DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A triatleta protagonizou por videoconferencia un coloquio na Escola Naval Militar

O afán de superación de Susana Rodríguez Gacio abre as actividades da Cátedra Álvarez-Ossorio

Trátase do primeiro dos actos programados para este curso

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Pontevedra 24/02/2022

O pasado mes de xullo, a revista Time levaba a súa portada a historia da triatleta, médica e fisioterapeuta Susana Rodríguez Gacio, que poucas semanas despois sumaba aos seu éxitos deportivos a medalla de ouro na proba de triatlón dos Xogos Paralímpicos disputados en Tokio. Os logros deportivos, profesionais e vitais desta atleta con discapacidade visual centraron na noite deste mércores a primeira das actividades que impulsa no presente curso a Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que promoven conxuntamente a Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar (ENM). Baixo o título de Afán de superación, tratouse dun coloquio dirixido a afondar nas facianas “académica, vital e deportiva” de Rodríguez Gacio, que interveu por videoconferencia e que en Tokio logrou tamén converterse na primeira española que competía en dúas disciplinas nuns Xogos Paralímpicos, neste caso o triatlón e o 1500 metros.

Estes logros deportivos, que se suman a un amplo palmarés en campionatos mundiais e europeos, motivaron de feito que Rodríguez Gacio fose homenaxeada en novembro, nun acto que compartiu coa medallista olímpica Teresa Portela, pola Facultade de Fisioterapia da UVigo, da que é egresada e que decidiu recoñecela dándolle o seu nome a unha das súas aulas. Este foi outro dos aspectos recordados no acto deste xoves, que abriron as intervencións do comandante director da ENM, o capitán de navío Pedro Cardona, e o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto. “Abrimos o curso con Susana porque exemplifica absolutamente os valores que debe traballar calquera persoa que queira superarse na vida: constancia, esforzo, actitude positiva, sacrificio..., e queríamos que puidera contarnos as súas vivencias para chegar ata onde chegou”, salientou Soto, que subliñou que Rodríguez Gacio "pasou xa a formar parte do listado de grandes figuras do deporte español”.

Arranque á programación de 2022

Como explica Soto, a situación provocada pola pandemia obrigou a adiar ata este mes de febreiro a inauguración do curso 2021-2022 na Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, cun coloquio inserido nunha programación que se estenderá ao longo de todo 2022 e coa que buscan, subliñou, “seguir achegando valor a través do coñecemento, a investigación e as actividades tanto deportivas como culturais". Nese senso, o vicerreitor trasladou o seu “convencemento de que vai ser un ano espectacular” para a cátedra, que continuará a súa programación no mes de marzo cunha actividade titulada A peregrinación marítima xacobea máis longa da historia, na que intervirán o director da Fundación Traslatio, Celso González, e o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda. Xa en abril, sinala o vicerreitor, a cátedra contará “cunha mesa redonda sobre psicoloxía pos-pandémica”, na que participarán Pedro Baños, coronel na reserva e especialista en xeoestratexia; Juan Jesús Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela; e África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo. Así mesmo, tamén están previstos, adiantou Soto, coloquios “sobre o quinto centenario da volta ao mundo e sobre epidemioloxía no século XXI” para os meses de maio e xuño. Así mesmo, tras o verán, a Cátedra Álvarez Ossorio continuará a súa actividade con coloquios centrados no Pacto Verde Europeo e na ciberseguridade.