DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias do Mar acolleu un curso promovido pola FAO

De África a Vigo para formarse en fauna bentónica de augas profundas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI 16/11/2018

Unha decena de científicas e científicos procedentes de institutos de investigación mariña e universidades de Mauritania, Senegal, Serra Leona, Namibia, Mozambique, Seixeles e Mauricio, remataron nas últimas horas a súa formación en identificación e mostraxe biolóxico da fauna bentónica das aguas profundas, nun curso celebrado na Facultade de Ciencias do Mar. Promovido pola FAO, Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, o obradoiro, de tres días de duración, foi impartido polo docente e investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Fran Ramil, co apoio do equipo científico do proxecto EcoAfrik, froito da colaboración entre a institución académica viguesa e o Instituto Español de Oceanografía.

“O obxectivo do curso, o primeiro que organiza a FAO sobre este tema, foi impartir unha formación científica básica que permita ás e aos científicos africanos a identificación de esponxas e corais, os dous grupos máis importantes como indicadores de ecosistemas mariños vulnerables, nas campañas de pesca de arrastre”, explican Fran Ramil e Ana Ramos investigadora do Instituto Español de Oceanografía, que lamentan que máis científicos non puidesen finalmente participar no obradoiro ao rexistrase problemas coa obtención dos seus visados. Pola súa banda, Edoardo Mostarda, responsable das actividades relacionadas coa capacitación en materia de especies vulnerables e biodiversidade da FAO en Roma, asistiu ao curso en representación do organismo internacional.

Preocupación da FAO polos efectos adversos da pesca profunda na biodiversidade

O obradoiro desenvolvido no campus de Vigo insírese nas accións desenvolvidas pola FAO desde o ano 2006 cando se fixo eco da preocupación dos organismos internacionais, en particular Nacións Unidas, polos efectos adversos da pesca profunda na biodiversidade e nos ecosistemas dos fondos mariños. “Para enfrontar o problema, a FAO publicou unha serie de directrices internacionais co obxectivo de servir de referencia e animar aos países e comisións rexionais de pesca a realizar esforzos a prol do uso sostible dos recursos vivos mariños, a prevención dos impactos negativos da pesca nos ecosistemas profundos e a protección da biodiversidade”, detallan Ramil e Ramos.

 A existencia de ecosistemas bentónicos con complexas estruturas bioxénicas tridimensionais que acollen unha alta diversidade biolóxica no noiro continental, foi un importante descubrimento científico realizado nas últimas décadas. Actualmente sábese que estes ecosistemas, formados principalmente por esponxas e cnidarios, entre os que se atopan os arrecifes de coral de augas frías, os canóns e montañas submarinas, os campos de esponxas e bosques de gorgonias, son altamente vulnerables aos impactos da pesca, de aí que sexan coñecidos como Ecosistemas Mariños Vulnerables (EMVs).

“O equipo EcoAfrik ten unha ampla experiencia no estudo da biodiversidade e dos ecosistemas bentónicos de África, en particular de augas profundas e desenvolvemos un programa de formación de científicos africanos na investigación e conservación da biodiversidade e hábitats bentónicos, que trata de transferir os coñecementos adquiridos ao longo de 15 anos en terceiros países”, sinalan Ramos e Ramil, que lembran a colaboración de EcoAfrik coas actividades da FAO, relacionadas, en particular, coa capacitación mediante a súa participación en campañas, grupos de traballo e obradoiros do programa EAF-Nansen.