DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola recibiu a visita do responsable de Espazo da empresa GMV e da asociación Tedae

Aeroespacial achégase á realidade empresarial do sector

Jorge Potti ofreceu a primeira conferencia do Foro Aero

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 22/10/2021

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo recibiu este xoves pola tarde a visita de Jorge Potti, director xeral de Espazo do grupo empresarial GMV e vicepresidente da Comisión de Espazo da Asociación Española de Tecnologías de Defensa, Seguridad, Aeronáutica y Espacio (Tedae). O experto visitou as instalacións da escola organizadora de man do seu director, Humberto Michinel, e de membros da dirección do centro, e ofreceu a primeira das conferencias deste curso académico do ciclo divulgativo Foro Aero. Na súa intervención, abordou a situación actual e expectativas de futuro da industria espacial española.

Jorge Potti explicou que GMV é unha empresa española que xurdiu como unha spin-off da Universidad Politécnica de Madrid no ano 1985, fundada por Juan José Martínez, catedrático de Mecánica do Voo na Escola de Enxeñeiros Aeronáuticos. “Iniciamos a nosa traxectoria no sector aeroespacial, que segue sendo o noso motor principal, e desde entón somos unha empresa que se desenvolveu moitísimo”, afirmou. Dun “puñado de enxeñeiros froito desa universidade”, lembrou o convidado, “hoxe somos máis de 2500 empregados, estamos presentes en 12 países e con moita forza, sobre todo no sector espacial, pero tamén nos sectores de defensa, de transporte e de tecnoloxías da información en xeral, e particularmente en ciberseguridade, onde somos moi fortes”. 35 anos despois da súa fundación, indicou, “GMV segue sendo unha empresa familiar, que mantén ese ADN dunha empresa que lle gusta desenvolver tecnoloxía, que lle gusta desenvolver proxectos innovadores e que lles gustan os desafíos”.  

Polo que respecta á Asociación Española de Tecnologías de Defensa, Seguridad, Aeronáutica y Espacio (Tedae), o vicepresidente da súa Comisión de Espazo destacou que é unha entidade que “trata de impulsar o desenvolvemento das industrias que abarca, que son moi complementarias todas elas”. Así, explicou, “con frecuencia as empresas operamos en distintos ou todos estes sectores”. GMV, apuntou Jorge Potti, é precisamente unha desas empresas que traballa nos catro sectores considerados. “Como toda asociación empresarial, o que busca Tedae é o desenvolvemento da industria”, dixo o enxeñeiro durante a súa visita ao campus, pero recalcou como “a nós gústanos dicir que as empresas de Tedae somos empresas de estado, pois todos os sectores nos que traballamos son particularmente sensibles e somos unha industria moi comprometida co desenvolvemento do tecido industrial e do emprego en España”.

Aceleración da carreira aeroespacial

Durante a súa intervención ante o alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Jorge Potti expuxo a súa visión do sector aeroespacial, recalcando como “a mensaxe de fondo é moi positiva”. Así, afirmou, este sector “é un dos máis atractivos na actualidade, un dos que ten máis futuro” explicando como “vivimos un momento no que vai a medrar de maneira moi forte en moitos ámbitos. Estamos nun punto de inflexión moi positivo, é un momento moi bo”. Na actualidade, sinalou o experto, o “espazo volveu a converterse en foco de interese xeopolítico” debido ao interese de liderado de China nel e á reacción de outras potencias internacionais. “Iso está provocando grandes investimentos gobernamentais en programas espaciais moi potentes”, dixo. Igualmente destacou que “estamos vivindo unha época na que grandes milmillonarios estadounidenses decidiron investir no espazo”, como é o caso de Elon Musk e Jeff Bezos, “o que está provocando unha aceleración do sector tremenda”. Como exemplo desta situación, apuntou que o pasado ano lanzáronse 1300 satélites ao espazo, cando en toda a historia da humanidade foron arredor de 10.000. Esta aceleración da carreira espacial, indicou, ofrece “moitas oportunidades para todos”.

Neste contexto, o director xeral de Espazo do grupo empresarial GMV salientou que “as expectativas que lle traslado ao alumnado universitario é de que van a ter seguro moito traballo e en proxectos moi interesantes, con tecnoloxías moi novas”. Así, lembrou como todas as empresas de Tedae “somos grandes empregadores” de enxeñeiros e enxeñeiras e en xeral de titulados e tituladas en carreiras STEM. No caso concreto de GMV, apuntou, “somos unha empresa que medrou moito desde o seu nacemento, pasando de 0 a 2500 empregados en 35 anos, e seguimos cunha ambición de medrar moi grande, contratando cada ano a moitísimos enxeñeiros, algo que é fundamental para nós”. No modelo de GMV, indicou, “nutrímonos de titulados recentemente de universidades, que incorporamos aos nosos equipos, formámoos e ofrecémoslles un proxecto profesional e a oportunidade de participar en proxectos moi interesantes e innovadores”.