A catedrática da UVigo agradeceu os apoios e demandou máis igualdade e financiamento
África Gonzalez recolle o Premio Wonenburger 2025 con “emoción, humildade e gratitude”
Na súa laudatio, Carmen García Mateo, gabou a capacidade de traballo e de liderado da galardoada
“Nada na vida debe ser temido, solo comprendido. Agora é o momento de comprender máis, para temer menos”. Con esta frase da científica Maria Skłodowska remataba este mércores a catedrática de Inmunoloxía da UVigo, África González Fernández, o seu discurso de recepción do Premio María Josefa Wonenburger Planells 2025, que lle outorgou a Xunta de Galicia, en recoñecemento o seu labor de investigación en inmunoloxía e nanomedicina. Nun acto celebrado en Santiago de Compostela, no que a doutora en Física pola USC Yolanda Prezado recibiu o Premio Wonenburger 2026, a catedrática da UVigo rememorou a súa traxectoria profesional e vital, ao tempo que agradeceu os apoios recibidos e reivindicou máis igualdade e oportunidades para as científicas, así como “financiamento público e privado para a investigación, para poder construír unha Galicia, unha España e un mundo mellor”.
En ausencia da reitora da UVigo, foi a vicerreitora de Oferta Académica, Esther Pillado González, a encargada de ler a súa laudatio, na que Carmen García Mateo, galardoada a súa vez en 2014 co Premio Wonenburger, gabou “o brillo académico; sede de coñecemento; e capacidade de traballo e liderado incrible” de González. Ademais de repasar as achegas e logros científicos e académicos da galardoada, a laudatio da reitora da UVigo, agradeceulle á investigadora do Cinbio “a túa ciencia, amizade e a demostración de que coa mente no laboratorio e o corazón na sociedade pódense mover montañas”.
No caso de Yolanda Prezado foi a reitora da USC, Rosa Crujeiras, a encargada de ler a laudatio da entrega do premio, que realizou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, nun acto celebrado este mediodía na Cidade da Cultura. Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor o papel das dúas investigadoras como referentes para as novas xeracións de mulleres que desexan desenvolver a súa carreira nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, subliñando a importancia de visibilizar o talento feminino en sectores estratéxicos para o desenvolvemento de Galicia.
“A sorte de dedicarme á imnunoloxía”
A catedrática de Inmunoloxía da UVigo comezou a súa intervención agradecendo ao pleno da Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta o galardón e a súa satisfacción polos avances que se están a producir en igualdade, dos que un exemplo é a presenza de dúas mulleres á fronte das reitorías da UVigo e da USC. Tras recoñecer “a sorte de dedícame á inmunoloxía”, África González sinalou que esta rama da ciencia é unha boa metáfora da carreira científica, “precísase forza, memoria, adaptación, moita resiliencia e estar vixiantes de forma continúa para captar financiamento. Tamén hai que saber agardar, cooperar e atopar o momento axeitado”.
A docente e investigadora do Cinbio rememorou na súa intervención as súas orixes humildes e a súa atracción por unha especialidade nova como a inmunoloxía, “na que había que estudar moito. Iso foi o que me atraeu”, asegurou. Os estudos de Medicina, o traballo con César Milstein na súa etapa postdoutoral e a súa incorporación á UVigo, onde iniciou hai 30 anos a única área de Inmunoloxía das tres universidades galegas, marcaron a evolución profesional de África González, que tamén destacou o seu labor como divulgadora, moi especialmente durante a pandemia de Covid-19 á fronte da Sociedad Española de Inmunología.
“En paralelo, unha parte moi importante do meu traballo actual céntrase no estudo do cancro, sobre todo o de páncreas. O noso grupo pensa que unha terapia secuencial debe iniciarse con afectar primeiro ao estroma tan denso, que permita posteriormente a chegada de fármacos e de inmunoterapia”, explicou González, que sinalou o esperanzador dos resultados en modelos animais. Conseguir financiamento, formar equipos, publicar, competir e manter viva a curiosidade, son algúns dos retos que a catedrática da UVigo enfrontou ao longo da súa traxectoria científica, na que demandou “ que se sigan abrindo portas para apoiar ás xeracións novas e dicirlle ás nenas e ás estudantes que a ciencia tamén lles pertence”.
África González dedicou unha parte moi importante do galardón, que dixo recoller con “emoción, humildade e gratitude”, ao seu grupo de investigación en Inmunoloxía (IN.1), “case unha familia”, e ademais de reivindicar o rigor, “pero tamén o humor”, na ciencia; agradeceu o apoio da súa familia, “ a miña nai, exemplo de superación e positividade, irmáns; meu pai Jose Juan e a miña irmá pequena, Ana; o meu home Esteban e os meus fillos, Ricardo e Alberto. Os meus apoios, sempre”.
Para rematar, enunciou o seu compromiso cunha ciencia excelente, pero tamén máis humana, inclusiva e consciente da responsabilidade social; desexou que “as próximas xeracións de científicas non teñan que falar tanto de barreiras, senón de oportunidades”; e demandou “máis financiamento público e privado para a investigación”.
Xustiza poética para a súa traxectoria
Tras lembrar que ela mesma recibira o Premio Wonenburger en 2014, “por iso, querida África, sei exactamente o que significa este día, o que pesa este recoñecemento e a xustiza poética que representa par a túa traxectoria”, Carmen García Mateo na súa laudatio, lida por Esther Pillado, rememorou algúns dos fitos máis salientables da traxectoria profesional da catedrática da UVigo: desde a súa licenciatura en Medicina e Cirurxía pola Universidad de Alcalá de Henares ata dirección do Cinbio entre 2009 e 2019, pasando pola creación da spin-off NanoImmunoTech; a publicación de máis de 200 documentos, algúns en revistas como Nature, Cell ou PNAS; ou o liderado de proxectos europeos como Biocaps, dotado con máis de 4,6 millón de euros para o desenvolvemento do Instituto Biomédico de Vigo.
“Pero se hai algo que te define máis que os títulos e os números, África, é a túa xenerosidade e a túa calidade humana”, destacou a laudatio da reitora da UVigo, aludindo ao papel de divulgadora de González durante a pandemia e tamén coa publicación de volumes como Inmuno Power, “cuxos beneficios e royalities doas integramente á Asociación Síndrome de Marfan, en memoria da túa irmá pequena. Esa sensibilidade e ese amor son os que realmente elevan a túa ciencia á categoría de humanidade”.
Rematou Garcia Mateo asegurando que “hoxe Galicia e a Universidade de Vigo prémianse a si mesmas ao darte este recoñecemento. Grazas pola túa ciencia, grazas pola túa amizade, e grazas por demostrar que coa mente no laboratorio e o corazón na sociedade pódense mover montañas”.
