DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A presidenta executiva de Adolfo Domínguez participou este martes nun 'brunch' profesional no campus

Adriana Domínguez explica ao alumnado de Ciencias Empresariais e Turismo como diferenciar unha marca no ámbito internacional

A actividade estivo coorganizada co Colexio de Economistas de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Académica
DUVI Ourense 02/12/2025

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense organizou este martes un 'brunch' profesional no que a protagonista foi Adriana Domínguez, presidenta executiva de Adolfo Domínguez desde hai sete anos. Ela faloulle ao alumnado asistente sobre Como diferenciar unha marca nos cinco continentes en base á súa experiencia nesta empresa ourensá de moda, que segundo se indicou no acto, ten actualmente presencia en 51 países, vivindo un momento de expansión con máis da metade das súa tendas no estranxeiro. 

A iniciativa estivo coorganizada co Colexio de Economistas de Ourense, no marco do convenio de colaboración que ten coa facultade ourensá, e foi, tal e como indicaron desde a súa organización, "unha oportunidade única para aprender sobre estratexia e posicionamento internacional dunha marca de referencia". Participaron 25 estudantes, esgotándose as prazas dispoñibles ao pouco de abrirse o prazo de inscrición. 

A actividade foi presentada por Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Juan Santamaría, secretario do Colexio de Economistas de Ourense. Segundo explicou o decano, o centro está a organizar estes 'brunch' profesionais, dous por cuadrimestre, co obxectivo de que  o alumnado dos últimos cursos dos seus graos (Turismo e Administración e Dirección de Empresas) e dobres graos “teña a posibilidade de interactuar con persoas de recoñecido prestixio no ámbito da xestión”. A iniciativa dá continuidade á liña de traballo que está desenvolvendo o centro de achegamento do seu alumnado ao tecido empresarial a través de formatos participativos. Neste senso, a convidada amosou a súa satisfacción por participar neste encontro subliñándolle ao estudantado presente como "achegarse ás empresas vaivos dar unha idea moitísimos máis real do que se pode facer".