DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A catedrática foi elixida xunto co profesor Gregorio Varela, da San Pablo CEU de Madrid

África González, nomeada académica correspondente da Academia de Farmacia de Galicia

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 21/01/2019

A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo e directora do Centro de Investigación Biomédica, África González, suma un novo recoñecemento á súa traxectoria profesional. A Academia de Farmacia de Galicia acaba de nomeala académica correspondente, xunto co profesor Gregorio Varela, da San Pablo CEU de Madrid.

A academia, nunha sesión celebrada a pasada semana, quixo recoñecer con esta elección a traxectoria da docente da Universidade viguesa, que lidera un grupo de referencia multidisciplinar no eido da inmunoloxía e inmunoterapia, conectado con diversos grupos nacionais e internacionais de países como EEUU, Suecia, Brasil, Francia, Alemaña ou Inglaterra. No seo deste equipo da Universidade de Vigo ten traballado no desenvolvemento de vacinas para, por exemplo, E. coli, tuberculose ou hepatite, así como no eido da nanomedicina e os nanomateriais con estudos sobre biosensores para detectar células tumorais ou a xeración de anticorpos monoclonais con distintas aplicacións. Ademais, participou e coordinou proxectos tanto estatais como europeos e formou parte da Rede do FIS de Mieloma múltiple e do proxecto Consolider Ingenio Nanobiomed. Foi finalista do Premio da Unión Europea ás Mulleres Innovadoras e dirixe, dende a súa creación, o Centro de Investigación Biomédica (Cinbio) da Universidade de Vigo e preside a Sociedad Española de Inmunología. 

Paralelamente ao seu labor investigador, a catedrática foi unha das impulsoras da spin-off NanoImmunoTech e ten publicado diversos capítulos de libros e un elevado número de artigos de gran relevancia en revistas de alto impacto como Nature, Cell, PNAS, ACS-Nano, etc. Antes da súa chegada á Universidade de Vigo, traballou no Laboratory of molecular biology (Cambridge) con el premio Nobel César Milstein. 

Xunto coa catedrática da Universidade de Vigo, entra tamén na Academia de Farmacia de Galicia o profesor da San Pablo CEU de Madrid Gregorio Varela, onde é responsable do grupo de investigación de Nutrición e Ciencias da Alimentación. Preside a Fundación Española de la Nutrición.