Nunha xornada organizada co gallo da Semana Mundial do Espazo
Aeronáutica, Informática e Ciencias amosan a escolares como a exploración espacial acaba impactando na vida cotiá
Houbo conferencias e unha zona de exposicións e demostracións
Avanzar na exploración espacial supón a diferente áreas de coñecemento un reto substancial. Teñen que traballar na vangarda do coñecemento co obxectivo de dar aínda un paso máis alá. Os froitos dese esforzo materialízanse en novas tecnoloxías, materiais, produtos, etc que co paso do tempo en moitos casos acaban chegando á sociedade de diferente xeito, desde o teléfono móbil ata os materiais ignífugos. Este venres o campus de Ourense uniuse á celebración da Semana Mundial do Espazo, unha iniciativa internacional proclamada polas Nacións Unidas e destinada á divulgación da contribución da ciencia e da tecnoloxía á mellora da condición humana. E fíxoo cunha xornada divulgativa na que un centenar de estudantes preuniversitarios puideron achegarse, a través de charlas, talleres e exposicións, ao pasado, presente e futuro da exploración espacial e a como ela impacta na vida cotiá.
A iniciativa formou parte da programación desenvolvida estes días en diferentes localidades galegas por parte da Xunta de Galicia no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo. No caso do campus de Ourense, a actividade estivo organizada pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Facultade de Ciencias, contando co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), Airbus e a asociación Ellas Vuelan Alto. Os tres centros da UVigo uníronse co obxectivo de pór en valor a interdisciplinaridade da ciencia espacial, onde ten cabida desde a enxeñaría aeroespacial e a informática ata a ciencia e tecnoloxía dos alimentos.
INTA, Airbus, UVigo e Ellas Vuelan Alto
A programación desta Xornada divulgativa sobre a exploración espacial. Pasado, presente e futuro, tivo lugar no edificio Politécnico e nela participaron un centenar de estudantes do Colexio Padre Feijóo Zorelle, IES 12 de Outubro e IES Julio Prieto Nespereira, todos eles de Ourense. Arrancou coa conferencia O INTA na exploración espacial en España, ofrecida por Paloma Gallego, xefa de laboratorio e enxeñeira de sistemas en proxectos espaciais do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA). Nela, o alumnado e persoas asistentes coñeceron as áreas de traballo deste centro e a actividade que nel se desenvolve. A segunda conferencia foi ofrecida por Daniel Franco Gutiérrez, embaixador de Airbus e responsable de innovación aberta e intraemprendemento de Airbus Defence and Space en Madrid. El presentou o proxecto Gravitas, de Airbus, cunha intervención titulada Da gravidade, de Newton a Starlab. Implicacións médicas e solucións no ser humano das viaxes polo espazo.
Entre conferencia e conferencia, o alumnado percorreu diferentes espazos habilitados na entrada do edificio Politécnico. Cada un dos tres centros participantes contou cun posto no que, dun xeito ameno e divulgativo, amosou diferentes pegada da exploración espacial en diversos sectores, como a alimentación, a robótica, a comunicación e os materiais. Neles puideron ver a repercusión na vida diaria de investigacións que inicialmente se desenvolveron no eido aeroespacial. Ademais, rapazas e rapaces puideron pór nome ás mulleres que axudaron a que o ser humano chegara a Lúa a través da exposición Elas leváronnos á Lúa e o libro Elas leváronnos ao espazo, do colectivo do campus de Ourense eXXperimenta en Feminino. Tamén tivo presenza a asociación Ellas Vuelan Alto, que ten como obxectivo visibilizar o labor das mulleres no sector aeroespacial en España.
