DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O satélite Serpens desintegrouse tras 192 días operativo en órbita e 3000 voltas á Terra

A Agrupación Aeroespacial considera cumprido o 100% das expectativas no seu primeiro proxecto internacional

Consideran acadados os obxectivos científicos e demostrada a fiabilidade da súa tecnoloxía

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 01/04/2016

Eran aproximadamente as 09.00 horas do domingo 27 de marzo, hora de Vigo, cando no Atlántico sur, fronte ás costas de Brasil, o satélite Serpens reentraba na atmosfera, desintegrándose totalmente. Remataba así unha experiencia iniciada dous anos antes cando a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo asumía o seu primeiro proxecto cun cliente internacional, a Agência Espacial Brasileira, AEB, que puxo en marcha o proxecto Serpens (Sistema Espacial para a Realizaçao de Pesquisa e Experimentos com Nanossatélites), baixo a coordinación da profesora Chantal Cappelletti da Universidade de Brasilia e coa participación de alumnado dos institutos e universidades brasileiras, Federal de Santa Catarina, Minas Gerais, Federal do ABC e o Instituto Federal Fluminense, ademais das universidades de Vigo, Morehead State e a California State Polytechnic de EEUU e a Sapienza Università di Roma de Italia. Tras varios anos traballando en proxectos desenvolvidos enteiramente na Universidade de Vigo, a Agrupación Aeroespacial, que dirixe o investigador e docente Fernando Aguado, enfrontaba a súa primeira colaboración internacional nun proxecto que incluía de inicio un satélite, catro estacións en terra e unha vintena de sensores localizados en puntos tan distantes como Vigo, Ourense, Calpoly (USA), Valdivia (Chile), a Antártida e Brasil para enviar datos ambientais, que usando bandas de frecuencia de radio comunicaríanse co satélite.

Unha plataforma de altas prestacións e unha carga útil evolucionada de Humsat, con melloras baseadas nos datos en órbita deste satélite, centraron o traballo do equipo da Universidade de Vigo no denominado sector B de Serpens, tomando ademais parte no despregue de sensores durante a fase de operación. “O sector B funcionou perfectamente, desde o primeiro ao último día, polo que valoramos moi positivamente o resultado do noso traballo. Puidemos cumprir todos os nosos obxectivos científicos e a tecnoloxía desenvolvida na Universidade de Vigo demostrou a súa fiabilidade e potencial”, asegura Fernando Aguado, para quen o maior logro da Agrupación Aeroespacial foi cumprir con éxito co seu primeiro contrato externo cunha axencia espacial , “acadando o 100% das expectativas e deixando á axencia brasileira enormemente satisfeita”. Un éxito que a Agrupación quere dedicar de xeito moi especial a un dos seus integrantes e impulsores: o profesor e investigador e comisionado do Vigo Tecnolóxico, José Antonio Vilán, que continúa a súa recuperación tras sufrir un grave accidente cando circulaba en bicicleta por unha estrada de A Guarda.

O satélite lanzouse o 19 de agosto de 2015 cara á Estación Espacial Internacional, ISS, e alí permaneceu ata o 17 de setembro, cando foi inxectado na atmosfera. Ata o 27 de marzo de 2016, día da reentrada na atmosfera, Serpens estivo un total de 221 días no espazo, 29 almacenado na estación e 192 operativo en órbita, dando 3000 voltas á Terra.

A enriquecedora experiencia do traballo conxunto

Sumado ao éxito que supón ter cumprido coas expectativas xeradas en relación con este proxecto, os integrantes da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo tamén fan unha valoración moi positiva do traballo desenvolvido de xeito conxunto co equipo brasileiro, “o que nos achegou unha experiencia moi enriquecedora”, sinala o enxeñeiro Alberto González. Para o integrante da Agrupación poder traballar con outros equipo e aprender outro xeito de facer as cousas “permitiunos valorar que facemos ben e no que aínda temos que mellorar”.

Serpens foi ademais, segundo os integrantes da Agrupación, un satélite da constelación Humsat que lles permitiu mellorar o sistema e co que puideron realizar as primeiras probas piloto con usuarios reais, aínda que a súa reentrada na atmosfera impídelles seguir realizando este labor. Unha mostra en directo e aberta á sociedade da utilidade da tecnoloxía aeroespacial desenvolvida na Universidade tivo lugar o 10 de decembro de 2015 en Ourense, cando os investigadores do grupo LIA2 da Escola Superior de Enxeñaría Informática, encabezados polo docente e investigador Armo Formella, enviaron datos hidrolóxicos obtidos na estación de medición da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, ao carón do río Miño, ao seu Centro de Control de Conca, comparando os resultados cos enviados polo satélite que habitualmente empregan, o Meteosat.

O 22 de febreiro rexistrábase un novo fito no desenvolvemento da constelación Humsat ao ser quen os integrantes da Agrupación Aeroespacial de establecer unha conexión coa base antártica Gabriel de Castilla, dende onde se recibían datos meteorolóxicos diarios na estación de seguimento do campus de Vigo. Científicos do proxecto Permathermal da Universidade de Alcalá, que tomaban parte na Campaña Antártica, instalaron unha estación meteorolóxica deseñada polos investigadores vigueses na lomba JB de Illa Decepción que recollía e almacenaba datos de velocidade e dirección do vento, temperatura e precipitación para despois ser transmitidos polo satélite Serpens e descargados en Vigo. “Grazas, tanto ao satélite Serpens, como a o satélite Humsat-D, fomos quen de verificar o sistema Humsat en órbita, melloralo e facer as primeiras probas con usuarios reais, o que permitirá a distintas universidades e institucións do consorcio desenvolver os seus propios satélites, sensores e estacións de terra con maiores garantías de éxito. Estas institucións serán as que coas súas achegas e en subseguintes fases, despreguen o sistema Humsat na súa totalidade”, explica Alberto González.

Próximo reto: estudar os efectos do impacto dunha nave contra un asteroide

Despois de pechar a páxina de Serpens, a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo traballa desde hai meses nun novo reto: a participación en AIDA, a misión conxunta entre a NASA e a Axencia Espacial Europea, ESA, para desviar un asteroide mediante o impacto dunha nave construída pola axencia do goberno de EEUU. “Estamos a traballar nun nanosatélite que será levado ata as inmediacións do asteroide por un satélite da ESA e que axudará a estudar os efectos do impacto”, explica Fernando Aguado sobre unha misión “cun gran prestixio internacional que levará un nanosatélite onde nunca antes se levou”.