DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Agricultura, viticultura e deporte centran o noveno número da revista "Decisión"

Elaborada pola EU de Estudos Empresarias e editada polo Servizo de Publicacións

Etiquetas
  • Vigo
Romina Vázquez DUVI 04/03/2008

Sectores tan importantes como a agricultura, a viticultura ou o deporte, moi vinculados coas organizacións empresariais dende o punto de vista de clientes ou de prestación de servizos, están presentes na noveno número da revista Decisión, elaborada pola EU de Estudos Empresarias e editada polo Servizo de Publicacións da Universidade. Nesta ocasión, os seus autores pertencen aos departamentos de Economía Financeira e Contabilidade e Organización de Empresas e Márketing, que son os que contan con maior presenza dentro da Escola.

Cinco artigos para o noveno número

Os artigos presentados dentro deste último número son cinco. O primeiro está asinado polos investigadores Beatriz González, Ernesto López-Valeiras e Félix Sánchez e ten por obxectivo analizar a aplicación do sistema de custes abc no sector vitivinícola, e en concreto nos datos da Denominación de Orixe Ribeiro, a máis antiga de Galicia.
Pola súa parte, María Eva Diz e Begoña Urgal presentan dous traballos. En primeiro lugar, baixo o título A importancia do persoal en contacto na prestación de servizos, analizan a posición xerárquica dos empregados que traballan de cara ao público dentro da empresa, así como o seu papel na produción do servizo e as funcións que deben desempeñar, o que pon de manifesto a importancia da súa formación de cara a unha correcta actuación. O segundo artigo asinado polas autoras pon de manifesto a importancia do cliente na produción do servizo, xa que, ademais de actuar como consumidor, desempeña funcións de co-produtor. Ante esta situación, estudan as razóns que xustifican dita participación e os distintos tipos posibles, analizando as súas vantaxes e inconvenientes.
Doutra banda, nunha sociedade como a actual, na que a actividade deportiva ten un papel protagonista, as ferramentas empresariais para a avaliación da inversión pública no sector son unha necesidade real, e precisamente este é o eixo sobre o que xira o artigo publicado polos investigadores Ángel Barajas e Patricio Sánchez.
O último dos estudos presentados ven da man de José Luis Sáez e Paz Rodríguez que analizan a especial casuística contable das empresas agrícolas, tratada dentro da lexislación reguladora da Norma Internacional de Contabilidade (NIC) Agricultura.