DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor saínte destacou a lealdade institucional do órgano colexiado e desexou sorte ao seu sucesor

Agradecementos e parabéns marcan o derradeiro Consello de Goberno presidido por Salustiano Mato

Aprobouse a liquidación do orzamento de 2017 e a normativa para o pago con tarxetas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/05/2018

“Grazas pola súa asistencia constante, pero sobre todo pola súa comprensión, confianza, compromiso, crítica, lealdade institucional e cariño. Quero que quede claro,  ao final desta lexislatura, que isto foi o que percibiu este equipo de goberno”. Con estas palabras agradecía este mediodía o reitor saínte da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, aos membros do Consello de Goberno o labor desenvolvido ao longo dos oito últimos anos, que se corresponden coas dúas lexislaturas nas que presidiu o órgano colexiado. Os agradecementos e recoñecementos ao equipo de goberno saínte e os parabéns e desexos de éxito ao reitor electo, Pachi Reigosa, presente na sesión na súa condición de membro do consello, marcaron a derradeira sesión do órgano colexiado baixo a presidencia de Salustiano Mato, que desexou “a mellor das sortes e dos éxitos posibles” para o seu sucesor.

Na sesión ordinaria celebrada este mércores, as e os integrantes do Consello de Goberno aprobaron, entre outras cuestións, a conta de liquidación do orzamento do exercicio 2017, que, segundo explicou o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, “despois de facer o recálculo definitivo da prorrata do IVE o resultado orzamentario que traemos hoxe aquí é definitivamente positivo en 1.275.758 euros, co que pechamos un ciclo de resultados económicos en equilibrio desde 2012, que desexamos que sexa a senda de resultados a acadar no futuro por esta universidade”. A aprobación dunha normativa que regula a utilización de tarxetas de débito virtuais como medio pago para realizar compras a través de internet, foi outro dos puntos da orde do día da sesión celebrada hoxe, na que tamén se acordou prorrogar dous anos máis o contrato de profesor emérito do catedrático Federico Vilas, así como as excedencias temporais ao abeiro da Lei da Ciencia dos docentes e investigadores Nuria González e Ángel Barajas, nas universidades de Texas e San Petesburgo, respectivamente.

No seu derradeiro informe ante o Consello de Goberno, Mato deu conta da presentación, co gallo da celebración do encontro de reitores Universia en Salamanca, do estudo final sobre prestixiar, impulsar e aplicar a transferencia de coñecemento nas universidades españolas, que o reitor saínte da Universidade de Vigo se encargou de elaborar e que impulsa o nacemento cun novo modelo de definición da transferencia do coñecemento “máis inclusivo, máis aberto, no que se miran todos os ámbitos do coñecemento, non falamos de transferencia de tecnoloxía, senón de transferencia de coñecemento. Nace un novo modelo no que se vai basear un novo tramo promovido polos ministerios que será o tramo de transferencia compatible cos quinqenios de docencia e sexenios de investigación. Unha nova forma de recoñecer un ángulo máis do labor que fan os profesores de universidade ”, explicou Mato.

Quenda para os agradecementos e os bos desexos 

O docente e investigador do Departamento de Economía Aplicada José Carlos Álvarez Villamarín foi, na quenda de rogos e preguntas, o primeiro en agradecer o traballo desenvolvido por todas e todos os integrantes dos equipos de goberno e as súas respectivas estruturas, baixo os mandatos de Salustiano Mato. “Amosando un compromiso co aforro nunha época dura, asumiron un traballo difícil, escuro, complicado e incomprendido, pero cunha intensidade e dedicación, digna da agradecer”, asegurou Álvarez Villamarín, que gabou o traballo realizado durante un período “de crise da gran intensidade do que se logrou saír e incluso formulando retos como a RPT”.  Pola súa banda, o representante sindical do PDI Bienvenido Díez asegurou que “tivemos aquí oito anos de combate. Puidemos sacar máis, pero tamén menos e as contas quedan como quedan” e desexou ao novo equipo de goberno “acerto, coraxe e sorte porque a cousa está como está”. 

Mentres, Luis Pérez, representante sindical do PAS, asegurou, a título persoal, coincidir cos criterios e decisións do equipo de goberno, “as discrepancias fortes as manifestei, pero en todo momento o que pensei e defendín foi en base á institución. Creo que se fixo unha xestión ante uns elementos externos con moito perigo ideolóxicos, económicos e políticos e quero recoñecelo publicamente”, explicou. Pola súa banda, o presidente do Concello Social, Ernesto Pedrosa incidiu “no espírito de colaboración e sincronización co equipo de goberno, ao que felicito polo excelente labor realizado e que personalizo en Salustiano Mato co que me une unha gran relación”. Pedrosa desexou ao novo reitor e ao seu equipo “os maiores éxitos na súa nova andadura”, ao tempo que lles ofreceu o apoio do Consello Social “para calquera cuestión que sexa necesaria”, asegurou Pedrosa.

Trala intervención do presidente do Concello Social, foi Salustiano Mato o que tomou a palabra para dicir “grazas a todas e todos por estes anos. Levántase a sesión”.