DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi proclamado por aclamación para os comicios que se celebrarán en abril ou maio de 2022

Agradecido e con ilusión renovada afronta Manuel Reigosa a súa reelección como candidato a reitor de H2040 

“Se me elixides non vos defraudarei. Vou deixarme os folgos e traballar arreo”, dixo o actual reitor

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 25/11/2021

A Universidade de Vigo escollerá a quen será o seu próximo reitor nunha xornada electoral que se celebrará a finais de abril ou principios de maio de 2022. O actual reitor, Manuel Reigosa Roger, é desde hoxe o primeiro candidato confirmado que concorrerá a este proceso, despois que a formación H2040, o proclamase por aclamación este mediodía no proceso de primarias celebrado no salón de actos da Escola de Enxeñaría Industrial. Arroupado polo seu equipo de goberno e polos integrantes de H2040, Reigosa recibiu o respaldo unánime para liderar a candidatura coa que pretende continuar á fronte da Reitoría da UVigo ata 2025. Na súa primeira intervención, o aspirante a candidato agradeceu o apoio recibido e afirmou que “coa mesma ilusión de hai catro anos me presento ante vós para pedir o voso apoio, porque quedan moitas cousas por facer para que a universidade das persoas sexa unha realidade completa”. Reigosa destacou os avances acadados baixo o seu mandato en cuestións como a igualdade e a internacionalización, aínda que recoñeceu que en ambos casos queda traballo por facer, así como na necesaria renovación dun cadro de persoal envellecido. 

“Prometo que se me elixides non defraudarei. Vou deixarme os folgos e traballar arreo”, asegurou Reigosa ante as e os asistentes á xuntanza deste mediodía, aos que recoñeceu que os tres anos e medio que leva á fronte da Reitoria “foron moi gratificantes, pandemia incluída, Disfrutei cada día cos retos, incluso cos inesperados”, asegurou.

Proclamado por aclamación

Logo da intervención do candidato de H2040 a reitor, abriuse unha quenda de intervencións na que o docente e investigador da EE de Telecomunicación Jose Carlos Ardao gabou o traballo desenvolvido por Reigosa, mentres que José Luis Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, asegurou que a filosofía coa que H2040, metaforicamente representada pola súa imaxe corporativa, se presentou aos anteriores comicios “non está oxidada. Funciona e vai funcionar e Pachi é a persoa que nos ten que dirixir”.

Finalizadas estas dúas intervencións, a coordinadora institucional de H2040, Elena Rivo, foi a encargada de anunciar a proclamación por aclamación de Manuel Reigosa como candidato de H2040 para as vindeiras eleccións da reitor que se celebrarán na UVigo. 

A obriga moral de volverse a presentar 

Unha vez confirmado como aspirante a reitor por H2040, Reigosa non agochou a súa alegría e recoñeceu a ilusión que lle producía revalidar a confianza dos seus compañeiros e compañeiras, o tempo que lembrou que xa hai un ano apuntara o seu interese en volver a presentarse “como unha obriga moral, porque hai unha serie de liñas de actuación que levamos facendo desde antes de gañar as eleccións que pensábamos que era bo para a institución”. 

O candidato de H2040 apuntou que a formación concorrerá ás eleccións cunha oferta “que espero que sexa atractiva para a comunidade universitaria, afondado nas liñas das que sempre falamos: a universidade das persoas, favorecer que a xente no traballo poida progresar e que os nosos egresados sexan os mellores do mundo, se é posible, e facelo desde unha liña de diálogo, con moito acordo”. E é que segundo Reigosa, unha das cuestións que máis satisfacción se produce son os “acordos históricos”, asegura que se produciron nas mesas de negociación coa representación sindical, tanto do PAS como do PDI, “un traballo de negociación ao que estabamos pouco afeitos, e a verdade é que estou encantado porque os éxitos non son do equipo reitoral, senón da comunidade universitaria, pero a nós tamén nos toca algo e algún dia toca presumir”, dixo o candidato. 

A internacionalización, atraendo alumnado, PAS e PDI estranxeiro; ser unha universidade máis igualitaria e a renovación do cadro de persoal, son para Reigosa os grandes retos que debe enfrontar a UVigo “porque queremos seguir sendo unha universidade competitiva que está entre as 600 mellores do mundo, aínda que eu aspiro a estar entre as 500 mellores no seguinte mandato”, detallou o aspirante a reitor, que tamén avoga por que a institución debe estar aberta e ser un socio prioritario para empresas, institucións e outras universidades a través da colaboración e non da competición. “Hai vimbios para facer que unha universidade que xa é boa, sexa aínda mellor”, asegurou.

“Encantado” de confrontar con outro candidato

Cara a celebración da campaña electoral, Reigosa asegura estar, “encantado de calquera confrontación de ideas e calquera acordo ao que se poida chegar”, aínda que lamenta que “parece que nesta universidade estamos condenados a ter só dous candidatos ou un. O debate enriquécese con máis candidatos e xa anuncio que sexa cal sexa o número de candidatos estarei disposto a debater en mesas abertas, porque ese é o camiño”. Sobre a conformación do equipo co que concorrerá aos vindeiros comicios, o actual reitor apunta que, “aínda que deberíamos pensar nun equipo tan completo como o que iniciou o anterior mandato, é moi cedo”. Para o aspirante á Reitoría da UVigo o traballo que se fixo estes anos “foi inconmensurable. Non había sábados nin domingos e cando chegou a pandemia foi incrible e o equipo estivo de 10, como toda a comunidade universitaria. Tomáronse decisións acertadas. O estudantado doutras universidades pedía aprobado xeral, e aquí pedían a posta en marcha de todas as aulas virtuais, ferramentas para avaliación xusta… O PAS organizou todo o traballo en dous días e o PDI publicou máis que outros anos”, detallou Reigosa. 

En contra do que ocorrerá na USC onde o seu reitor avanzaba hai uns días que se adiantará a data de celebración das eleccións, Reigosa confirmou que se manterá o horizonte temporal previsto, que se sitúa a finais do mes de abril ou principios de maio de 2022. “Penso que nós temos a obriga de traballar arreo na Reitoría ata fin de mandato cando tome posesión o novo equipo. Non podo, debo ou quero deixar de facer cousas que hai que facer, como o orzamento. No día a día hai moito que facer e farémolo ata o derradeiro día”, dixo Reigosa.