traballo desenvolvido polo grupo EcoEvo ao longo das últimas décadas, Cordero apunta que “coido que o máis relevante que temos achegado desde o noso grupo á odonatoloxía” foi o descubrimento da primeira e ata o de agora única “especie de libélula partenoxenética”, capaz de reproducirse sen a existencia de machos. Trátase, lembra, da Ischnura hastata, que presenta nas Azores “poboacións constituídas unicamente por femias, que se reproducen de forma clonal”.
