DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumno sénior Ramón Fernández é o seu autor

'En el agua de las fuentes', unha novela fraguada entre clase e clase do Programa Universitario de Maiores

A obra céntrase na resolución de tres misteriosos asasinatos ambientados en Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 10/12/2019

“Alfonso Piñeiro, un policía da pequena comisaría de Ourense e recentemente ascendido a inspector xefe da devandita comisaría, ten que enfrontarse cos seus homes de confianza e a axuda de distintos personaxes a descubrir un asasino distinto a todo o que coñece na súa vida profesional”. Con este argumento e protagonista presentouse este martes no campus de Ourense a novela En el agua de las fuentes, primeira obra de ficción de Ramón Fernández, alumno do Programa Universitario de Maiores neste campus, que fraguou esta historia entre clase e clase.

Na presentación do libro acompañaron ao seu autor Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Alberto Vaquero, coordinador do Programa Universitario de Maiores en Ourense, e Camilo Brandín, profesor deste programa. Durante a súa intervención, Esther de Blas salientou ao numeroso alumnado sénior presente no acto como Ramón Fernández “é un exemplo da vosa iniciativa e bo facer”, felicitando ao autor polo traballo realizado. Do mesmo xeito, Alberto Vaquero recalcou como este tipo de accións amosan como o alumnado do Programa de Maiores “son persoas moi activas e dinámicas”, salientando do autor a súa capacidade de traballo, xenerosidade e perfeccionismo e a súa paixón pola fotografía, pola escritura e polo Camiño de Santiago. “Ten un mérito impresionante”, apuntou Camilo Brandín, o feito de sexa un alumno o que conseguise a publicación dun libro.

Segundo detallou na presentación Ramón Fernández, nado en Ourense en 1951, en 2015 matriculouse no Programa Universitario de Maiores do campus tras xubilarse despois dunha vida dedicada ao sector da construción. “Unha tarde, entre clase e clase, tiña unha hora libre. Quedeime nunha aula só e aí empezou todo. Aí comezaron os meus amigos imaxinarios a vir sobre o papel, a uns fíxenos bos, a outros non tanto, pero a todos lle cheguei a coller cariño”, indicou. Despois de arredor de tres anos, indicou, conseguiu rematar a novela e publicala na Editorial Círculo Rojo. No camiño, apuntou, tivo que levar a cabo un intenso traballo do que destacou a importancia da documentación para que a historia resultase crible e interesante, chegando a consultar, indicou, con forenses as características dos asasinatos ideados para garantir a súa orixinalidade.

Primeira entrega dunha triloxía

A novela, dixo Ramón Fernández, “ambiéntase na miña cidade, en Ourense”. A cidade preséntase no libro como “unha cidade pequena, onde a tranquilidade forma parte da vida cotiá das súas xentes. Unha cidade amante da natureza e da auga, representada de moitas maneiras: fontes termais, fontes ornamentais en parques, estanques e ríos”. Neste contexto, recolle a novela na súa presentación, “a súa vida apracible vese alterada por uns sucesos que conmocionan a tranquilidade das súas xentes: unha serie de asasinatos que deixan aos investigadores perplexos ante a maneira en que se producen”. O inspector xefe Alfonso Piñeiro e o seu equipo farán fronte a este caso ao longo das páxinas do libro. Ademais do seu traballo, na novela terá un papel destacado a vida persoal de Piñeiro no seu intento de superar un fracaso sentimental anterior e comezar outra historia sentimental.

“Moi feliz co resultado” da súa primeira obra de ficción, Ramón Fernández adiantou a súa intención de que este libro sexa o primeiro dunha triloxía. “Neste libro cométense tres asasinatos. Na segunda parte, na que xa estou traballando, haberá outros tres asasinatos tamén moi distintos e xa teño ideas para facer a terceira entrega”, comentou o autor na presentación. Os beneficios da publicación En el agua de las fuentes será destinados integramente por parte do seu autor á organización non gobernamental a favor da infancia Save the Children.