DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O galardón á catedrática de Inmunoloxía da UVigo será entregado no mes de decembro

África González, Premio Executivas 2020 pola súa “prestixiosa traxectoria profesional”

Recoñece tamén o seu esforzo de divulgación científica durante a pandemia da covid-19

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Investigación
M. Del Río DUVI 26/11/2020

A Asociación Executivas de Galicia decidiu distinguir á catedrática en Inmunoloxía da Universidade de Vigo África González co Premio Executivas 2020. O galardón recoñece non só “a prestixiosa traxectoria profesional dunha muller”, senón que tamén quere poñer en valor o destacado papel que tivo a investigadora nos medios de comunicación nos últimos meses como divulgadora científica en temas relacionados coa pandemia da covid-19. 

Con este premio, dende Executivas de Galicia tratan de reivindicar a visibilidade das mulleres que “nestes tempos de incerteza xogan un papel decisivo na investigación e na divulgación científica” e, neste sentido, lembran que África González forma parte do directorio Referentes Galegas xunto con outras 300 mulleres galegas destacadas nas súas respectivas áreas profesionais e neste mesmo ano tamén se incorporou a Executivas de Galicia. No que se refire a esta edición, remarcan que se trata de poñer en valor a ”longa carreira científica” de África González, así como os diversos premios e recoñecementos que obtivo, como a súa recente incorporación á Real Academia de Farmacia de Galicia. “Son razóns máis que suficientes para outorgarlle este galardón, pero tamén as socias de Executivas recoñecen o seu espírito colaborador, a súa calidez humana e o seu compromiso co liderado feminino de maneira xeral e, en particular, no ámbito da ciencia, onde aínda hai moito camiño por percorrer”. 

“Honrada e feliz”

Ante este recoñecemento, a docente amósase “moi honrada e feliz, ao ser un premio por votación das executivas” e considera que é un orgullo “poder visibilizar a ciencia, a empresa e a divulgación”, xa que como explica, durante os últimos meses atopouse “coa obriga de intentar explicar e resolver dúbidas relacionadas coa pandemia dende a inmunoloxía”. Sobre a crise sanitaria remarca que “a pandemia vai cambiar a nosa sociedade e xa afectou de forma moi directa ás mulleres en todos os ámbitos, pero debemos afrontar os retos que nos plantexa con dinamismo, ilusión e forza”. 

A catedrática agarda que este galardón e a posta en valor do papel das mulleres “sirva de estímulo a moitas mozas para que desenvolvan a súa carreira profesional, que emprendan, que sexan executivas en todo aquelo que se propoñan e, o máis importante, que sexan independentes tanto mental como economicamente”. 

O premio entregarase no mes de decembro en Santiago de Compostela no transcurso dun acto con formato mixto presencial e virtual, respectando as medidas de seguridade establecidas por mor da pandemia.

Un referente na inmunoloxía, a divulgación e o emprendemento

África González especializouse en Inmunoloxía na Clínica Puerta de Hierro de Madrid e posteriormente realizou unha estadía de pos-doutoramento co doutor César Milstein, premio Nobel pola técnica de obtención dos anticorpos monoclonais, no MRC de Cambridge. Incorporouse á Universidade de Vigo en 1996 para poñer en marcha unha nova área de Inmunoloxía, única en Galicia, área na que conseguiu a praza de catedrática. Foi directora tamén, dende a súa posta marcha ata outubro de 2019, do Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, que ten a categoría de Centro de excelencia de investigación de Galicia. Foi tamén presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía entre 2016 e 2020 e é académica correspondente da Real Academia de Farmacia de Galicia desde 2019.Ademais puxo en marcha a spin-off NanoImmunoTech e foi nomeada aos premios Women Innovator 2017 pola Comisión Europea e galardoada co Premio Mujer Científica en 2018.